Programa "Lectura e familias"
O Programa “Lectura e familias” que desenvolve a Biblioteca do IES Xulián Magariños inaugura os seus Encontros con Escritores e Escritoras da Comarca coa visita de Manuel Iglesias Turnes o martes 14 de marzo ás 5 da tarde.
Será un encontro coas nais / pais do alumnado que se celebrará na Biblioteca do IES e na que repasaremos co escritor a súa traxectoria literaria.
Manuel Iglesias Turnes (Cabanas, A Baña, 1950) desenvolveu a súa actividade profesional xunguida ao mundo das vacas, primeiro desde a Asociación Frisona Galega (Afriaga), cun importante labor na profesionalización deste sector en Galicia, e máis tarde levando a cabo unha actividade comercial relacionada co mundo da mellora xenética da variedade Holstein. Foi o primeiro presidente da Asociación Cultural Afonso Eanes do Val de Barcala e na actualidade está xubilado e cursa o IV ciclo universitario na USC.
Como narrador, ten publicadas en Xerais as obras «As rapazas de Xan» (2012), «Que non te aten» (2016) e «Os soños de Miguel» (2022).
ANIMANDO AS FAMILIAS A LER
O IES Xulián Magariños de Negreira é un dos 50 centros educativos de Galicia seleccionados este curso dentro do programa "Lectura e familias", integrado no Plan LIA 2021-25 de Bibliotecas escolares. Con este motivo o Equipo da Biblioteca, en colaboración coa ANPA A Barcalesa, convocou unha reunión no centro educativo para informar ás familias das iniciativas que se prevé desenvolver en colaboración con elas: mediación lectora, encontros con escritores/as da contorna, alfabetización informacional ou as posibilidades da lectura electrónica, entre outras.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Captura de pantalla 2023-03-08 132019.png | 234.69 KB |