2ºBAC
Permítannos presentarnos en primeiro lugar. Os nosos nomes son Francisco Javier Fernández Fernández e Iván Area, e seremos o Secretario e o Presidente da Comisión Delegada 08 na que realizará os exames de ABAU o alumnado do seu centro.
Queremos enviar neste correo distintas informacións altamente importantes para o bo funcionamento da comisión e a realización das probas de ABAU. Agradeceriamos confirmen a recepción do presente correo.
En primeiro lugar, en relación co acceso ás aulas, remitimos un arquivo pdf no que pode ver por que porta debe facer a entrada o alumnado do seu centro, así como de todos os centros da Comisión Delegada 08. Pregamos que o alumnado tente non aglomerarse e faga unha entrada o máis ordeada posíbel, a partir das 08.55. A Comisión Delegada 08 examinará ao alumnado dos seguintes centros
15023338 IES Praia Barraña Boiro
15026807 IES Félix Muriel Rianxo
15026391 IES Xulián Magariños Negreira
15023466 IES Lamas de Abade Santiago
36012471 IES Castro Alobre Vilagarcía de Arousa
e cada centro realizará a entrada por unha porta distinta. Pregamos respecten as portas de acceso e os espazos asignados para evitar aglomeracións.
Ademais, queremos informarlles de que o pasado mércores 26 tivemos unha reunión co Tribunal Único da ABAU onde recibimos distintas informacións importantes. Durante a celebración das probas, os representantes dos centros non terán acceso aos exames, que serán feitos públicos na páxina web da CiUG ao rematar cada unha das sesións. As copias dos exames (enunciados de preguntas) non se poden sacar da aula ata a finalización de cada proba. Debe terse en conta que tanto os vogais como os representantes de centro que estean na aula de exame tampouco poderán usar ningún dispositivo electrónico que comunique co exterior (móbiles, tabletas, ordenadores, etc.). Ademais non se pode abandonar a aula ata pasada a primeira media hora.
Non está permitido o uso de reloxos de ningún tipo. Os teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos terán que estar completamente apagados e gardados nas mochilas/bolsos que se deberán colocar o carón da cadeira onde se realice o exame. Só está permitido o uso de calculadoras non programables e sen capacidade gráfica nas materias correspondentes. O incumprimento desta norma será motivo de medida disciplinaria.
a. Antes de comezar o primeiro exercicio, chamarase por lista a cada alumno/a dúas veces, tomando nota das ausencias que se produzan en todos e cada un dos exames. Os/as alumnos/as deberán identificarse mostrando o seu DNI ou un documento equivalente (pasaporte, normalmente) e seranlles entregadas as etiquetas adhesivas que deberán colocar en cada exame. O representante de centro axudará na identificación do alumnado. De acordo co protocolo COVID publicado na web da CIUG, todas as persoas deberán de levar en todo momento máscara.
b. Cada alumno/a ocupará o mesmo posto na aula durante todas as probas, na medida do posíbel, e colocará en lugar visible o documento de identificación.
c. Todo o alumnado deberá manter os pavillóns auditivos despexados para a verificación de que non se usan dispositivos auditivos non permitidos.
d. Cómpre aconsellar ao alumnado que dea bo trato ás tiras que levan o seu código de identificación para evitar que, no momento da lectura de cabeceiras, se produzan atrasos e impedimentos nas sesións de gravación. Debe advertirse tamén deben evitar o contacto do xel hidroalcohólico coas etiquetas adhesivas, xa que poden alterarse os códigos identificativos.
e. Durante a realización dos exames o alumnado deberá manter os pavillóns auditivos despexados.
f. No folio de enunciados indícase o número máximo de preguntas que deben ser respondidas; se se responde a máis das indicadas, só se corrixirán as primeiras realizadas (segundo a orde de disposición no caderno de respostas) ata completar o número máximo.
g. Nos exames de Latín II e Grego II pódese usar dicionario. Poderán conter apéndices gramaticais, pero non páxinas con contidos literarios ou de evolución do latín para o galego ou castelán. Os dicionarios non poderán conterán anotacións nin ningún apéndice engadido que non sexa orixinal da obra. Os vogais deberán verificar que non existen e, de atopalas, serán consideradas como chuletas e o alumno/a será expulsado da aula e cualificado con 0 (cero) puntos nese exame.
h. Nos exames de idioma moderno (inglés, francés, alemán, portugués e italiano) non se pode empregar dicionario.
i. Nos exames de Matemáticas II, Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais e Química entregaránselle ao alumnado as correspondentes táboas complementarias.
j. As calculadoras non programables e sen capacidade gráfica pódense empregar naquelas materias nas que se precisen.
k. As copias dos exames (enunciados de preguntas) non se poden sacar da aula ata a finalización de cada proba. Os enunciados dos exames colgaranse na Web da CiUG ao final de cada xornada.
