cultura

A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

Onte acudín á presentación do libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, na libraría Paz, como se pode apreciar nas fotos publicadas no Diario de Pontevedra hoxe. Da novela aínda non podo opinar porque só lin o primeiro capítulo, pero xa promete; espero que me guste tanto, polo menos, como Os fillos do mar. O acto foi moi ameno: unha conversa entre o editor, Manuel Bragado, e o autor foinos contando algúns aspectos da novela, aínda que sen desvelar o argumento. Para finalizar, cando estabamos agardando que Pedro Feijoo lese un fragmento da obra, comezou de súpeto unha interpretación do actor Paco Barreiro que nos engaiolou a todos os presentes.

Oulet do libro galego

O pasado sábado, día 21, inaugurouse o Oulet do Libro Galego, que permanecerá aberto ata o día 29, así que alá fun ás 12 do mediodía escoitar o pregón a cargo do escritor e profesor pontevedrés Manuel Lourenzo, quen tamén está de actualidade porque hai só uns días saíu publicada a súa voluminosa novela Atl, que estou desexando comezar a ler... mais colléronme o sitio na casa e haberá que agardar quenda.

O pregón foi moi ameno, falounos dos libros esquecidos ou descoñecidos que iamos atopar naquelas mesas (mesmo podería estar o Códice Calixtino de non ser un exemplar único), do fermoso que é darlle unha segunda oportunidade a todos estes libros que a sociedade consumista na que vivimos agocha para deixar sitio a outros máis recentes, ou da nosa ledicia se atoparmos aquí algún dos nosos libros perdidos, ou emprestados e xamais devoltos...

Así que se teñen un momento libre nesta semana, pasen polo Café Moderno de Pontevedra e marcharán cargados de libros a bon prezo; se se achegan sobre as doce da mañá coincidirán con algún acto especialmente dedicado aos cativos e se o fan ás 20,15 atoparán outro dedicado ao público en xeral.

Recital de Luis Eduardo Aute

 

 O venres 2 de marzo, o polifacético Aute (pintor, cantautor, poeta...) deu un ameno recital dalgúns dos seus "poemigas" -como el os chama por seren breves textos que teñen algo de poético- seleccionados do libro AnimalHada. Mestura de aforismos, greguerías, ocorrencias e xogos de palabras lembrounos o Elucidario de Gonzalo Navaza, publicado por Xerais no ano 1999 e que xa vira a luz anteriormente no desaparecido Diario de Galicia.

Presentado por Antón Sobral, membro do Ateneo, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, é o primeiro do proxecto "Pontevedra, imán de palabras" no que en datas futuras intervirán Luis García Montero, Luis Alberto de Cuenca e Yolanda Castaño. Agardamos que todos teñan a altura deste, pois Aute durante unha hora recitou os poemigas acompañándoos en ocasións con comentarios e explicacións, como o que di "Por una vez, perdió el juicio el juez", do que asegurou que non estaba dedicado ao xuíz Garzón, pero que aproveitaba a ocasión para dedicarllo, e provocando constantemente o sorriso, o aplauso ou a reflexión.

Babelia en galego

Onte á tarde asistín á presentación dun sorprendente e enriquecedor libro, do que é coordenadora e tradutora a poeta galega Yolanda Castaño. O libro é froito dun Obradoiro de Tradución Poética realizado en Eslovenia no que interviron autores de linguas con moitos falantes (ruso, xaponés e chinés) e outros de linguas minoritarias (canarés -unha das linguas faladas na India-, galego, esloveno e maltés), que traduciron os seus poemas a todas estas linguas. O resultado é o libro Babelia en galego no que figuran os textos na versión orixinal e na tradución ao galego. Contamos ademais coa presenza do poeta xaponés, Yasuhiro Yotsumoto, e puidemos escoitar un fermosísimo recitado bilingüe: a versión orixinal en boca do propio autor e a versión galega da man de Yolanda Castaño.

Verbas no ar (2)

Xa está publicada a novela Verbas no ar, de cuxa presentación en Pontevedra falamos hai uns días. Nesta ligazón pódese ver o PDF da revista Biblos, o clube galego de lectores que convocou o concurso no que foi premiada e aparece tamén a convocatoria da 8ª edición do concurso; lede con atención as súas bases os menores de 25 anos, esta pode ser a vosa oportunidade. Na portada vemos a Iria durante a súa estadía no pazo, cando traballaba na obra e nas primeiras páxinas da revista algunhas fotos do acto de presentación no Pazo de Mugartegui; se vos fixades ben nelas -aínda que non sexa doado- veredes algúns profesores do centro. Volverei sobre a obra cando a teña lida.

Meu pai vaite matar, de Mª Xosé Queizán

A obra está protagonizada por Diana, de pais progresistas, que viviron os anos da transición e nun primeiro momento non son quen de asumiren a profesión da filla: criminóloga na Brigada da Policía Nacional. Ao visitar a tía Lola, irmá solteira da nai e herdeira da casa familiar, decátase de que o ignora case todo sobre os seus antepasados, pois a súa nai rompera coa familia na mocidade; lembrando algunhas escenas coa tía Lola cando Diana era nena vaina interrogando en busca de respostas e nota que a tía evita falar de certas cousas, ou mente sobre o seu irmán Moncho, que marchou para a Arxentina de moi novo. Cando Diana herda a casa e descobre unhas cartas do tío Moncho desde un presidio arxentino, decide ir alá investigar que foi o que motivou o seu encarceramento. Vivirá entón aventuras inesperadas e coñecerá personaxes que cambiarán por completo a súa vida.
Nesta novela, Mª Xosé Queizán trata temas que aparecen con frecuencia na súa obra (a pederastia, o maltrato machista...), desde unha perspectiva de muller, ofrecendo unha visión diferente á que estamos acostumados, máis positivista e menos sentimental. De aí a importancia que adquire a teoría de Darwin sobre a evolución das especies, ou o predominio da intelixencia sobre a sensibilidade.

Presentación dun novo libro

O pasado 20 de decembro presentouse no Pazo de Mugartegui o libro Verbas no ar de Iria Morgade Valcárcel, filla da profesora do centro e compañeira de departamento Charo Valcárcel. A novela foi a gañadora do VII premio Biblos-Pazos de Galicia, interesante iniciativa dirixida á mocidade que así ten a oportunidade de publicar a súa primeira obra baixo a titoría dun escritor xa recoñecido, neste caso Xabier P. Docampo. Aínda non comecei coa súa lectura, mais prometo non demorarme moito pois a temática resulta moi atractiva: os novos movementos cidadáns e a súa posíbel futura evolución.

Esta é a portada do libro, a ilustración é da autoría do irmán da autora e antigo alumno do noso centro, Adrián.

Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

Hai un par de días acabei de ler unha das novelas que merquei no Culturgal e aínda non desapareceu o bon sabor de boca que me deixou. Nesta ligazón podedes ler a recensión que publiquei en www.ogalego.eu.

Culturgal

Na pasada fin de semana celebrouse o Culturgal, feira do sector cultural galego, en Pontevedra e foi todo un éxito. O público de todas as idades encheu o recinto e daba xenio ver aos máis pequenos tirandos polo chan e felices folleando libros. O auditorio do Pazo da Cultura quedou pequeno para acoller a todo o público (sobre todo nenos) que quixo asistir ao concerto de Mamá Cabra e tamén estiveron animadas as conversas con diversos escritores que presentaron novas obras. A foto corresponde á presentación da novela Meu pai vaite matar, de Mª Xosé Queizán.

Distribuir contido