Agregador de novas

O Goberno galego dá luz verde á matrícula gratuíta para os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores a partir do próximo curso

Novas Consellería - Lun, 24/06/2024 - 15:37

Summary: 

Rueda resalta a prioridade do Executivo autonómico de “garantir a igualdade de oportunidades” e lembra que Galicia foi “pionera na conxelación de taxas universitarias hai 13 anos”

Galicia convértese na “única comunidade na que os alumnos que aproben poderán estudar unha carreira totalmente de balde se cumpren os requisitos”

Terán matrícula de balde todos os que inicien estudos en primeiro curso, así como os de segundo e posteriores cursos que superen unha porcentaxe de créditos entre o 65% e o 90%, segundo a área de coñecemento

A maiores, as taxas de máster continuarán conxeladas para o conxunto do alumnado, ao igual que as de grao para aqueles que non cumpran con requisitos da gratuidade

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que o Consello de Goberno vén de dar luz verde á “gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos”, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos, unha medida que será aplicable para o próximo curso e coa que, ademais, se cumpre un “compromiso adquirido para os primeiros 100 días de goberno”.

 

Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores o próximo curso terán bonificado o prezo da matrícula, o que contribúe, tal e como indicou Rueda, “a garantir a igualdade de oportunidades”, ao mesmo tempo que lembrou que Galicia foi “pioneira na conxelación de taxas universitarias hai 13 anos”.

 

O Consello ratificou hoxe os dous decretos de prezos públicos a través dos cales se implanta esta acción que, na práctica, blinda que todos os universitarios e estudantes de ensinanzas artísticas superiores que aproben teñan asegurada a matrícula gratuíta ao longo de toda a súa carreira universitaria desde a primeira chamada para a matrícula de xullo en diante. Isto converte a Galicia na “única comunidade autónoma na que os alumnos que aproben poderán estudar unha carreira totalmente de balde se cumpren os requisitos”.

 

Bonificación do 99%

No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custo da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

 

Para iso, deberán cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou ter superado un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.

 

No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en diante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no curso 2023/24 e matricularse no curso 2024/25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galegas.

 

A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de créditos matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.

 

Continuidade na conxelación das taxas

Doutra banda, para aqueles alumnos universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, o decreto aprobado hoxe tamén ratifica de novo a conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, co que Galicia levará 14 anos consecutivos coas taxas universitarias conxeladas. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumpriren os requisitos aboarán un prezo medio de 11,89 €/crédito.

 

Deste xeito, Galicia continuará a ter a universidade máis accesible de toda España, coa matrícula de grao gratuíta e os másteres máis baratos do Estado. “O que queremos é premiar e estimular o esforzo do alumnado”, asegurou Rueda.

 

Ensinanzas artísticas superiores

Así mesmo, o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

 

Para o alumnado de continuidade (de 2º a 4º curso), para optar á bonificación do 99%, requírese estar matriculado en curso completo nun centro público de Galicia no curso anterior e ter superado en primeira matrícula como mínimo o 90% da totalidade deses créditos.

 

Estas medidas aprobadas hoxe supoñen redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardaría, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que se fomenta a cultura do esforzo, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

O alumnado galego que estude portugués no seu centro educativo poderá acreditar o seu nivel lingüístico de xeito gratuíto

Novas Consellería - Lun, 24/06/2024 - 15:26

Summary: 

Román Rodríguez agradece a colaboración portuguesa para mellorar a formación dos estudantes galegos, poñendo en valor os vínculos coa lusofonía

Trátase dun acordo pioneiro do que se poderán beneficiar estudantes de 4º de ESO e 2º de Bacharelato

Farán as probas Camões Júnior desde os seus propios centros e poderán certificar os niveis A1, A2 e B1

Idioma Gallego

O alumnado que estude portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira nos centros educativos galegos poderá acreditar de xeito gratuíto o seu nivel lingüístico a partir do vindeiro curso, a través do Instituto Camões. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João Mira, asinaron hoxe un acordo de colaboración para impulsar esta medida, entre outras dirixidas a difusión da lingua e a cultura lusas no ensino. No acto participaron tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

 

A medida está pensada para que o alumnado que estude a lingua do país veciño poida acreditar ata tres niveis de competencia lingüística do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (A1, A2 e B1) ao remate das etapas de ESO e Bacharelato.

 

Cómpre salientar que se trata dun acordo pioneiro xa que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en subscribir un acordo deste tipo co Instiuto Camões que, ademais, deriva da aplicación da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa ou vínculos coa lusofonía.

 

Román Rodríguez quixo agradecer ao embaixador luso a colaboración do Instituto Camões para mellorar a formación do alumnado galego, tanto a través desta nova liña de acción como do acordo que existe desde hai anos polo que a entidade portuguesa contribúe con varios auxiliares de conversa a centros educativos galegos.

 

Neste sentido, puxo en valor a proximidade das linguas e culturas galega e portuguesa e a importancia de fortalecer estes vínculos para abrir novas oportunidades de presente e de futuro, seguindo o espírito da mencionada Lei Paz Andrade.

 

Probas no propio centro

Para acadar a certificación os estudantes terán que superar as probas do Exame de Portugués Lingua Estranxeira Camões Júnior, pero non terán que desprazarse para facelo, senón que as farán desde o seu centro educativo a través dunha plataforma electrónica.

 

O exame ten unha duración de 120 minutos e consta de catro partes: comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita e expresión escrita. Ten un carácter progresivo polo que, dependendo da puntuación acadada pola persoa que se examina, a puntuación equivale a un dos devanditos tres niveis. Seis semanas despois da realización do exame, emitirase a certificación Camões Júnior de xeito telemático a cada participante que acadase un nivel mínimo de A1.

 

Accións de divulgación

O acordo asinado hoxe inclúe, así mesmo, cooperación na divulgación de actividades dirixidas ao profesorado que imparte portugués como lingua estranxeira ou materia non lingüística en lingua portuguesa. Tamén en todo tipo de accións neste sentido dirixidas ao alumnado, como cursos, seminarios ou actividades culturais.

 

Así mesmo, a Consellería e o Instituto Camões comprométense a promover a difundir este novo medio de certificación da lingua portuguesa.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Resolución definitiva dos centros participantes no programa Picasso Mob de intercambio individual de alumnado co de centros da Région Académique de Bourgogne-Franche Comté (Francia) no curso 2024/25

Anuncios Consellería - Lun, 24/06/2024 - 14:56
Idioma Gallego

Achégase resolución definitiva dos centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa Picasso Mob de intercambio individual de alumnado en réxime de reciprocidade con alumnado matriculado en centros pertencentes á Région Académique de Bourgogne-Franche Comté (Francia) durante o curso 2024/2025.

Anuncio principal: 

Selección de centros e alumnado matriculado en centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa Picasso Mob de intercambio individual de alumnado

Tema: 

Lingua estranxeira Programas e plans

Ensinanza: 

Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Alumnado

Sección: 

Boletín Linguas estranxeiras
Categorías: Anuncios Consellería

Convocatoria do programa educativo “VI CiberLiga 2024/25 modalidade preameateur"

Anuncios Consellería - Lun, 24/06/2024 - 14:46
Idioma Gallego

Resolución do 24 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a “VI CiberLiga 2024/25 modalidade preamateur” dirixida a centros educativos de Galicia no curso 2024/25.
 

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir da publicación desta convocatoria no portal educativo.

File: 

Resolución do 24 de xuño de 2024 Anexo I

Tema: 

Programas e plans

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

Colectivo: 

Alumnado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Anuncios Consellería

Mañá abre o prazo para solicitar cursar FP nas preto de 47.000 prazas de novo ingreso para o vindeiro curso

Novas Consellería - Dom, 23/06/2024 - 09:18

Summary: 

As persoas interesadas teñen ata o 4 de xullo para tramitar a petición nalgunha das 214 titulacións diferentes que se imparten en Galicia

Idioma Gallego

Desde mañá e ata o 4 de xullo estará aberto o prazo de solicitude para cursar unha titulación de Formación Profesional nas preto de 47.000 prazas de novo ingreso que vén de habilitar a Xunta de Galicia para o próximo curso 2024-25, un 11% máis que no presente curso.

 

Os interesados poderán escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.

 

Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, a través do Portal Educativo ten dispoñibles as instrucións cos detalles específicos para cada unha das modalidades. En todo caso, as principais datas son as seguintes:

 

Oferta

Presentación de solicitudes

Resolución provisional de solicitudes

1ª adxudicación de prazas

Período de matrícula para as persoas admitidas

Ordinaria/modular

 

Do 24 de xuño ás 9:00 h. ao 4 de xullo ás 13:00 h.

10 de xullo

17 de xullo

Do 17 de xullo desde as 9:00 h. ao 22 de xullo ás 13:00 h. (para a 1ª adxudicación)

FP Dual Intensiva

Do 24 de xuño ás 9:00 h. ao 4 de xullo ás 13:00 h.

8 de xullo

15 de xullo

(do 8 ao 12 de xullo haberá un período de selección polo centro educativo e as empresas)

Prazas adxudicadas e en espera o 15 de xullo

Do 16 de xullo ás 9:00 h. ao 24 de xullo ás 13:00 h.

Másteres de FP

Do 24 de xuño ás 9:00 h. ao 4 de xullo ás 13:00 h.

10 de xullo

17 de xullo

Do 17 de xullo ás 9:00 h. ao 22 de xullo ás 13:00 h.

 

Cómpre lembrar que a Xunta vén de ampliar a oferta de FP para o vindeiro curso acadando de novo un máximo histórico cun total de 46.714 prazas de novo ingreso, cun reforzo na práctica totalidade das familias profesionais así como en todas as áreas territoriais.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta polo profesorado, coa convocatoria de máis de 18.500 prazas nas oposicións desde 2009

Novas Consellería - Sáb, 22/06/2024 - 12:13

Summary: 

Salienta que Galicia é a Comunidade coa interinidade máis baixa de España

Un total de 21.230 aspirantes optan ás 1.743 prazas convocadas, das que máis do 86% son de novo ingreso

O proceso mobiliza ás 975 persoas que forman parte dos 195 tribunais distribuídos por sedes en 15 localidades galegas, máis de 2.700 se se contan os suplentes

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitou hoxe as sedes das oposicións do ensino situadas no Centro Integrado de FP Compostela (Santiago) e no Instituto IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín), onde destacou a aposta da Xunta pola estabilidade docente.

 

Coas 1.743 prazas convocadas para as oposicións deste ano preténdese seguir avanzando na estabilidade e renovación do profesorado, ao tempo que se facilita a carreira profesional docente, con prazas para o acceso desde outros corpos ao de profesores de ensino secundario ou ao de inspectores de educación.

 

“O proceso que comeza hoxe ratifica o compromiso do Goberno galego, ademais, coa renovación do cadro de persoal no ensino. Non en balde, desde 2009 a Xunta convocou máis de 18.500 prazas nas oposicións de educación”, salientou o conselleiro.

 

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que Galicia é desde hai tempo a Comunidade coa interinidade docente máis baixa de España. En concreto, a interinidade estrutural docente en Galicia está por debaixo do 5%, “moi por debaixo do 8% que esixe o Goberno central e da media estatal, que está por riba do 24%”, afirmou.

 

Román Rodríguez quixo desexar sorte a todos os opositores e agradecer aos membros dos tribunais e organizadores o seu traballo “para que todo o proceso se desenvolva con normalidade e coas máximas garantías”.

 

Máis do 86% de novo ingreso

Un total de 21.230 aspirantes optan a 1.743 prazas, das que un total de 1.512 (máis do 86%) son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas.

 

As 231 prazas restantes son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220) ou ao de inspectores de educación (11).

 

Case 200 tribunais

Os exames realízanse en 15 localidades de todo o territorio galego en concreto na Coruña, Ames, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ribeira, Lugo, Castro de Rei, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

 

O proceso supón unha gran loxística que, ademais dos opositores, mobiliza ás 975 persoas que forman parte dos 195 tribunais que xulgan o procedemento selectivo, un total de 2.730 persoas se se contan tamén os tribunais suplentes.

 

O maior número de tribunais estará nas probas das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario, un total de 102; mentres que para mestres haberá 76 tribunais, para profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional haberá sete, para profesores de escolas oficiais de idiomas cinco, para a acreditación do coñecemento de idioma (galego e castelán) catro tribunais e para inspectores de educación un tribunal.

 

File: 

Oposicións de Educación 2024 Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Román Rodríguez anima aos alumnos máis excelentes da ABAU a apostar pola universidade pública galega, gratuíta e con titulacións variadas e de calidade

Novas Consellería - Ven, 21/06/2024 - 15:54

Summary: 

Gaba o esforzo e sacrificio destes estudantes que “son un orgullo para Galicia” e representan a variedade de centros educativos que existen entre o rural e urbano

Lembra que serán a primeira xeración que van poder completar os seus estudos universitarios cen por cen gratuítos

Agradece o labor dos profesores por “inculcar paixón” aos seus alumnos así como o apoio constante das familias, que non terán que desembolsar matrícula o próximo ano

Destaca o espírito de cooperación das tres universidades públicas, que contan co apoio da Xunta cun financiamento estrutural estable e unha oferta ampla e innovadora

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, anima aos alumnos máis excelentes da ABAU a que continúen a súa etapa formativa nas universidades públicas galegas, que destacan pola ampla e variada oferta de titulacións, pola súa calidade académica e que, ademais, a partir do próximo curso “avanzamos un novo chanzo no apoio ás familias coa matrícula gratuíta para os estudos de grao”.

 

Así o sinalou esta mañá na Coruña ante un aforo de máis de 4.000 asistentes entre alumnos e familias, nun acto no que se recoñece a un milleiro de estudantes cos mellores expedientes da ABAU en 2024. O evento, organizado pola Universidade da Coruña, contou coa presenza dos reitores Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Ricardo Cao (UDC), e ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

 

Román Rodríguez gabou o seu “sacrificio, dedicación, esforzo e constancia” na recta final de Bacharelato así como o “apoio imprescindible e a transmisión de valores” das súas familias para acadar “un rendemento académico de excelencia que vos fai ser un orgullo para Galicia”. “Ademais seredes a primeira xeración de estudantes que ides poder completar os vosos estudos universitarios cen por cen gratuítos”, explicou en referencia á nova medida da Xunta de implantación da matrícula de balde a partir deste próximo curso.

 

O conselleiro tamén tivo palabras de agradecemento para o profesorado galego polo seu labor de “impulso e orientación”, pola súa “paixón polo seu propio traballo” e por ser capaces de “inculcar esa paixón” aos seus alumnos.

 

En Galicia superaron a ABAU case 11.000 estudantes, un 96% dos presentados, procedentes de 237 centros que representan a variedade do sistema educativo entre os do rural e do urbano. Neste senso, Román Rodríguez salientou a aportación dos alumnos de alto rendemento ao o sistema educativo galego como “un modelo de éxito” que é referente a nivel estatal en canto a resultados, inclusión e innovación.

 

No que atinxe ao ámbito estritamente universitario, o representante da Xunta destacou o espírito de cooperación das tres universidades públicas, que contan co apoio reforzado da Xunta cun financiamento estrutural estable e unha oferta ampla e innovadora.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Xunta e sindicatos constitúen a Comisión Negociadora do Plan de Igualdade para o persoal docente

Novas Consellería - Ven, 21/06/2024 - 15:08

Summary: 

É o punto de partida para a redacción deste documento para avanzar na eliminación de calquera tipo de discriminación neste ámbito laboral

Idioma Gallego

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reuniuse hoxe coas organizacións sindicais da mesa sectorial do ensino para constituír a Comisión Negociadora do Plan de igualdade para o persoal docente. É o punto de partida para a redacción deste documento para avanzar na eliminación de calquera tipo de discriminación neste ámbito laboral.

 

A comisión ten entre as súas funcións a negociación e elaboración da diagnose e das medidas que integrarán o Plan de igualdade, a identificación das medidas prioritarias, os ámbitos de aplicación e os medios materiais e humanos necesarios para a súa implantación. Así mesmo, impulsará accións de información e sensibilización para a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes.

 

Entre outros eidos, abordaranse as accións necesarias para garantir a igualdade de oportunidades nos procesos de selección e contratación, clasificación profesional, formación, condicións e valoración de postos de traballo.

 

Así mesmo, promoverase o exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, a prevención de condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo e impulsaranse as medidas de prevención e actuación en caso de violencia de xénero, entre outras.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Publicación da relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas de comisións de servizos, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde para o curso académico 2024/25

Anuncios Consellería - Ven, 21/06/2024 - 14:03
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 21 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se aproba e se fai pública a relación provisional de solicitudes de comisións de servizos, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde, admitidas e excluídas de conformidade coa Orde do 28 de febreiro de 2020, código de procedemento ED010B, (DOG nº 46, do 9 de marzo)

De conformidade co artigo 12 da Orde do do 28 de febreiro de 2020, contra esta resolución provisional, as persoas interesadas poderán formular alegacións, no prazo comprendido entre o día 24 de xuño e o día 28 de xuño de 2024, ambos os dous incuídos, por medios electrónicos, mediante o trámite Alegacións activado no procedemento normalizado ED010B do seguinte xeito:

  1.  Acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal
  2. Autenticarse co seu usuario e contrasinal de Chave 365 ou contrasinal se emprega certificado electrónico.
  3. Localizar o ÚLTIMO expediente presentado na sede correspondente á solicitude de comisión de servizos, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde, (código de procedemento ED010B) e premer na opción de “Acción” para elixir o trámite “Alegacións”.

    IMPORTANTE: NO CASO DE QUE POSÚA VARIAS SOLICITUDES PRESENTADAS NESTE PROCEDEMENTO, LEMBRE QUE DEBE ESCOLLER A ÚLTIMA SOLICITUDE PRESENTADA (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO ED010B). Non se tramitarán as alegacións formuladas en solicitudes que non sexan á última presentada neste procedemento en sede electrónica.

  4. Encher o formulario, anexar a documentación, se é o caso, e asinar e presentar electronicamente premendo no botón “Asinar e presentar”.

A súa reclamación estará correctamente presentada cando poida descargarse tanto o trámite de alegacións asinado como o recibo de presentación desta.

Anuncio principal: 

Apertura do prazo de presentación de solicitudes de comisión de servizo en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde para o curso académico 2024/25 (ED010B)

Tema: 

Programas e plans Comisións de servizo

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Anuncios Consellería

Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio. Cualificacións definitivas. Convocatoria 2024

Anuncios Consellería - Ven, 21/06/2024 - 08:52
Idioma Gallego

Publicada a listaxe definitiva de cualificacións das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

A partir do 24 de xuño poderanse solicitar os certificados da proba de acceso en calquera dos centros de inscrición (centros docentes públicos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que impartan ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2023-2024).

Máis información

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Anuncios Consellería

Román Rodríguez subliña a competitividade e capacidade de Galicia para captar fondos de I+D+i

Novas Consellería - Xov, 20/06/2024 - 18:56

Summary: 

As entidades galegas recibiron apoio a 308 proxectos de I+D+i por parte deste ente estatal nos últimos cinco anos, o que permitiu mobilizar 186 millóns de euros

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou esta mañá a xornada de presentación dos instrumentos de financiamento da I+D+i a nivel estatal e autonómico, unha cita organizada conxuntamente, en Santiago de Compostela, polo Centro para el Desarrollo Tecnológico e Innovación (CDTI) e a Axencia Galega de Innovación.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia, Carmen Cotelo,  puxo de relevo a competitividade e capacidade dos axentes galegos da I+D+i para captar fondos a nivel nacional e internacional, como demostran os 308 proxectos apoiados por CDTI en Galicia nos últimos cinco anos, que permitiron mobilizar 186M€. O conselleiro apuntou que para iso é esencial que as administracións de todos os niveis incentiven a cultura innovadora e apoien a I+D+i no tecido produtivo de xeito coordinado.

Neste punto, o titular de Educación e Ciencia agradeceu a colaboración do CDTI, principal organismo a nivel estatal encargado do fomento da I+D+i empresarial, co que a Xunta de Galicia mantén un convenio de colaboración desde 2007 co obxectivo de ampliar as oportunidades de financiamento das entidades galegas e mellorar a complementariedade entre as diferentes axudas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta crea un novo ciclo de formación profesional básica no IES Xelmírez I a través do plan FP360

Novas Consellería - Xov, 20/06/2024 - 18:16
Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto IES Arcebispo Xelmírez I co gallo da implantación dun novo ciclo de FP Básica o vindeiro curso. En concreto, trátase do ciclo de Acceso e conservación en instalacións deportivas, que ofertará un total de 18 prazas de novo ingreso. Esta novidade complementa o ciclo de Informática de Oficina, que xa se impartía no centro.

A FB Básica é unha aposta fundamental da Xunta de Galicia, que o vindeiro curso porá en marcha o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, aprobado esta semana e dotado con 24 M€ ata 2028. O programa conta cun dobre obxectivo: reducir a taxa de abandono escolar e atraer de novo ao sistema educativo a aquelas persoas con baixa cualificación co fin de enriquecer a súa formación e xerar oportunidades profesionais.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Xunta e Concello de Ames avanzan na planificación do novo colexio de Milladoiro, cuxa obra está previsto licitar en xullo

Novas Consellería - Xov, 20/06/2024 - 18:12

Summary: 

Román Rodríguez e Blas García manteñen unha xuntanza de traballo para coordinar as actuacións que a Xunta de Galicia realizará no Concello de Ames

A Administración autonómica está a investir actualmente máis de 13,5M€ na mellora de infraestruturas educativas en Ames

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Ames, Blas García, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo en San Caetano para abordar a planificación da construción do novo Colexio CEIP de Milladoiro. No encontro tamén participaron a concelleira de Educación, Carmen Porto, e o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila.

Esta reunión ten lugar co propósito de coordinarse Xunta de Galicia e Concello de Ames para afrontar as tres grandes actuacións que se están a facer no municipio, comezando pola nova infraestrutura na que o Goberno galego investirá 10,1 millóns de euros.

Román Rodríguez trasladoulle ao rexedor e á concelleira que o departamento autonómico ten previsto licitar a obra no próximo mes de xullo, coa estimación de poder iniciar os traballos a principios de 2025 e que o novo colexio estea operativo no inicio do curso 26/27. 

O centro, que acollerá a 450 alumnos e permitirá atender as necesidades educativas dunha poboación en aumento, será o primeiro colexio construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que deseña espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna. 

As tres actuacións que a Consellería está a realizar no Concello de Ames acadan un investimento de máis de 13,5M€. Entre estas obras cómpre destacar a ampliación do Colexio CEIP Agra do Muíño, por 3,3M€, cuxas obras van por bo camiño, cun 65% das mesmas xa executadas. Está tamén a piques de comezar a execución do cambio de cuberta do Colexio CEIP de Barouta, no que o Executivo autonómico inviste 150.000 euros. En ambos casos, a previsión é que en setembro estean as obras rematadas. 

García puxo enriba da mesa a posibilidade de conveniar coa Xunta de Galicia o uso dos espazos educativos, cando non estean prestando servizo aos centros, para así aproveitar ao máximo as instalacións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta remite aos sindicatos as instrucións transitorias para regular a FP o próximo curso, á espera da normativa definitiva do Ministerio

Novas Consellería - Xov, 20/06/2024 - 14:51

Summary: 

O documento ten como obxectivo dar certezas a centros, docentes e alumnos diante do retraso do Goberno central

A Xunta segue traballando na elaboración do decreto galego de ordenación da FP e o seu desenvolvemento, que non se poderá concretar ata que se publique o estatal

Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP remite hoxe ás organizacións sindicais as instrucións sobre a ordenación e a organización da Formación Profesional para o vindeiro curso en Galicia. Trátase dunha normativa que se aplicará ao vindeiro ano académico e que ten por obxectivo dar certezas a centros, profesorado e alumnado diante da aplicación da nova lei estatal de FP a partir de setembro e os cambios que leva consigo a nivel de formación práctica ou modificación de módulos formativos. Para a súa elaboración contouse coa colaboración de varios grupos de traballo conformados por 300 docentes.

As instrucións teñen carácter transitorio, dado que a ordenación debe ser regulada por un novo decreto que a Xunta está xa a preparar. De feito, iniciou os trámites preceptivos en xaneiro. Porén, o retraso acumulado de meses por parte do Ministerio á hora de publicar a normativa estatal (en concreto a modificación do Real Decreto 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional), impide que o Goberno galego poida tramitar o decreto autonómico, dado que os seus detalles dependen do que o Ministerio estableza no real decreto nacional.

Deste xeito, as instrucións aplicaranse a partir de setembro ao primeiro curso dos ciclos formativos da oferta ordinaria, modalidade presencial e réxime xeral (é dicir, non inclúe nin a oferta modular nin a FP Dual intensiva) e aos cursos de especialización ou másteres de FP, segundo o calendario establecido polo Ministerio. Farase así unha transición progresiva que permita blindar o modelo de éxito da FP galega que leva funcionando 15 anos e que fai de Galicia un referente neste ámbito.

Novos módulos

Entre outros pormenores, as instrucións establecen os novos módulos que se incorporan no primeiro curso da oferta ordinaria e os seus currículos. Isto é, os módulos profesionais de Itinerario persoal para a empregabilidade I (Itinerario persoal para a empregabilidade no caso da FP de grao básico), de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo e de Inglés Profesional. Así mesmo, e seguindo a normativa estatal, elimínase o módulo de Formación e orientación laboral.

Precisamente a distribución horaria do primeiro curso da oferta ordinaria e os currículos e contidos dos novos módulos constitúen unha das principais áreas arredor da que desenvolveron o seu labor os devanditos grupos de traballo. Isto permitiu elaborar un documento que recolle a organización dos módulos de primeiro curso para cada ciclo e os períodos semanais, que serven como orientación aos centros educativos.

Formación práctica

No referido á formación práctica, os ciclos poderán incorporar no primeiro curso un período de formación na empresa ou no organismo equiparado como parte integrada do currículo dos módulos profesionais, sempre e cando se cumpran as condicións establecidas nas instrucións. Representará como máximo 80 horas nos ciclos de grao básico e 200 horas nos ciclos de grao medio e de grao superior.

A fase de formación na empresa será determinada por cada centro en función das características da oferta formativa, das particularidades dos sectores produtivos ou da dispoñibilidade de postos formativos e das condicións do alumnado. En todo caso, a formación non realizada na empresa, por non se dar as características, será desenvolvida no centro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Relación provisional de seccións bilingües admitidas e non admitidas da convocatoria para a incorporación de novas seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario para o curso 2024/2025

Anuncios Consellería - Xov, 20/06/2024 - 14:15
Idioma Gallego

Xúntase a Relación provisional de seccións bilingües admitidas e non admitidas da convocatoria para a incorporación de novas seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario para o curso 2024/2025

Ábrese un prazo de reclamacións e alegacións de 5 días hábiles. Deberá adiantarse unha copia da reclamación ou alegación ao enderezo electrónico  seccionsbilingues@edu.xunta.gal

 

Acceso á aplicación informática do Programa de seccións bilingües

 

Anuncio principal: 

Convocatoria para a incorporación de novas seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario para o curso 2024/25

Tema: 

Bilingüismo Programas e plans Seccións bilingües

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Linguas estranxeiras
Categorías: Anuncios Consellería

Román Rodríguez agradece á inspección educativa o seu labor logo duns anos esixentes pola covid e a LOMLOE

Novas Consellería - Xov, 20/06/2024 - 13:18
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou hoxe as III Xornadas de Formación da Inspección Educativa, ocasión que aproveitou para agradecer aos profesionais desta función pública o seu labor, especialmente logo duns anos esixentes nos que foi preciso xestionar a crise sanitaria derivada do covid-19 e a implantación da nova lei educativa estatal LOMLOE. Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, referiuse tamén ao retos actuais e futuros, entre eles a aplicación do marco normativo da FP, o desenvolvemento do acordo de mellora do sistema educativo ou as novas realidades derivadas do uso da intelixencia artificial.

As xornadas contan coa intervención de distintos responsables da Xunta como Manuel Ángel García, xerente de proxectos de educación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; Sonia Torres, xefa do Servizo de Ordenación Educativa, ou Jesús Manuel Rodríguez Buján, subdirector xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da FP. Ademais, completan o panel de expertos desta cita o profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación da Universidade de Vigo Joaquín Dosil, e Ana López-Suevos, xuíza titular do Xulgado de Instrución Nº1 de Santiago de Compostela.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería
Distribuir contido