O/a alumno/a que detecte algún erro na súa matrícula da ABAU deberá comunicalo á presidencia da correspondente Comisión Delegada na hora establecida para a presentación o primeiro día das probas (9:00-10:00 horas), mediante solicitude por escrito. Unha vez finalizada esa hora de presentación do primeiro día da ABAU, non se permitirá ningún cambio de materia. A aquel/a alumno/a que se examine dunha materia distinta á que figura na súa matrícula, anularáselle o exame desta materia.
O caderno do exame está formado por dúas follas tamaño A-3 pregadas e grampadas, do que resultan 8 páxinas de formato A-4. Na primeira páxina os/as alumnos/as só poderán pegar a cabeceira. Aínda que esta páxina aínda contén as clásicas opcións A e B, non hai que marcalas tendo en conta os modelos de exame desta convocatoria. Tampouco hai que indicar nada relativo a que preguntas se deben corrixir ou deixar de corrixir xa que, tal e como xa se indicou "No folio de enunciados indícase o número máximo de preguntas que deben ser respondidas; se se responde a máis das indicadas, só se corrixirán as primeiras realizadas (segundo a orde de disposición no caderno de respostas) ata completar o número máximo."
Os alumnos/as poden utilizar todas as páxinas agás a primeira. Non se pode arrincar non engadir follas. Ademais, os alumnos/as disporán dun só caderno de examen para cada materia. Aqueles que deban realizar o exercicio de Debuxo Técnico, farano soamente no propio papel que inclúe o texto do exame. Os alumnos/as que teñan que facer a proba de Deseño recibirán unha folla especial para tal fin.
Os exames poden realizarse indistintamente en galego ou en castelán, agás no caso dos correspondentes a Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, e Lingua(s) estranxeira(s) que deberán responderse na propia lingua do exercicio.
Finalmente, os exames deben facerse con bolígrafo azul ou negro e ningún exame pode asinarse nin presentar marcas de ningún tipo que poidan permitir unha eventual identificación. Todos os exames realizados, incluso os que o/a alumno/a deixe en branco, deberán entregarse a un membro do Tribunal, esperando a que este comprobe que se lle entregan no número e condicións debidas.
O alumnado non poderá permanecer dentro do edificio unha vez remate o exame.
Atentamente
Francisco Javier Fernández Fernández e Iván Area Carracedo
Achéganse as datas dos exames da convocatoria extraordinaria de 2º Bacharelato
A promoción 2015-2021 (XXXIX Promoción) remata os seus estudos no noso centro e comeza unha nova etapa nas súas vidas. Con motivo da súa graduación celebrouse un emotivo acto que estivo magníficamente conducido polos alumnado de 2º BAC Benigno e Carla e que nos permitiu disfrutar do excepcional talento musical de Andrea, Rafael, Reyes e Lara.
Interviron no acto a directora do noso centro Clara Cristela Rodríguez, a madriña da promoción Susana Madera e por parte do alumnado Iria Lira e Rocío Santander.
Despedimos con moito cariño a esta magnífica promoción de alumnos, brillantes académicamente pero aínda mellores persoas. Parabéns e moitísima sorte. Aquí sempre teredes a vosa casa.
Durante este mes de maio o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º da ESO e o de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente de 2º de bacharelato fixemos unha serie de saídas á contorna coa fin de fortalecer os contidos impartidos en clase relacionados coa ecoloxía, rama científica da bioloxía.
Nunha das saídas, dirixidos por Sergio Vázquez (alumno do Prácticum do Máster Universitario en Profesorado de ESO), fixemos un estudo da biomasa árborea das explotacións forestais e dos bosques situados preto do noso centro educativo. Empregando un metro e un clinómetro caseiro, tomamos unha serie de medidas, coas cales posteriormente, usando a tanxente trigonométrica e outros cálculos xeométricos, estimamos a biomasa dunha serie de árbores. Finalmente, con esta mostra de datos individuais de cada árbore calculamos cal sería a biomasa para unha parcela enteira. Este estudo, pois, permitiunos repasar, amais de conceptos da materia de bioloxía, diversos conceptos matemáticos.
