Skip to Content

Decembro 21

O 31 de marzo de 1881 chegaba a Ourense a primeira locomotora, na data da quinta e última prórroga que lle dera o Congreso á Compañía MZOV, concesionaria do ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo. Algo máis de 140 anos despois, o pasado luns 22 de novembro, chegaba a Ourense, cunha ducia de anos de retraso, o AVE en viaxe de probas; será o vindeiro 21 de decembro cando comezará a operar comercialmente. Aproveitamos esta circunstancia para lembrar os versos cos que Curros Enríquez  (Celanova, 1851- A Habana,  1908) saudou a chegada do ferrocarril á Cidade das Burgas:

Na chegada a Ourense da primeira locomotora

Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!

Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.

Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.

Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

(in Aires da miña terra)

 

Ilustracións: Chegada a Ourense da locomotora, La Ilustración Gallega y asturiana (superior) e Curros en El Heraldo de Madrid, 22-10-1904 (inferior)



page | by Dr. Radut