Skip to Content

cambio_climático

A peste Xustiniana e o cambio climático

A PESTE E O CAMBIO CLIMÁTICO NA ÉPOCA DE XUSTINIANO

A de  Bizancio entre os anos 541 e 544 é a peste  que, en certo modo, sinala  o final da antigüidade e os primeiros tempos da Idade Media. Nestas datas estalou unha pavorosa pandemia que sería ben descrita por tres autores do século VI: Xoán de Éfeso, Procopio de Cesarea (Guerra Persa II, 22-23) e Evagrio Escolástico (Historia eclesiástica IV, 29); segundo este último a peste orixinaríase en Etiopía, estendida desde alí por moitos países, chegou a Bizancio,  capital do imperio romano de Oriente.  Parece que na xénese e expansión deste andazo influíu o cambio climático detectado nos anos 535-36, ao que se refire Procopio:

... o Sol daba a súa luz sen brillo, como a Lúa, durante este ano enteiro, e parecíase completamente ao Sol eclipsado, porque os seus raios non eran claros tal como é habitual. E desde o momento en que iso sucedeu, os homes non estiveron libres nin da guerra nin da peste nin de ningunha cousa que non levase á morte. E sucedeu no momento en que  Xustiniano estaba no décimo ano do seu reinado.               (PROCOPIO, Guerra Persa IV, 14)

O mesmo escritor fálanos da incidencia da peste na cidade:

A enfermidade durou catro meses en  Bizancio, e a súa maior virulencia durou tres meses. Nun principio as mortes foron algo máis que o normal, despois a mortalidade elevouse moito máis, e máis tarde alcanzou a 5.000 persoas cada día, e mesmo chegou un momento que foron dez mil cada día e ata máis. Ao principio todos os homes asistían ao enterro dos mortos da súa propia casa,  despois arroxáronos nas tumbas doutros, para finalmente chegar a un estado de confusión e desorde. Os escravos foron separados dos seus donos, e homes que en tempos foran ricos foron privados do servizo dos seus criados, que enfermaran ou morreran, chegando mesmo a haber casas completamente baleiras de seres humanos. Por esa razón sucedeu que algúns dos homes notables da cidade permaneceron sen sepultar durante moitos días.         (PROCOPIO, Guerra Persa II, 23, 3-6)

En termos parecidos  exprésase Xoán de Éfeso; infórmanos como os afectados por esta doenza presentaban bubóns, ollos sanguinolentos, febre e  pústulas e morrían en dous ou tres días, rapidamente despois dun longo período de confusión mental. Fala tamén da rapidez do contaxio, sendo os espazos e locais públicos como igrexas e mercados onde se producían máis vítimas. Con todo, algúns conseguían recobrarse nunha primeira etapa aínda que adoitaban morrer por infeccións posteriores. Para este eclesiástico historiador a orixe última desta pandemia era un castigo de Deus á humanidade polos seus pecados.

Tamén comenta que como consecuencia desta peste, que non facía distinción entre pobres e ricos, quedaron arrasadas e deshabitadas distintas partes do Imperio. O maior problema en Bizancio, segundo este autor, eran os corpos insepultos das persoas que morrían nos espazos públicos. A gran mortaldade paralizou a vida económica e comercial da cidade.

    

Peter Brueghel o Vello, O triunfo da Morte,  Museo do Prado

Ante tan alarmantes e complexas circunstancias as autoridades imperiais comezaron contabilizando os mortos e organizaron cemiterios especiais para sepultalos. Xoán de Éfeso fala incluso de barcos que sacaban os cadáveres da cidade para levalos a lugares especiais escollidos con tal fin. Ao principio  enchíanse as naves e os mortos tirábanse ao mar. Despois, o emperador Xustiniano construíu grandes foxas comúns para depositar os cadáveres nos arredores da cidade.

Se terrible foi a mortaldade ocasionada por esta peste (que decimou a poboación da capital do imperio romano de Oriente) non menos preocupante resultou a súa rápida propagación chegando ao occidente: Alxeria, Península Ibérica, Italia ou Francia.

Polo que fai á Península Ibérica, a existencia da peste bubónica no ano 542, no reinado do  visigodo  Teudis, aparece citada no  Chronic.  Caesar. En 573 Toledo foi arrasada pola peste bubónica, en 588 había peste na zona valenciana. Nos séculos posteriores está documentada a reaparición da peste: en 707-709, vésperas da invasión islámica (vid.: GARCÍA MORENO,  L. A., El fin del reino  visigodo de Toledo, Madrid, 1975) Tamén as fontes árabes (vid.: MOLINA,  L., Una descripción anónima de Al-Andalus, Madrid, 1983) falan de grandes epidemias nos anos 804-805, especialmente en 900-901, 919-920, 983-984, 1016-1017, 1232-1233 e 1237-1238.

FONTES:

EVAGRIO ESCOLÁSTICO: http://remacle.org/bloodwolf/eglise/evagre/eglise4.htm#XXIX

XOÁN DE ÉFESO: https://archive.org/details/chronicleknownal0000dion/page/74

PROCOPIO DE CESAREA: http://remacle.org/bloodwolf/historiens/procope/vandales2.htm#XIV

http://remacle.org/bloodwolf/historiens/procope/perses22.htm#XXIII

http://revistas.uned.es/index.php/ETFII/article/viewFile/13738/12424

https://www.nuevatribuna.es/articulo/cultura---ocio/plagas-plagadejustiniano-historia-cultura-pandemia-imperioromano/20200324161047172561.html

https://historia.nationalgeographic.com.es/a/peste-que-asolo-imperio-justiniano_13631/6

http://lazaretodemahon.blogspot.com/2009/08/la-peste-justiniana.html

https://es.m.wikipedia.org/wiki/Archivo:Mosaic_of_Justinianus_I_-_Basilica_San_Vitale_(Ravenna).jpg

https://www.museodelprado.es/coleccion/obra-de-arte/el-triunfo-de-la-muerte/d3d82b0b-9bf2-4082-ab04-66ed53196ccc

 

Distribuir contido


by Dr. Radut