Esta semana recibimos no instituto ao alumnado e profesorado de intercambio do instituto Helmholtz- Gymnasium de Bonn que acolleu aos nosos rapaces e rapazas na semana do 23 ao 30 de marzo.
Durante estes días asistirán a clases de diversas materias, realizarán actividades variadas e coñecerán lugares de relevancia, grazas á implicación de moito profesorado que axuda actuando de cicerone e transmitindo os seus coñecementos sobre a cultura galega e pontevedresa.
O martes pola mañán foron acollidos no instituto e asistiron a algunhas clases. Realizaron un roteiro literario con alumnado de 1º ESO e acompañados pola profesora Anxos Rial. Despois, participaron nunha sesión de xogos populares no parque das Palmeiras coa profesora de Educación Física, Araceli Dobarro. Posteriormente, asistiron a unha recepción no concello onde coñeceron ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen lles explicou como era a nosa cidade e mantivo con eles unha agradable conversa. As fotografías que engadimos ao álbum foron cedidas amablemente polo Diario de Pontevedra e realizadas por Gonzalo García.
Pola tarde, o alumnado alemán, acompañado polos seus compañeiros de acollida e as profesoras Stefanie Bauer e Wendy Kramer realizaron unha visita ao Museo Provincial de Pontevedra. Os profesores Humberto Martínez e José Luis Rodríguez convertíronse en guías para explicarlles os interesantes fondos que garda o Museo Provincial.
O mércores pola mañán visitaron a catedral e a cidade de Santiago de Compostela, acompañados polos profesores Pablo Alonso e Benito Búa.
O xoves pola tarde fixeron unha escapadiña ata o incomparable Cabo Home para subir ata o Monte do Facho e desfrutar das fermosas vistas das rías de Vigo e Pontevedra, para logo seguir o sendeiro dos faros ata chegar á praia de Melide. Exerceron de guías locais e anfitrións os profesores Marta Mera, Telmo Silva, Margarita Torres e Rocío Vieites.
Finalmente, o venres pasaron a mañán na biblioteca concluíndo unha serie de proxectos que xa comezaran en Alemaña, rematando a súa estadía no IES Sánchez Cantón cunha comida fraternal no vestíbulo do instituto para despois regresar coas súas familias de acollida.
Confiamos en que a súa estadía fora placentera e que esta aprendizaxe de entendemento entre culturas cercanas pero diferentes, fixera mella no alumnado dun país e doutro, convertíndoos en persoas máis tolerantes, respetuosas e comprensivas cos demais.
Neste enlace poderedes acceder ao diario que fixo o alumnado alemán reflictindo a súa estadía en Pontevedra: