Curso 2012-2013

Intercambio con Alemaña - Schüleraustausch Pontevedra- Frechen

 

Do 12 ao 23 de setembro recibimos a un grupo de alumnos e dúas profes do Gymnasium der Stadt Frechen que se aloxan en casas de alumnos dos IES Valle Inclán e Xunqueira I.

Esta visita, enmarcada nun programa de intercambio, proporcionará aos estudantes alemáns a posibilidade de inmersión lingüística e cultural en familias de Pontevedra, e de integración nun sistema educativo diferente, sendo posible a asistencia a algunha clase dos centros citados. Asemade, contarán cun programa de visitas a puntos emblemáticos do contorno: Illas Cíes, Baiona, Valença, Monte Tegra, Santiago de Compostela … e todos aqueles lugares aos que as distintas familias queiran levalos as fins de semana.

 Os nosos alumnos xa visitaron Alemaña do 28 de xuño ao 10 de xullo, sendo acollidos por familias  moi hospitalarias e por un instituto que lles brindou a oportunidade de visitaren o seu centro e asistiren a clases nel. Os alumnos sinalan o ben que os trataron e volveron moi concienciados da necesidade da aprendizaxe das linguas estranxeiras.  Constataron ademais unha serie de diferenzas en canto a horarios, comidas, organización e medios de transporte. Chamoulles a atención o cedo que se erguen polas mañás e que se deitan polas noites, o almorzo completo no que aparecen ademais de lácteos, hortalizas e embutido,  a bici como medio xeneralizado de transporte para ir ao instituto, o costume de descalzarse ao entrar nas casas e as instalacións estupendas do instituto, en concreto, o pavillón de deportes.

Entre as actividades que lles tiñan preparadas, podemos destacar a acollida por parte do alcalde da cidade de Frechen, a visita guiada polo casco vello e á Kölner Dom da cidade de Colonia (cidade moi próxima a Frechen), visita ás cidades de Aquisgrán, Bonn e ao castelo de Marksburg, excursión en canoa polo Rin, visita a distintos museos, entre eles o do chocolate e unha festa de despedida nunha casiña de madeira na que confraternizaron e se despediron tras unha estancia positiva e enriquecedora. (Máis fotos)

Xubilacións 2013

Ao longo do presente curso escolar xubiláronse, despois dunha longa dedicación ao ensino, os profesores Concepción Piñón Cimadevila, Camilo Castro Pérez, Aurora Otero Urtaza, José Antonio Pérez Graña e Josefa Prieto Barbeito. Desde aquí queremos mandarlles un agarimoso saúdo a todos eles e desexarlles que a etapa que acaban de comezar lles proporcione tantas satisfaccións –ou aínda máis- como recibiron durante a súa vida académica. (Máis fotos)

 

Viaxe final de 4º ESO

O xoves día 20 boa parte do alumnado de 4º ESO iniciou a viaxe de fin de etapa.  De camiño ao Palacio de la Teyería, na zona de Cangas de Onís, fixeron unha parada na vila turística de Cudillero. Nos días seguintes foron alternando visitas a cidades e vilas -Santillana del Mar, Santander (Palacio da Magdalena, Sardinero), Lastres- con actividades na natureza -descenso do Sella en canoa, paintball, ruta dos lagos de Covadonga-. Tamén realizaron unha viaxe á Prehistoria coa visita ás Neocovas de Altamira.
Por suposto que tamén houbo tempo para bailar e realacionarse con outros rapaces e rapazas doutras comunidades autónomas (Madrid, Barcelona).
Xa de volta para a casa e aproveitando as mareas vivas destes días percorreron a Praia das Catedrais.  (Máis fotos)

Parabéns a Úrsula Martínez Álvarez

 

A nosa felicitación para Úrsula Martínez Álvarez, alumna de 4º B polo premio obtido no Congreso juvenil internacional OCEÁNTICA13 convocado polo Campus do Mar. Entre 150 traballos presentados quedou en 3º lugar, cunha puntuación global de 6,62, polo que participará nun campus científico-artístico-socio-ambiental que se desenvolverá a finais de agosto en Ribadeo.

Este foi o terceiro ano que participou na iniciativa e, como ela nos comentou, está máis contenta pola valoración obtida que polo premio en si mesmo.

Aquí podedes acceder ao vídeo, "Como piezas de dominó", moi interesante e ameno, que se inicia coa historia da creación do Universo, para logo centrarse nas negativas consecuencias para a súa conservación da intervención humana e chamar a atención á nosa responsabilidade individual.

