Saltar navegación

ESPECTRO ELECTROMAGNÉTICO

Os dispositivos de telecomunicacións que viaxan a bordo das cápsulas MarumaSat empregan ondas electromagnéticas de diferentes frecuencias: a radiosonda emite a 403 MHz, o teléfono móbil a 2600 MHz, o GPS faino a 1600 MHz e o wifi da cámara de video a 2,4 GHz. Por outro lado, a luz visible ten unha frecuencia de 500.000 GHz e a radio FM emite entre os 80 e 110 MHz. Existen pois, moitos tipos de radiacións que se diferencian pola súa frecuencia.

Aprende

Chamamos espectro electromagnético ao rango de frecuencias de todas as ondas electromagnéticas que se poden propagar a través do espazo libre, ordenadas segundo a súa lonxitude de onda e a súa frecuencia.

Electromagnetic espectrum-es. Horst Frank. Commons Wikimedia. CC BY-SA 3.0

Cando falamos de telecomunicacións inalámbricas, os rangos de frecuencias máis empregados son:

· Infravermellos (IR): empréganse en comunicacións de corto alcance, son moi direccionables (ten que apuntar directamente, ou case, ao receptor) e non poden atravesar obstáculos. O mando a distancia da televisión emprega este tipo de radiación.

· Microondas (MW): usado para transmisións de longo percorrido (comunicacións por satélite), telefonía móbil, Bluetooth e outras comunicacións terrestres alternativas ao cable coaxial ou á fibra óptica. A súa frecuencia é máis pequena que a da radiación IR e poden atravesar obstáculos.

· Radiofrecuencias ou radio (RF): é o rango que utilizan as transmisións de radio (FM e AM) e a televisión dixital terrestre (TDT). As radiofrecuencias poden atravesar obstáculos sen ningún problema.