A Consellería de Cultura e Educación abre o prazo para que os centros públicos soliciten participar o vindeiro curso na convocatoria de contratos-programa
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a convocatoria para que os colexios e institutos públicos se sumen a esta iniciativa de innovación educativa, na que está previsto que participen máis de 300 centros de ensino
Este curso incorpórase unha 6ª actuación para a mellora da xestión da calidade dos centros
Nesta terceira convocatoria, amplíase o prazo ata o 13 de setembro para favorecer a incorporación de novos centros
Preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa, na que Galicia foi Comunidade Autónoma pioneira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará o vindeiro curso 2013/14 impulsando a mellora da calidade educativa a través da nova convocatoria de contratos-programa, na que está previsto que se impliquen máis de 300 centros de ensino, e na que Galicia foi pioneira. Os centros participantes no curso 2013/2014 poderán solicitar ata 6 actuacións, entre elas, PROA; mellora da lectura, escritura e cálculo; mellora da convivencia; redución do abandono escolar e mellora da excelencia educativa. A estas cinco actuacións que se viñan desenvolvendo ata este curso que remata, engádese agora unha sexta de especial interese para aqueles centros que procuren a mellora da calidade da súa xestión.
Os destinatarios de contratos-programa son os colexios e institutos públicos de Galicia interesados en desenvolver iniciativas que procuren a mellora do éxito escolar a través da introdución de metodoloxías innovadoras.
O éxito deste programa quedou demostrado, non en balde preto do 92,5% dos centros de ensino que asinaron contratos-programa consideran positivos ou moi satisfactorios os resultados desta iniciativa. No caso concreto das liñas de actuación referidas á redución do abandono e á mellora de coñecementos para acadar a excelencia a valoración é positiva ou moi satisfactoria no 100% dos centros. De feito, e de cara á convocatoria do próximo curso, a práctica totalidade dos 289 centros participantes nesta iniciativa nos transmitiron o seu interese por continuar con ela o próximo ano.
Novidades
Outra das novidades que se presenta para este novo curso é a xestión da convocatoria a través dunha aplicación informática específica que facilitará a introdución e a xestión dos datos das solicitudes dos centros.
O prazo de solicitude para concorrer nesta convocatoria estará aberto desde o 6 de xullo ata o vindeiro 13 de setembro. Con esta medida procúrase facilitar o proceso de solicitude dos centros de nova incorporación.
Neste curso 2012/13 que remata, un total 289 centros contaron con contratos-programa, o que supuxo que 3 de cada 10 centros públicos de ensino obrigatorio de Galicia se beneficiasen desta iniciativa.