Dálle á lingua

Aínda que cun pouco de retraso, informamos da participación do alumnado do centro no programa radiofónico Dálle á lingua, de Onda Cero que se emite desde o luns 17 ata o venres 28 de xuño  de 11.50 a 12.00 (de luns a venres).

Pódese escoitar só en directo:

-Na radio, no 95.3 FM

-En internet: http://www.ondacero.es/directo/galicia/pontevedra/ 

 

 Os dous traballos que agora podemos escoitar graváronse na aula de 3º A o día 4 de maio:

As alumnas de 2º ESO C Raquel Miranda Sieiro, María Moure Vilariño, Uxía Ogea Costas e María Paz Suárez explicaron o labor de plantación realizado en Xeve (do que xa hai información nesta páxina) para a recuperación da flora autóctona por iniciativa do profesor Benito Andrade.

Por outra parte, o alumnado de 3º ESO A, por iniciativa da profesora Rosario Valcárcel falou sobre o tema "A inmigración como fonte de aprendizaxe. Joseline Aguilar Paladines, María Fernanda Álvarez Sepúlveda e Gelsys Morales Nicó achegaron información sobre os seus países de orixe: Ecuador, Colombia e Cuba e responderon ás preguntas que os seus compañeiros lles formularon sobre distintos aspectos da súa experiencia como inmigrantes; estes compañeiros foron: Yardén Alonso López, Tamara Antonio Fernández, Tania Asorey Argibay, Lorena Carballa Quiñones, Nuria Casas Suárez, Manuel Gómez Ovelleiro, Pablo Pérez Alén e Claudia Solé Pérez.

 

Ladaíñas pola morte do Meco

 

 

Este venres, 14 de xuño, o grupo Argallada,formado por profesor@s e exprofesor@s do centro, estrearon Ladaíñas pola morte do Meco, de Roberto Vidal Bolaño. Como sempre, foi un éxito de público, que saíu encantado da representación, pois estivo a un nivel que sobrepasa o dun grupo afeccionado e ao que cada ano se lle nota máis a experiencia adquirida, o que tamén permite a incorporación de novos actores e novas actrices que se integran con facilidade. Aínda que nos tiñan afeitos a obras máis cómicas, demostraron o seu bo quefacer nesta máis seria e filosófica e cunha boa adaptación á situación actual de Galiza. Parabéns a todos pola súa entrega e valor e... agardamos máis para o próximo curso. (Fotos)

Neste vídeo podedes ver unha montaxe de varios fragmentos da obra que dura 6 minutos. 

Campionato nacional de natación sincronizada (categoría infantil)

Esta fin de semana, días 14, 15 e 16 de xuño, celébrase en Pontemuíños o campionato nacional de natación sincronizada en categoría infantil, no que participarán as alumnas Reyes Gómez Sánchez, Eva Saldaña Lorenzo e Elisa Seoane Álvarez de 1º ESO B, Laura Mª Arias Pereira de 2º ESO D e Ana Amatria Barral de 3º ESO A, posuidoras xa de varias medallas en distintas modalidades. Desexámoslles toda a sorte do mundo nesta importante cita, sen esquecer que o feito de estaren seleccionadas é xa unha merecida recompensa ao esforzo que supón combinar o estudo diario co adestramento durante unha media de tres horas.

No Diario de Pontevedra do domingo 16 de xuño publicouse esta entrevista con Elisa:

Visita a Campolameiro

 

O venres 7 de xuño o alumnado de 3º ESO realizou unha visita ao parque arqueolóxico de Campolameiro como actividade complementaria á lectura do libro O centro do labirinto, de Agustín Fernández Paz, que se desenvolve -en parte- neste escenario.

Divididos en dous grupos, fixeron un percorrido polos principais petróglifos, viron a recreación dun poboado prehistórico e puideron entrar nunha vivenda e no que sería un "centro social" de hai 4000 anos para finalizar a visita -talvez un pouco rápida de máis- no centro de interpretación. Acabada a actividade, e antes de regresaren a Pontevedra, tiveron tempo para repoñeren forzas na cafetería ou perderse no labirinto que había fóra. (Máis fotos)

Olimpiada de Matemáticas

  

Reiteramos os nosos parabéns aos alumnos Santiago Millán González (2º ESO C) e Alberto Portela Peleteiro (2º ESO D), aínda que non conseguisen os primeiros postos na fase final galega celebrada o día 24 de maio. De todos os xeitos foi un éxito e unha boa experiencia que han lembrar con ilusión e da que seguro que aprenderon moito para o futuro.

