Intercambio con Francia

Xa están en Gondomar os quince estudantes do Collège Saint-Jean Eudes de Vire (Normandía), que participan na segunda parte do intercambio que organiza o departamento de Francés con alumnado de 3º e 4º de ESO do noso instituto. Chegaron o domingo á noite, acompañados por dúas profesoras, e estarán nas casas do noso alumnado ata o próximo sábado. Ao longo desta semana de convivencia van participar nun programa de actividades que comezou este luns 29 cunha visita ás instalacións do instituto e a asistencia a un concerto do alumnado de 2ºESO na aula de Música. A continuación achegáronse ao Concello de Gondomar, onde foron recibidos polo alcade, e realizaron unha visita guiada pola vila. Logo participaron por grupos nunha "Misión imposible", un xogo de pistas, e finalmente regresaron ao instituto para desenvolver unha actividade de Plástica organizada pola profesora Dorinda Garrido. Pola tarde asistiron a clase cos seus compañeiros. Hoxe martes fan todos xuntos unha ruta en bicicleta ata a Praia de Prado (Nigrán), onde van recibir unha clase de iniciación ao surf.