Skip to Content

De rexas e reixas

As reixas, segundo o dicionario da RAG, son “barras de ferro paralelas ou cruzadas, que se poñen como protección nas ventás, como cerrado arredor das casas etc.” ou nas portas e fiestras dos cárceres para evitar que fuxan os presos.
E tamén, seguindo co citado dicionario,  a primeira acepción do adxectivo rexa é “que ten forza, que ten vigor
Pois ben, algunhas protogonistas da exposición que nestes primeiros días de abril, grazas á Deputación de Pontevedra, podemos visitar no IES (“Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”) son mulleres rexas que, entre outras penalidades e agresións, viviron entre reixas, por defender os dereitos das mulleres e as liberdades promulgadas pola II República.   
A exposición ofrece  unha escolma que documenta a represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da ser mulleres, soportaron tamén vexacións sexistas. E divídese en tres bloques:
Na introdución amósase a contextualización histórica e como o réxime xurdido trala Guerra Civil supuxo unha regresión nos dereitos das mulleres que pasaron a ser consideradas, de feito, menores de idade  e dependentes do varón.
Na parte central e máis extensa (paneis 3 a 10) preséntansenos os diversos tipos de represión: as mulleres non só foron presas ou asasinadas senón que tamén padeceron vexacións de tipo sexista: foron rapadas, violadas, tatuadas, obrigadas a beber aceite de ricino ou a bailar espidas en lugares públicos.
A última parte documenta o papel solidario e resistente das mulleres (o seu apoio á guerrilla, aos fuxidos, aos presos e ás súas familias, ás viúvas e aos orfos) e o seu protagonismo na transmisión da memoria histórica.
Esta mostra completa e ilustra de xeito fotográfico o contido dos relatorios de Montse Fajardo (“A loita das mulleres no século XX. Cen anos de conquistas e represión”, impartido o pasado 10 de marzo) e M” Victoria Martíns (“As mulleres no franquismo”, o 30 de marzo) e supón o remate das actividades que, patrocinadas e financiadas pola Deputación, dentro do programa "O pasado por vir", desenvolvemos na Área Panorámica e no Salón de Actos do instituto no último mes.

Rexas de José María Lores Pérez

 



page | by Dr. Radut