Skip to Content

novela_gráfica

Abril 2024

Cuando brillan las estrellas de Victoria Jamieson e Omar Mohamed

    Novela gráfica baseada na experiencia de Omar e o seu irmán Hassan no campo de refuxiados da ONU en Dadaab (Kenia), onde viviron toda a súa infancia. A pesar das condicións difíciles do campo, Omar descobre a marabillosa oportunidade de ir á escola, algo que lle dá á súa vida unha visión esperanzadora do futuro.
    Fatuma, de forma desinteresada, exerce como nai destes dous irmáns chegados desde moi lonxe. Omar soña con volver ver á súa nai. Pero, estará viva? Por que ela non os busca?, Por que non saben nada?

     Coa historia de Omar ábrensenos os ollos a un gran número de situacións que, afortunadamente, nós non vivimos pero que debemos coñecer. Ábrenos as portas á empatía, ao amor, á aceptación do diferente e ao trato igualitario para todos.

     Dúas das amigas de Omar presentan tamén un debate importante, o papel das mulleres nesa sociedade e a “obrigación” de moitos pais de casar ás súas fillas nenas debido á pobreza e á dificultade de sobrevivir nesta situación tan dura que é a vida dun refuxiado.

 

 

 

 

 

 

Data: 
Lun, 25/03/2024 - 07:26

Decembro 2023

Disfuncional  de  Galder Varas

    Esta primeira novela gráfica do humorista, guionista, monologuista e director de curtametraxes Galder Varas, rompe o tabú das familias desestruturadas. Estamos diante dunha viaxe traxicómica á infancia de moitos de nós.
    Ris de todo porque a túa vida é un desastre ou a túa vida é un desastre porque ris de todo?
    Nesta emotiva viaxe cara aos traumas que cremos superados polo feito de esquecelos, mergullarémonos nunha vida totalmente disfuncional que cabalga entre o tráxico e o absurdo cun único artefacto defensivo e ofensivo: a comedia.
    Unha familia desestruturada, nenos atracadores, un pai que resolve os problemas cun pau e unha nai que refuxia aos seus fillos na comida.
    No medio dunha mudanza, coa súa vida sentimental do revés e preocupado pola súa próxima actuación, Gadler (non confundir con Galder, nome do autor) tratará de manter enterradas as probas dun pasado que chama insistentemente á súa porta, coma se reclamase algo del.




 

Se premes aquí podes visitar o espazo de youtube do autor.

Data: 
Xov, 30/11/2023 - 17:52

Marzo 2022

Dúas moedas de Núria Tamarit

Esta obra, gañadora do primeiro Premi València de Novela Gráfica, é unha colorista mirada a unha parte da realidade africana, tan vasta e complexa como fascinante nas súas peculiaridades.

Mar, unha adolescente europea, viaxa a Senegal na compaña da súa nai, que traballa no proxecto de construción dunha biblioteca e unha emisora de radio nun pobo de agricultores e pescadores ao norte da rexión. Afeita ás comodidades e dinámicas do chamado primeiro mundo, a medida que se vaia aclimatando aos ritmos e costumes do lugar irá tomando conciencia de que a metade da súa equipaxe eran tópicos, prexuízos e descoñecemento. Sobre o terreo, Mar descubrirá unha cultura sensual e hospitalaria, unha paisaxe de beleza insólita e unha sociedade con problemáticas moi específicas e sometida a graves desaxustes políticos, pero tamén allea a moitas das nosas servidumes cotiás.

Unhas páxinas de mostra:

 

Distribuir contido


by Dr. Radut