Skip to Content

manifesto

Manifesto contra a violencia cara ás mulleres

En novembro de 2015 o alumnado de 4º de ESO da disciplina de Ética do IES Doramas (Moya-Gran Canaria) elaborou este manifesto que hoxe, cinco anos despois, non perdeu actualidade:


MANIFESTO DA COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES DORAMAS

CONTRA A VIOLENCIA CARA ÁS MULLERES


    A violencia contra as mulleres é unha das máis degradantes violacións dos Dereitos  Humanos. Non respecta fronteiras, culturas, niveis económicos. Está presente no fogar, no traballo e na rúa. É unha inxustiza manifesta que impide que a sociedade avance no camiño da igualdade e o benestar común.


    A violencia de xénero non pode considerarse un problema exclusivo das mulleres; todas as  comunidades educativas, as institucións e a sociedade en xeral, deben participar na erradicación desta secuela social.  


    Ante esta situación,  cada vez máis homes e mulleres, mozos e mozas, manifestan o seu compromiso e a súa vontade de previr a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións. É por iso polo que neste día todos os que formamos parte da Comunidade Educativa do IES Doramas COMPROMETÉMONOS a:


1. Establecer relacións de igualdade entre mozos e mozas, promovendo a eliminación dos estereotipos femininos e masculinos.  Non pode darse unha relación baseada no control, no dominio, sen respecto á outra persoa e a súa privacidade.


2. Promover unha educación igualitaria, rexeitando todas as accións, comentarios e chistes que discriminen a imaxe das mulleres.


3. Opoñernos  a  toda clase  de violencia, escoitar aos demais e aprender  a resolver pacificamente os conflitos mediante o diálogo, xa que a violencia nunca pode resolver os problemas que xorden nas relacións.


4. Manifestar sempre o noso rexeitamento a que calquera persoa, sexa do sexo que sexa, reciba un trato que atente contra a súa dignidade, rexeitando tamén calquera situación de discriminación polo mesmo feito.


5. Apoiar ás mulleres na súa loita contra este tipo violencia e solidarizarnos coas mulleres que a padecen.


6. Defender e facer respectar os dereitos das mulleres e os demais dereitos humanos, avisando ou denunciando se vemos algunha agresión.


7. Involucrarnos desde todos os ámbitos da nosa Comunidade Educativa, alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e ANPA, para lograr unha fronte común de “tolerancia cero” contra a violencia de xénero, facendo un labor de concienciación nas aulas e nas familias, eliminando radicalmente a violencia da nosa contorna.


8. Condenar aos que consideran que as persoas son obxectos da súa propiedade; aos que utilizan a forza para someter; aos que xeran medo para calar; aos que fan que a muller crea que non vale nada; e aos que non aceptan un “non” por resposta.


9. Facer ver que os celos e o control non son expresións de amor. Unha relación onde o mozo  asume o control do móbil, da roupa, das saídas ou das relacións da muller non é unha expresión de amor senón o primeiro paso cara a unha futura violencia. SE SOFRES, NON É AMOR.

 

Manifesto Día de Rosalía 2018

rosalíaNun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.

Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!reimóndez

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#AbrideAFiestra

 

Distribuir contido


by Dr. Radut