Cultura e Educación chegará o vindeiro curso a preto de 71.500 alumnos e alumnos co Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Segundo as resolucións provisionais da Consellería, haberá 183 centros plurilingües e 2.818 seccións bilingües

Ademais, 35 centros educativos contarán con cursos ao abeiro do programa CUALE

Galicia volverá ser unha das Comunidades Autónomas con máis auxiliares de conversa, un total de 435

Ven, 12/07/2013 - 13:56
 Cultura e Educación chegará o vindeiro curso a preto de 71.500 alumnos e alumno
Cultura e Educación chegará o vindeiro curso a preto de 71.500 alumnos e alumnos co Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará o vindeiro curso a preto de 71.500 alumnas e alumnos co Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, en concreto coas liñas de actuación referidas ás redes de centros plurilingües e seccións bilingües, e mais aos cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE).

Segundo as resolucións provisionais das convocatorias publicadas pola Consellería para a incorporación ás devanditas redes, o vindeiro curso o sistema educativo galego contará cun total de 183 plurilingües – 35 de nova incorporación-, grazas ao que case 23.000 alumnas e alumnos poderán ter un ensino plurilingüe (galego, castelán e unha lingua estranxeira). Ademais, haberá 445 seccións bilingües máis, ata sumar un total de 2.818 en 704 centros educativos, do que se beneficiarán 47.000 estudantes.

Ademais, Galicia volverá ser unha das Comunidades Autónomas con maior apoio de auxiliares de conversa nativos, un total de 435, un 6% máis que no curso 2012/2013. Entre eles atópanse, ademais dos auxiliares habituais e os sénior, un profesor de francés que chegará ao abeiro do acordo coa escola Jules Verne, e mais 7 profesores de portugués e de chinés.

Respecto dos cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE), o número de beneficiarios incrementarase nun 7%, ata os 1.504 estudantes. O alumnado dos 35 centros participantes no programa que supere as probas despois de realizar esta formación poderá obter, dependendo da modalidade, o certificado do nivel básico de competencia ou o certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas.