O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia do investimento da xunta na ampliación do CEIP Ben Cho Shey como unha mostra da súa clara aposta polo ensino público
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe este colexio de Pereiro de Aguiar, no que a Consellería realizou xa un investimento de máis de 556.000 euros
Neste ano a Consellería investirá máis de 3 millóns de euros en obras nos centros de ensino públicos da provincia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou esta mañá a ampliación do CEIP Ben Cho Shey (Pereiro de Aguiar) como unha mostra da clara aposta da Xunta de Galicia polo ensino público. Neste sentido recordou a importancia que un investimento como este- de 470.000 euros-, ten no actual contexto de crise económica, no que a inversión en obras está case a desaparecer en outras Comunidades Autónomas.
“Ao longo deste ano 2013 imos investir máis de 3 millóns de euros en obras de mellora nos centros educativos públicos da provincia de Ourense, velando pola calidade das súas instalacións e dando resposta, ao mesmo tempo, ás necesidades crecentes de prazas públicas para a escolarización en zonas como a de Pereiro de Aguiar. Cómpre lembrar que estes traballos, unidos aos xa realizados no centro desde 2009, supoñen un investimento total da Consellería no centro – tanto en obras como en outros programas educativos- superior aos 560.000 euros.
Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado polo director do mesmo, Antón Gómez; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; o conselleiro lembrou que a ampliación do CEIP Ben Cho Shey era unha demanda histórica da comunidade educativa do centro, que poderá atender – unha vez rematada a reforma- a 50 nenas e nenos máis.
Novas aulas e melloras na accesibilidade
Para iso, crearanse 3 novas aulas de infantil cos seus correspondentes aseos e 3 novas aulas de primaria (neste caso cunha zona de almacenaxe cada unha de elas). Así mesmo crearase unha aula de reforzo, un área de orientación e unha zona de arquivo. A accesibilidade do centro verase tamén reforzada coa instalación dun ascensor, e a reestruturación de espazos permitirá a creación dunha nova saída de planta pola fachada posterior, así como a ampliación da biblioteca escolar. Ademais crearase un salón de usos múltiples na planta semisoto e substituirase a caldeira da calefacción por unha nova.
“As obras están moi avanzadas e agardamos que o vindeiro mes de setembro as alumnas e alumnos deste centro xa poidan gozar das novas instalacións”, explicou o conselleiro.
Vázquez Abad aproveitou a súa visita ao colexio para interesarse polo funcionamento da biblioteca escolar do centro, na que a Consellería leva investidos 5.450 euros. Ademais puido visitar a aula dixital coa que conta o centro, equipada con proxector, encerado dixital e ordenador para o profesor.