Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

SEMANA DE CASTELAO: CHARLA-COLOQUIO CON MONTSE FAJARDO SOBRE "A VIDA INCERTA" DE VIRXINIA PEREIRA

No marco da Semana de Castelao do EDLG, o pasado venres día 2 de febreiro tivemos o pracer de contar no IES Número 1 de Ribeira coa presenza de Montse Fajardo. A autora da biografía de Virxinia Pereira veu a contarlle ao alumnado de 1º de bacharelato como foi "A vida incerta" do matrimonio Pereira-Castelao e a reivindicar a importancia crucial do elo feminino desta parella de galeguistas.

Escritora e xornalista, Montse Fajardo é ademais especialista en memoria histórica e feminismo. De feito, á parte de traballar e colaborar en varios medios de comunicación radiofónica e de prensa escrita, foi tamén Técnica de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra durante os dous últimos anos. Con esta bagaxe profesional, na última década veu publicando varios libros de non-ficción, co obxectivo de recuperar da desmemoria a historia de varias mulleres galegas do século XX. Aínda moi recentemente vén de gañar o premio da SELIC 2023 de Santiago de Compostela cun dos seus últimos ensaios: o libro "Onde habita a tolemia", no que trata sobre a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas, no contexto dunha coñecida institución de saúde mental de Santiago.

Agora ben, a súa visita polo Número 1, como diciamos, debeuse en realidade ao seu vínculo coa figura doutra muller, ao seu vínculo con Virxinia Pereira. É dicir, coa muller e a compañeira de vida de Castelao, a quen, en xeral e inxustamente (como sucedeu sempre coas mulleres), pouco se coñece máis alá de por ser tan só "a muller de...". Montse Fajardo, en troques, si que coñece moi ben a Virxinia, pois foi a autora da súa biografía, publicada en 2020 baixo o título "A vida incerta" (e que tedes dispoñible na nosa biblioteca). Un ensaio de investigación onde, traballando con moita documentación de arquivo e con varias coleccións epistolares se reivindica a importancia de Pereira por si mesma e a súa enorme influencia tanto na vida como na obra do propio Castelao.

Certamente, como ela tivo tempo de contarnos, Virxinia Pereira foi fundamental para Castelao durante a súa vida, xa que o seu carácter enfermizo e delicada saúde, fixo dos coidados dela unha cuestión crucial na vida del. Porén, foi fundamental tamén na súa obra, pois Montse Fajardo desvelounos o descubrimento de que en bastantes momentos da súa vida, Castelao, afectado de graves problemas de visión, estando case cego, houbo de apoiarse e guiarse polas instrucións e as indicacións de Pereira para elaborar os seus deseños, debuxos, traballos e escritos... Xa que logo, en certa medida, uns debuxos nos que é dificil saber canto hai de Castelao e canto de Pereira. Mais ela foi fundamental igualmente, se cadra aínda máis, despois de morrer Castelao en Bos Aires, un 7 de xaneiro de 1950, ao converterse, xa viúva, na principal protagonista na conservación e a defensa do legado artístico, literario, cultural e político de "Daniel".

Por todas estas razóns, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Igualdade do instituto consideramos que esta charla podía ser o mellor remate para a nosa Semana de Castelao: despois de celebrar a súa obra cun contacontos nos colexios de Ribeira ou co máis frívolo concurso de memes de "Cousas da vida", finalmente tocaba poñer no seu sitio á que, durante case corenta anos, foi a compañeira de viaxes, de loitas e de trafegos de Castelao. Era o momento de reivindicar tamén a figura de Virxinia Pereira Renda.

Esperamos ter acertado coa iniciativa e que a actividade resultase do interese do alumnado. Como sempre, agradecerlle a todo o EDLG e ao Equipo Directivo o apoio e as facilidades para levar a cabo estoutro tipo de actividades didácticas fóra da rutina habitual das aulas e, por suposto, moitas grazas tamén á propia Montse Fajardo polo seu traballo.

 



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

story | by Dr. Radut