Noutra saída abordamos o estudo do rego de Doumes, situado preto do Instituto. Seguindo directrices do Proxecto Ríos, organizado pola asociación ecoloxista galega ADEGA, analizamos diversos factores abióticos, tales como a temperatura, pH, caudal, turbidez, dureza da auga, así como a concentración de nitritos, nitratos e cloro. Ademais disto estudamos a presenza de diversas especies que actúan como bioindicadores do estado da saúde ecolóxica dos ríos.
Unha vez analizados todos os datos, tanto os factores abióticos como os bioindicadores, chegamos á conclusión de que o estado deste ecosistema é sobresaínte. É unha gran noticia e esperamos que no futuro siga así.
Santiago Rodríguez. Profesor do Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía
A CIUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia) publica na súa Web toda a información necesaria para matricularse nas ABAU
TODA A INFORMACIÓN SOBRE AS ABAU EN CiUG | ABAU
O 27 de abril ábrese o prazo para presentar a solicitude.
Os premios extraordinarios de bacharelato recoñecen e valoran o esforzo, mérito e traballo do alumnado que cursou esta etapa cun excelente resultado académico.
Concédense ata 20 premios a nivel de toda Galicia, dotados con 1000 € cada un e diploma que permiten optar posteriormente ao premio nacional de bacharelato e tamén eximen do pagamento da matrícula universitaria en 1º curso.
Pode concurrir de xeito voluntario o alumnado que remate bacharelato este curso 20/21 cunha nota media superior a 8,75
INFORMACIÓN DA CONVOCATORIA NA WEB da Consellería de Educación
Atentos/as aos prazos para solicitar as becas de estudio de este ano !!!
- Becas para alumnado de Bacharelato, FP e outros estudos : ATA 1 de OUTUBRO. Ver toda a información.
- Becas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo: ATA 30 de SERTEMBRO. Ver a información.
Convocados os premios extraordinarios de bacharelato do curso 19/20. Para alumnado con nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75. O prazo de presentación de solicitudes comenza o 23 de xullo e remata o 24 de agosto. Tedes toda a información na web da Consellería. CONSULTAR
Ligazón ao protocolo de realización das probas ABAU 2020. Prestade moita atención as normas hixiénico -sanitarias.
A destacar:obriga de uso de máscara, recomendación de xel hidroalcohólico individual, orden e distancia nas filas de acceso.
NON ESQUECER: etiquetas adhesivas, DNI, resgardo de matrícula, xustificante de pagamento, máscara, bolígrafo azul ou negro.
SE PODE LEVAR TAMÉN: Xel hidroalcohólico, panos de usar e tirar e bebida en botella transparente sen etiquetado nin identificación.
MATERIAL ESPECÍFICO: Dicionario latín- español/galego // dicionario grego-español/galego, // material de debuxo e pintura // calculadora non programable e sen capacidade gráfica
NON SE PODE ACCEDER Á AULA CON teléfono móvil, reloxo dixital ou calqueta outro dispositivo electrónico activado
A avaliación final ordinaria de 2º de bacharelato terá lugar o vindeiro luns día 8 de xuño, e as notas serán recibidas polo alumnado ou os seus representates legais por medio da aplicación Abalar ás 20:00 horas deste mesmo día.
A partir dese momento poden poñerse en contacto co seu profesorado, vía correo electrónico, para solicitar aquelas aclaracións que consideren oportunas.
Se considerasen que éstas non son suficientes, o prazo de reclamacións oficiais será de dous días (10 e 11 de xuño de 2020, ata as 14.00 horas), durante os cales deberán presentar escrito, preferentemente por correo electrónico, ante a dirección do centro. A este efecto poden atopar o impreso de reclamacións na páxina web do IES (no apartado: FORMULARIOS DE RECLAMACIÓNS). Descargarán e cubrirán o impreso e o enviarán ao correo electrónico ies.xulian.magarinos@edu.xunta.es dentro dos plazos establecidos. A dirección do centro someterá as reclamacións á consideración do departamento correspondente, que emitirá unha resolución motivada, seguindo as instrucións publicadas pola Consellería e que poden atopar no mesmo apartado da web do centro.
A Dirección