Outro ano en arrandeo, e detrás nosa, os nosos pasos de onte xa sin voz. E os nosos xeitos, xa con non sei qué de doce señardá de cousas orfas.
Todo o que fomos ten xa unha alma antiga con trinta anos de mármore e alcipreste, con dozura de herbiña silenciosa e terra bendecida e oco escuro.
Aquel verso primeiro, aquel amor que eu tiven non sei cando, mais amargue e pequeniño que un agruño verde, e aquel camiño longo que perdín.
E aquel medo na noite malferida toda esgarrapizada pol-as beiras. E aquela soledá, ¡qué ledas cousas, ora que son almiñas do outro mundo!
¡Qué ledas cousas ora cara ó escuro, cando imos a subir á carriola! ¡Qué ledas cousas, ¡qué recimo ledo, doce de intres amargues coma agruños!
Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961)
|
 |