Estas son as fotos (non demasiado boas) que tomamos da páxina oficial de Agapema.

Visita a Amiens

 
O "Diario de Pontevedra" do día 12 de xuño fíxose eco da nosa participación nos "jeux de tête", aínda que non toda a información sexa exacta: como xa puidemos ler na crónica de Sara Padín, os 1000 euros non foron para nós senón para o colexio de Conty!!  

Xa está en Amiens o alumnado da sección bilingüe de 3º ESO que alí van representar o noso centro. Un alumno fará un resumo da xornada cada día para manternos informados e igualmente iremos engadindo as fotos que nos envíen. (Fotos)

A primeira entrada do diario correspondeulle a Nuria Casas, de 3º A:

Hoxe, luns 3 de xuño, saídos de Pontevedra rumbo ao aeroporto de Santiago para irmos a París. Ao subirmos ao avión decateime de que perdera a chaqueta, pero non me importou. Ao chegarmos a París, estaba agardando por nós un home para levarno ao colexio de Conty. Puiden observar campos de flores amarelas que me dixeron que era colza para facer aceite. En Conty coñecemos os compañeiros franceses, fomos á biblioteca e falamos en castelán e francés; logo na cafetería coñecemos a Tirso Cons (debuxante e antigo alumno do Valle Inclán), ao alcalde e ao director, así como a representantes dos xogos aos que imos xogar o sábado, Regaláronnos cadanseu vale de 30 euros para gastar nunha librería; tomamos algo e xantamos antes de irmos coas respectivas familias. Xa na casa, eu deime un baño na piscina antes de cear.

Iñaki Rivas, de 3º C:

Hoxe martes tocounos ir ás clases cos nosos compañeiros franceses, polo que estivemos en clases diferentes e asistimos a latín, matemáticas, física, español, inglés ou francés. A mañá pasou voando e decatámonos de que o noso nivel -ás veces- é máis alto que o deles. Xantamos na cantina, onde tiñamos preferencia na cola por irmos aos "jeux de tête"! Logo estivemos xogando aos diferentes xogos durante dúas horas e ás 4 leváronnos a Amiens para irmos en barco ver "les hortillonnages" (pequenas horas cultivadas ás que se accede en barco), demos unha volta polo parqu Saint Pierre e por "le quartier" de Sant Leu (nome picard que significa "o barrio do lobo"). Ás 6 estabamos de volta nas casas para cear e falar un pouco coas familias.

Claudia Solé, de 3º A:

Mércores, 5. Hoxe foi un día esgotador: téñeno todo tan ben programado que non hai tempo de estarmos ociosos. Pola mañá fomos a un parque en La Somme para ver unha reserva natural de aves e focas; logo a pointe Hourdel onde conseguimos ve a cabeza dalgunha foca nadando; se estivese a marea baixa sería moito mellor... En Saint Valery sur Somme comemos moules frites, ou o que é o mesmo: mexillóns con patacas fritas. A continuación, un paseo pola praia chea de pedras e seguimos a ruta ata Le Crotoy, onde había unha grande praia con area... pero a auga estaba como a 3 km. O máis divertido é ensinarlles aos nosos compañeiros a pronunciar o "r".

Ao chegar á casa, cea; á que tamén viñeron Jorge e Iñaki con seus respectivos correspondants.

Jorge Garcia de 3°C

Como todas as mañás, almorzamos coma reis e fomos á escola -uns en autobús e outros en coche- onde nos reunimos con Ana e comentamos diferentes episodios da noite pasada. Fomos visitar o centro arqueolóxico SAMARA (como Atapuerca), unha experiencia moi interesante pois nos explicaron a prehistoria e como obtiñan lume os antigos habitantes, así como as diferentes construcións e a súa forma de vida. Logo leváronnos a xantar a outro colexio, cos representants de educación e do conseil general de la Somme. Pola tarde paseamos por Amiens e visitamos a catedral, a máis grande de Francia (como dúas veces Notre Dame de París), fomos mercar libros a FNAC cos cheques que nos regalaran o primeiro día e tivemos unha recepción no instituto de educación con representantes do reitorado e relacións internacionais; regaláronnos dúas camisetas do penthathlon e de la Somme, ademais de lambonadas.

Ceamos produtos picards como o fromage Maroille, que cheira fatal pero sabe moi ben. Ao final do día, como estamos esgotados, durmimos axiña.

