Skip to Content

Blog_biblio

Busca tesouros e atopa libros. Concurso da Biblioteca María Mariño

Para celebrar o Día das Bibliotecas (24 de outubro), a Biblioteca María Mariño do noso IES Virxe do Mar convoca o concurso "Busca tesouros e atopa libros". Celebrarase entreo 24 de outubro e o 17 de novembro.

Catro buscas do tesouro distintas para descubrires datos interesantes sobre personaxes, escritores e escritoras, libros...

Un concurso aberto a toda a comunidade educativa!

Consulta as Bases, mira as Buscas e participa!

Novidades na Biblioteca

Estas son as últimas novidades na Biblioteca María Mariño do noso centro.

Preme nos puntos interactivos para teres máis información de cada un dos libros.

 

Benvida

Benvidos e benvidas!

A biblioteca dávos a benvida e lémbravos que todas as lecturas deste curso, e moitas mais están á vosa disposición.
Así mesmo, queremos que saibades que desde hai dous cursos temos a disposición de toda a comunidade escolar a plataforma de lectura dixital E-ELBE.2, dun xeito completamente gratuíto.


Se queredes darvos de alta ou precisades consello ou axuda, pasade pola biblioteca e falade con alguén do equipo.

Grazas e boas lecturas!

Premio a un podcast do IES Virxe do Mar

O podcast "Dona co carriño" da alumna Moira Penalta, de 2º da ESO, acaba de ser premiado no 6º Certame de imaxes do patrimonio inmaterial galego-portugués.

O concurso, organizado pola asociación Ponte... nas Ondas!, pretende contribuír á transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. O alumnado participante debía recuperar unha fotografía familiar anterior a 1970 e elaborar un podcast sobre ela.

A nosa alumna Moira recuperou, para a materia de Proxecto Competencial, unha foto da súa bisavoa. Este é o podcast que gravou.

 

Os nosos parabéns para Moira!

Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023

A Literatura Galega volve ser recoñecida cun Premio Nacional. Se hai poucas semanas era a obra As alumnas, de Paula Carballeira, a escollida para o Premio Nacional de Teatro, agora é o poemario Materia, de Yolanda Castaño, o que consegue o Premio Nacional de Poesía.

O galardón, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, e dotado con 30.000€, escolleu a obra da poeta compostelá como a mellor das publicadas no ano 2022.

En palabras do xurado, a obra destaca "pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica doente e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial". Tamén indica os temas explorados nos diferentes poemas: "a maternidade, a familia e os costumes".

E en palabras da propia autora: "É un libro sobre a familia, tanto a pasada como a proxectada, e nese sentido fala da miña renuncia á maternidade. Alíñome nas loitas das nais e subscribo moitas das lecturas combativas sobre o tema, pero tamén creo que somos máis libres cantas máis opcións haxa".

Cómpre salientar que esta mesma obra xa gañara no mes de abril o Premio Nacional da Crítica 2022.

 

 

Novidades do mes de xuño

Xa podedes consultar as últimas novidades na biblioteca María Mariño. Non deixedes pasar a oportunidade.

Distribuir contido


by Dr. Radut