ACREDITACIÓN ERASMUS E VISITA A FRANCIA

Durante a primeira semana deste mes de abril, doce alumnos/as e dúas profesoras do IES Pedregal de Irimia de Meira visitaron o Liceo Militar Autun na Borgoña Francesa, continuando así coas actividades do proxecto Erasmus+ que comparten: “Traballando a cultura diferenzas e estereotipos. Unha forma de construír a cidadanía europea". Alí puideron ver todo o que teñen en común Galicia e Borgoña. Ademais das súas paisaxes verdes con explotacións gandeiras e viñedos, comparten orixes celtas e romanas. En Bibracte visitaron un castro celta, máis grande e máis romanizado que o de Viladonga, e en Autun un teatro romano e os restos dunha muralla e das súas portas, peor conservada que a de Lugo. Tamén estiveron en Beaune e Dijon, capital da Borgoña e lugar de orixe dos monxes fundadores do mosteiro de Meira.

Recentemente o instituto meirego conseguiu a Acreditación Erasmus+ cun proxecto moi valorado. Dos máis de 1.300 proxectos presentados, só 275 foron acreditados, sendo o IES Pedregal de Irimia o que obtivo a maior puntuación de Galicia e o posto 26 de toda España.