Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

DESMONTANDO OS PREXUIZOS E AS MENTIRAS SOBRE A LINGUA GALEGA

No día de hoxe, o alumnado de 2ºESO A e B tivo a ocasión de participar nun relatorio organizado polo EDLG do centro con Carlos García Vieito, politólogo, experto en redes sociais, membro da Mesa pola Normalización Lingüística e podcaster de éxito co programa “Exército Mekemeke”.

Por que cremos que é mellor falar linguas con moit@s falantes que aquelas que teñen pouc@s?
Por que pensamos que hai linguas sinxelas e linguas complexas?
Por que consideramos que existen linguas cultas e outras que non o son?
Por que pensamos que hai linguas que soan suave e outras que soan forte?
Por que consideramos que falar un dialecto é algo negativo?
Por que lles falamos en castelán ás persoas que chegan a Galicia provenientes doutros países?
Por que ás veces hai familias galegofalantes que, en troques, lle falan en castelán aos seus fillos e fillas?
E, en definitiva, por que moit@s de nós deixamos de falar galego no instituto e coas nosas amizades?

O obxectivo da charla era descubrir, e a seguir desmontar, moitos dos prexuízos lingüísticos que todas e todos nós temos. O primeiro paso cos prexuízos é ese: identificalos e comprender que son só iso, prexuízos subxectivos. Despois, a idea era afondar, precisamente, naqueles prexuízos e mentiras que, consciente ou inconscientemente, mantemos sobre a lingua galega en concreto e como modifican as nosas actitudes cara ao idioma e a nosa escolla como falantes.

O alumnado fixo varias reflexións de interese sobre estas cuestións e o debate creado por Carlos conseguiu facernos entender que non hai mellor defensa dunha lingua que empregala como o noso vehículo de comunicación diario de maneira normalizada. Isto é, en todas as situacións das nosas vidas. Así mesmo, fales a lingua que fales, respecta a escolla d@s teus amigos e amigas e enriquecédevos mutuamente.

Ao remate, mesmo un bo grupo se comprometeu a intentar facer do galego a súa lingua vehicular habitual. Oxalá se manteña este compromiso pero, sobre todo, oxalá que eses prexuízos e mentiras quedasen atrás.



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

blog | by Dr. Radut