ACENDENDO UN LED
Materiais
Para facer a primeira práctica en Arduino, necesitarás os seguintes materiais:
- Placa Arduíno + protoboard
- cable USB
- LED
- resistencia de 220 Ω
- cables de conexión
Simulación en Tinkercad
Empezamos facendo a simulación da montaxe que habemos realizar no Tinkercad. Presta atención á forma de conectar o LED, a resistencia e os pins da placa Arduíno: úsase o pin dixital 13 e o GND (terra). Cando remates a montaxe, preme en "Start Simulation" e comproba o seu funcionamento. |
|
Tinkercad montaxe LED. Raquel Rendo. Commons Wikimedia. CC BY-NC-SA 4.0 |
Análise do código
Facendo clic en Code, podemos ver o código de programación que corresponde ao seu funcionamento. Fíxate no significado de cada instrución:
* void setup () e void loop (): estas dúas funcións aparecen sempre nun programa Arduino. Cada unha ten dúas chaves que delimitan o contido que lles afecta. Neste programa as chaves de void setup están nas liñas 2 e 4; para void loop, na 7 e 12.
|
|
Código Arduino LED. Raquel Rendo. Commons Wikimedia. CC BY-NC-SA 4.0 |
* pinMode (13, OUTPUT): a función pinMode permite definir o comportamento dun pin da placa Arduino como entrada (INPUT) ou saída (OUTPUT). Neste caso o pin 13 está configurado como saída.
* digitalWrite (13, HIGH) e digitalWrite (13, LOW): permite cambiar o estado dun pin da placa Arduino que previamente definimos como saída. Podemos activalo (HIGH) co que o pin proporcionará 5V ou desactivalo (LOW), co que a saída estará a 0V.
* delay (1000): é unha función de espera, detén o funcionamento do programa durante o tempo especificado entre parénteses, que vai expresado en ms (milisegundos).
Cando nun programa algo vai escrito despois de dúas barras inclinadas á dereita, non é unha instrución e polo tanto non se executa. Serve para facer aclaracións na programación.
Montaxe do circuíto eléctrico
Realiza agora a montaxe do circuíto eléctrico sobre a placa Arduino e a protoboard, ten en conta que o LED ten polaridade: ánodo e cátodo, e comproba que as conexións queden ben axustadas. Se tes dúbidas fíxate na simulación do Tinkercad.
A montaxe do circuíto débese facer sempre coa placa Arduino desconectada do ordenador; cando remates, conéctaa mediante o cable USB e comproba que se acende unha luz verde sobre a placa (ON).
IDE de Arduino
Busca a icona de Arduino no escritorio do teu ordenador e executa o programa. Aparecerá unha ventana como a que se amosa na imaxe, na que podemos diferenciar as seguintes zonas: barra de menú, menú de funcións habituais, área do editor de programa, ventana de mensaxes e barra de estado. O primeiro que debemos facer é comprobar: - que o programa detectou a placa de forma correcta, para o cal na barra de menú accedemos a Ferramentas-->Placa. Debe aparecer escrito ao seu carón "Arduino/Genuino One", pero se non é así seleccionamola na lista despregable. |
IDE Arduino: elementos. Raquel Rendo. Commons Wikimedia. CC BY-NC-SA 4.0 |
- o porto no que está conectado: tamén desde a barra de menú accedemos a Ferramentas-->Porto. Debe aparecer escrito ao seu carón o porto no que está conectada a placa, se non é así seleccionamos o porto COM co valor numérico máis alto que apareza no despregable.
Primeiro programa en Arduino
Para executar o noso primeiro programa en Arduino descargámolo desde Tinkercad, o que nos evita, polo de agora, ter que teclear todas as instrucións. Facendo clic na icona de descargas (frecha cara abaixo) situada enriba do código, ábrese unha ventana na que poderemos elixir a carpeta na que queremos gardar o arquivo. Fíxate que por defecto ten o nome do circuíto do Tinkercad e a extensión .ino.Unha vez descargado, abrímolo desde o IDE de Arduino, para o cal accedemos a Menú-->Ficheiro-->Abrir e buscamos o arquivo na carpeta onde o gardamos no paso anterior. Debe aparecer entón unha mensaxe na que se indica que o arquivo ten que estar gardado nunha carpeta do mesmo nome e propón creala e mover ao arquivo; aceptamos.
Nese momento, cárgase na IDE de Arduino o código do noso primeiro programa. Os seguintes pasos son:
1) Verificar a sintaxe do programa. Facémolo premendo na icona verificar do menú de funcións habituais. A mensaxe cos erros ou compilación satisfactoria aparece na ventana de mensaxes.
2) Cargar e executar o programa. Ao premer o segundo botón pola dereita do menú de funcións rápidas, o programa verifícase unha vez máis , compílase e cárgase na placa Arduino. O final deste proceso tamén se indica na ventana de mensaxes.
Se o programa funciona correctamente, de xeito inmediato comezará a executarse, polo que o led da placa acéndese e apágase a intervalos regulares de tempo (1 segundo).
Modificacións ao programa
Proba a modificar o tempo de espera na instrución delay correspondente a activación do pin (high), aumentando o seu valor.
Lembra que despois de cada modificación debes verificar e subir o programa á placa outra vez.