Máis de 72.200 alumnas e alumnos galegos contarán cun ensino plurilingüe este curso ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura e Educación

En total haberá un 31,2% máis de estudantes beneficiados que no curso anterior

O departamento educativo da Xunta vén de facer oficial a relación definitiva dos novos centros plurilingües, seccións bilingües, e centros participantes no programa CUALE

Ademais, o sistema educativo galego contará este curso cun total de 435 auxiliares de conversa

Lun, 16/09/2013 - 13:34
Máis de 72.200 alumnas e alumnos galegos contarán cun ensino plurilingüe este cu
Máis de 72.200 alumnas e alumnos galegos contarán cun ensino plurilingüe este curso ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará este curso 2013/2014 a máis de 72.200 alumnas e alumnos –un 31,2% máis que no curso 2012/2013- a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Para iso, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de publicar a relación definitiva de novos centros plurilingües, seccións bilingües, e centros participantes no programa CUALE, liñas de actuación todas elas enmarcadas no devandito Plan, posto en marcha polo Goberno galego no curso 2010/2011.

En concreto este curso haberá 185 centros plurilingües, 2 máis que os previstos inicialmente e 37 máis que no 2012/2013, que facilitarán aprendizaxe de idiomas a máis de 23.200 alumnas e alumnos de toda Galicia. No caso das seccións bilingües, estudarán nalgunha delas durante este ano académico 47.500 alumnos. En total haberá 2.856 seccións (en 704 centros educativos), 483 máis que no 2012/2013, o que supón multiplicar case por 4 as que había no curso 2008/2009.

Ademais, o sistema educativo galego contará este curso 2013/2014 cun total de 435 auxiliares de conversa - 24 máis ca no curso 12/13, e o que supón multiplicar por 6’5 os que había no 08/09 - , que prestarán o seu apoio en seccións bilingües, centros plurilingües e Escolas Oficiais de Idiomas

No caso do programa de Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras (CUALE), no 2013/2014 chegará a máis de 1.504 estudantes de 35 centros educativos, o que supón un 9,5% máis de alumnado beneficiado. Cómpre lembrar que ao abeiro deste programa o alumnado recibe formación complementaria e voluntaria fóra do horario escolar para preparar as probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas.

Con estas novas incorporacións a Consellería de Cultura e Educación continúa a estender o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Desta forma, no 2013/2014 máis do 70% dos centros educativos sostidos con fondos públicos é plurilingüe ou conta con seccións bilingües.