Skip to Content

Definición de "peste" nas Etimoloxías de Isidoro de Sevilla

O CONCEPTO DE PESTE NAS ETIMOLOXÍAS DE ISIDORO DE SEVILLA

Isidoro de Sevilla (ca. 560- 636)  cuxa festividade celebra hoxe, 26 de abril, a igrexa católica é o patrón dos filólogos e un dos máis importantes eruditos hispanos da Idade Media, autor, entre outras obras, dos Originum sive etymologicarum libri viginti (divididos en 448 capítulos), especie de inmensa compilación na que se almacena, sistematiza e condensa todo o coñecemento do seu tempo, partindo da antigüidade pagá e cristiá. Para a súa redacción  Isidoro puido acceder a diversas obras eruditas, hoxe perdidas, como a do romano Marco  Terencio  Varrón e, por iso, as popularmente coñecidas como Etimoloxías (pois tentan explicar a etimoloxía de cada palabra relacionada có tema que trata, ás veces dunha maneira un pouco pintoresca) isidorianas  constitúen un elo imprescindible na transmisión da cultura clásica  grecolatina na España  visigoda e no resto de Occidente.

No libro IV das citadas Etimoloxías (6, 1, 17-19), na parte que se ocupa da medicina, Isidoro fala da peste  incluíndoa dentro das enfermidades agudas  (de  acutis  morbisque pasan con rapidez ou matan aínda máis rapidamente:

acutus morbus qui aut cito transit aut celerius interficit  (ISIDORO, Orig. IV, 6, 1), engadindo:

A peste é o contaxio que cando un o colle, rapidamente pasa a moitos. Prodúcese polo aire corrompido e afiánzase penetrando nas vísceras. Isto aínda que as máis das veces prodúcese polas potestades aéreas, con todo de ningunha maneira pode darse sen o arbitrio de Deus Todopoderoso. E chámase pestilencia case como “pastulencia”, porque como nun incendio, os corpos son “pasto” da enfermidade, como di Virxilio (Aen. V, 638): “Descende a peste por todo o corpo”. Igualmente chámase contaxio por contaminar  pois a quenquera que toque, mánchao. Tamén recibe o nome de inguinal, pola afección das inguas. Así mesmo é chamada  “lues” pola caída e pola dor que é tan aguda que non hai lugar para esperar a vida ou a morte, senón que vén un repentino abatemento xunto coa morte.

Pestilentia est contagium, quod dum unum adprehenderit, celeriter ad plures transit. Gignitur enim ex corrupto aere, et in visceribus penetrando innititur. Hoc etsi plerumque per aerias potestates fiat, tamen sine arbitrio omnipotentis Dei omnino non fit. 18 Dicta autem pestilentia, quasi pastulentia, quod veluti incendium depascat, ut (Virg. Aen. 5, 683): Toto descendit corpore pestis. Idem et contagium a contingendo, quia quemquem tetigerit, polluit. Ipsa et inguina ab inguinum percussione. Eadem et lues a labe et luctu vocata, quae tanto acuta est ut non habeat spatium temporis quo aut vita speretur aut mors, sed repentinus languor simul cum morte venit. (ISIDORO, ib.,17-19)

Manuscrito das Etimoloxías de Isidoro de Sevilla (procedente da abadía de Etival, século XII)

conservado na sala do Tesouro da mediateca Victor Hugo en Saint-Dié-des-Vosges (Francia)


Resumindo: para Isidoro a peste é unha enfermidade moi contaxiosa causada pola corrupción do aire (crenza xa dos gregos), que penetra e afecta sobre todo ás  vísceras. Pero Isidoro, na súa condición de eclesiástico, a máis da orixe física non descoida a intervención divina: a peste como  castigo reparador das maldades humanas. E en canto coñecedor da actualidade tampouco esquece as referencias a peste bubónica ou inguinal que comezara en Bizancio en tempos do emperador Xustiniano (541-544) para reproducirse con posterioridade en diversos lugares como Toledo (en  573) ou Valencia en 588.

FONTES:

https://penelope.uchicago.edu/Thayer/L/Roman/Texts/Isidore/4*.html#6
http://scielo.isciii.es/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S1132-12962005000300015

ILUSTRACIÓN:

https://commons.wikimedia.org/wiki/Category:Etymologiae,_by_Isidore_of_Seville#/media/File:Isidore_de_S%C3%A9ville-Manuscrit-Saint-Di%C3%A9.jpg



page | by Dr. Radut