Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

OBRADOIRO DE REGUEIFA

Este venres, 5 de abril, dentro das actividades da Semana Cultural, tivemos ocasión de asistir a un obradoiro de regueifa para o alumnado de 1º ESO, impartido por grandes expertos no tema: Lupe Blanco e Josiño de Teixeira.

 

Para entrar no tema con fundamento, o primeiro é deixar claros os conceptos, así que nos aclararon en que consiste a regueifa (cantar, rimar e improvisar en galego), a única arte improvisada que queda realizada en galego.

 

 

Foi interesante ver a que se aplicaba inicialmente o termo: 1. Un bolo típico das celebracións do casamento. 2. Un baile que facía a madriña da voda con ese bolo na cabeza para desexarlle sorte á parella. 3. Un canto improvisado que facían varios homes ao final do banquete. O que se declaraba gañador levaba como premio o bolo. Con todo, estes cantos improvisados non se limitaban unicamente ás celebracións dos casamentos, senón que se facían tamén en lugares de reunión social, como eran as tabernas. Aquí o premio que distinguía o gañador era unha boneca.

 

De aí pasouse a que contratasen regueifeiros para actuaren nas festas e a regueifa subiu aos escenarios. Nun principio era unha actividade masculina. As mulleres podían aparecer retratadas nos cantares, pero non estaba ben visto que participasen cantando. A primeira regueifeira de quen temos noticia foi Leonarda de Tallo.

 

Dentro do territorio galego hai algunhas variantes, como o brindo, de Lugo, tamén típico das vodas, pero de ton elegante e non de burlas coma a regueifa; os xenerais da Ulla, que nos últimos tempos abandonaron a improvisación; as bombas de Vilariño de Conso, tamén propias dos banquetes, pero de desenvolvemento lento; ou os desafíos, do sur de Pontevedra, que eran coplas entre distintas aldeas que cantaban no monte mentres coidaban o gando. Fóra das nosas fronteiras hai creacións semellantes ás regueifas, entre as que destacan as do País Vasco (bertsolaris) ou os de Cuba, lugares onde existe a materia no ensino.

 

 

Despois de toda esta información, pasamos á parte práctica de construción dunhas coplas para entrarmos na arte da regueifa. Agora xa sabemos que debemos comezar polo cuarto verso (onde vai a mensaxe final), logo o segundo (xa que ten que rimar co anterior), máis tarde o terceiro (serve de enlace entre os dous anteriores) e, por último, ocuparémonos do primeiro, que nos pode servir para presentarnos, situarnos no espazo ou dar outras informacións que nos parezan de interese.

 

Púxose o punto final coa interpretación das creacións dos distintos grupos que se formaron.

 

 

 



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

story | by Dr. Radut