Marcos Pérez, de 3ºC:

Hoxe, venres, pasamos o día no colexio: fomos a algunhas clases teóricas e tamén a educación física -baloncesto e balonmán-. Pola tarde baixamos á vila e paseamos nun coche de cabalos. Logo tiñan preparada unha boum (festa) á que, como sempre, estabamos convidados sen pagar; divertímonos moito bailando aínda que eu nalgún momento me sentín acosado -o que non me pasa e España-. Ao saír tomamos algo cos pais e cos nosos correspondants andes de ir para a casa ás 22:30.

Sara Padín, de 3º C:

Hoxe foi o último día en Amiens. Madrugamos para irmos aos jeux de tête en Amiens (nós vivimos en Conty, a 25 km), como o autobús non chegou tiveron que levarnos en coches. Nada máis chegarmos xa nos puxemos a xogar; ademais dos xogos da competición había outros de estratexia. O día pasou moi axiña: comemos nun buffet e seguimos xogando á tarde; ao final da xornada repartiron os premios e a nós déronnos unha bandeirola e un diploma de estudantes europeos. O colexio de Conty quedou de 2º e déronlles un cheque de mil euros. Como o domingo era o meu aniversario, cantáronme e enchéronme de regalos.

Definitivamente hai unha grande afección aos xogos de estratexia en Francia.

 

Viaxe ao Parlamento en Bruxelas

 

Convidados pola eurodeputada Ana Miranda, un grupo de alumnos e alumnas do centro visitou o Parlamento Europeo. Permaneceron en Bruxelas desde o 25 ao 29 de maio, días de intensa actividade, pois tamén visitaron Gante, cidade que os namorou, coa súa catedral de S. Bavon e o famoso retábulo "A adoración do año místico", a Igrexa de S. Nicolau, o Concello, Belfort e o Peirao das herbas, estampa máis típica da cidade  e lugar de encontro dos universitarios. Continuaron o percorrido por Bruxas, coñecida tamén como a Venecia do Norte polas súas numerosas canles, e Amberes, coa Praza Maior e a Catedral.

En Bruxelas non só gozaron dos lugares máis emblemáticas da cidade -Grand Place, Palacio Real, Galerías Saint Hubert, Manneeken Pis, Atomium, museos...- senón que tamén tiveron tempo para a diversión. (Máis fotos)

Novo éxito de Brais Prieto Espiño

Brais subiu un chanzo máis! O día 25 de maio celebrouse en Málaga o Campionato de España cadete por Autonomías e alí, na especialidade de 5.000 metros marcha Brais conseguiu a medalla de bronce, cun crono de 25 minutos e 41 segundos (o forte calor andaluz foi un impedimento para a mellora da súa marca). (Máis fotos, tomadas da web da Federación española de Atletismo e do Diario de Pontevedra do 29/05/2013)
 

O pasado domingo día 3 de marzo tivo lugar en Murcia o XV campionato de España de marcha e nel Brais Prieto Espiño, alumno de 1º ESO, obtivo o 4º posto na categoría de 5 km. marcha cadetes cun excelente crono de 24:59. Desexámoslle un futuro brillante neste deporte, porque este non foi o seu primeiro éxito. Aquí podedes ver algunhas fotos súas presumindo de trofeo.

Día das Letras Galegas

O alumnado de 3º A tamén celebrou o Día das Letras Galegas interpretando un baile ao son dunha canción en galego.

sentímolo, flash non está dispoñible.

2º Bacharelato. Fin de curso

Chega maio, e antes de finalizar o mes e recibir as cualificacións finais, o alumnado de 2º de Bacharelato celebra o fin dunha etapa da súa vida: a maioría despídense do centro e de todo o profesorado despois de seis anos nesta casa, algúns chegaron un pouco máis tarde e uns poucos acompañáronnos un aniño máis. A todos lles desexamos que a nova etapa que se abre ante eles sexa venturosa, chea de éxitos e de felicidade; nós botarémolos de menos, mais outros chegarán para encher o seu oco.

O día da despedida, o 23 de maio, todos moi preparados (e case descoñecidos) pasaron polo centro para fotografárense e logo, por primeira vez na historia do IES Valle Inclán, marcharon para o Teatro Principal para asistiren ao acto académico en compañía das súas familias. Despediunos a directora, houbo unha pequena representación teatral e algunhas actuacións musicais e logo recibiron a insignia do centro. Mais o día aínda non acabou aí, houbo unha cea "oficial" compartida con boa parte do profesorado e... a noite debeu de ser longa.  (Máis fotos)

Sentimos a escasez de fotos, a ver se podemos conseguir máis!

Chorégraphie 3: corde

sentímolo, flash non está dispoñible.

Distribuir contido