Saltar navegación.
Inicio
             Ponteareas

Iniciar sesión: Acceso

Intercambio Penafiel. Visita do alumnado portugués

Segunda parte do INTERCAMBIO PONTEAREAS – PENAFIEL

 

Na semana pasada tocoulle ao IES do Barral e ás nosas familias recibir o grupo de estudantes e os dou profesores que nos visitaron dende Penafiel.

Correspondía esta experiencia á segunda parte do intercambio que nós xa fixeramos visitando a inicios de marzo a súa cidade.

O IES do Barral vestiu as súas mellores galas para esta recibimento e puxo todos os recursos para que este grupo de alumnos se sentise ben acollido. Foi un grupo de alumnos e alumnas do noso instituto que, ademais de estudar aquí, tamén tocan na Banda de Guláns, quen lles mostrou aos veciños portugueses a boa música que se fai en Ponteareas e o talento fresco que aquí aínda temos.

Entre discursos e nervios compartimos unha merenda con todas as familias do intercambio, cos músicos e con algúns profesores que se achegaron ao evento. Coa barriga ben chea, grazas á merenda que prepararon as familias, tocou ir cada quen para a súa casa.

Cando o luns tocou o timbre das 9h xa todos estabamos con ganas de comezar a semana; ese día tivemos clases pola mañá e visitas pola tarde. Foi un día cargado de emocións, algunhas delas nunca quixeramos telas, mais a vida, por veces, ponnos a proba e colócanos retos difíciles de superar. Sempre estará no noso recordo ese día e o grupo soubo estar á altura das circunstancias. Só podemos sentir orgullo do noso alumnado!

O día continuou o seu curso atravesado a Ría de Vigo para desembarcar en Cangas e visitar a vila da man dun experto mariñeiro! Tivemos oportunidade de escoitar historias de baleas, saber de artes de pesca e coñecer os recunchos secretos de Cangas, grazas por tanto César!

O martes comezaba a mañá co brillar do sol! Todo indicaba que as cousas irían a mellor e así foi! Os noso grupo de estudantes portugueses tiveron a sorte de ter unha clase especial de español para estranxeiros impartida polo Profesor Manuel Gil, foi unha sesión do máis gratificante onde puideron aprender sobre cine. Grazas Manu! Despois das nosas clases collemos rumbo Santiago de Compostela. Paramos na Universidade, visitamos a Catedral e percorremos as estreitas rúas da capital. Aínda houbo tempo para conversas demoradas e paseos secretos. O grupo xa estaba cohesionado e forte.

Durante o terceiro día o sol bateunos coa forza propia do verán. Tivemos as nosas habituais clases e o autobús levounos a Pontevedra. Pero antes aínda paramos en Redondela para coñecer o Museu Meirande, que conta, de maneira moi divertida, a historia da Batalla de Rande, algúns de nós quedamos con ganas de mergullar á procura de tesouros afundidos na Ría. Continuamos ata a cidade do Lérez e comemos nunha das súas facultades. Despois da comida houbo tempo para xogar á beira do río. Despois, a visita guiada por Pontevedra levounos a coñecer as prazas da cidade con pormenor, a historia de cada unha delas e as lendas asociadas.

Por fin chegou o día de ir a Vigo. O grupo pedía esta visita con forza! Subimos e baixamos no Halo, camiñamos e deambulamos por Vigo, quen quixo foi facer compras e aínda houbo que colleu un barco. No regreso de Vigo, outra cita estaba agardando: a praia da Ponte no Río Tea. Cunha xornada así o grupo xa se tornara irrompible! Estas amizades compartindo estas experiencias permanecerán para sempre na memoria do grupo!

E chegaba o último día cargado de actividade. Sen perder as nosas clases habituais, visitounos a asociación de alfombristas de Ponteareas para explicar aos nosos visitantes esta tradición tan arraigada na nosa vila e, como non podía ser doutro xeito, entre todos e todas construímos unha alfombra conmemorativa deste intercambio. Traballar unidos, colaborando, axudando e rindo foi o mellor final que podíamos desexar. Grazas alfombristas!

Despois da alfombra compartimos comida na cafetería do instituto, houbo emocionantes discursos e por riba de todo moita risa.

Na hora da despedida a emoción apoderábase de todos e todas nós, o final da experiencia chegara antes do desexado: promesas de reencontro, votos de felicidade, promesas de amor, saudades….

Ese autobús tomou camiño Penafiel con maletas cargadas de lembranzas e corazóns cargados de emocións. E nós quedamos aquí a pensar cal será a nosa próxima aventura…?

Grazas a todas as persoas que fixeron posible este intercambio.

Ponteareas, abril de 2024