Información

CURSO 23/24

       | Limiar, análise sociolinguística e obxectivos |

 

 LISTADO DE ACTIVIDADES:

     1. Presentación do EDLG. Convocarase a todas as persoas interesadas en participar no EDLG a unha reunión inicial na primeira semana de outubro. Celebrarase na cociña da EOI, para facela máis atractiva, e daráselle abundante publicidade para atraer o maior número de alumnado e persoal posible. Agárdase así dar maior difusión ao traballo de dinamización e acadar unha maior implicación por parte de todos os sectores do centro.

2. Actualización do blog do EDLG. O blog Lingoreteira, creado a comezos do curso 20-21, é accesible desde a páxina web do centro e serve para dar visibilidade ás actividades do EDLG. Ademais, funciona como repositorio de recursos sobre a lingua galega, proporciona ligazóns a entidades e asociacións que promoven a lingua e a cultura galegas, dá visibilidade a iniciativas a favor da dinamización da lingua, e difunde novas de tipo social e cultural que poden ser de interese para os membros da nosa comunidade educativa. O blog actualizase regularmente ao longo do curso, cun mínimo de dúas entradas novas cada semana.

3. Club de Conversa en galego. De acordo coa nova coordinadora da biblioteca, as reunións do Club de Conversa celebraranse na biblioteca de xeito semanal e o horario estará exposto na porta da mesma. Deste xeito, o alumnado interesado poderá reunirse aínda que non haxa unha profesora presente. Para suscitar
interese, organizarase unha enquisa online a comezos do mes de outubro para escoller un nome para o Club de Conversa e decidir o horario máis acaído para todas as persoas que queiran participar.

4. Colaboración co Club de Lectura. O Club de Lectura propón a lectura conxunta de tres obras de literatura contemporánea en galego: Azucre, de Bibiana Candia; Izan o da saca, de Xabier Quiroga, e As Alumnas, de Paula Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Teatro 2023. O EDLG colaborará na adquisición de exemplares de As Alumnas e xa convidou a Paula Carballeira a un encontro na EOI, que se celebrará previsiblemente no mes de febreiro. A coordinadora da biblioteca e a coordinadora do EDLG traballarán conxuntamente para intentar organizar encontros co autor e autora das outras dúas obras.

5. Celebración do Samaín. No mes de outubro organizarase a terceira edición do concurso de microrrelatos de medo Relatos Espantosos. Para esta edición, como novidade, proponse crear dúas categorías: relatos escritos e relatos orais. Tamén se propón colaborar nesta actividade co CIFP A Farixa, dado que ten alumnado adulto. Na segunda semana de outubro terá lugar unha reunión co coordinador do EDLG dese centro para estudar posibles formas de colaboración. Unha posibilidade sería enviarlles os relatos escritos na EOI ao alumnado do CIFP para que escollan o relato gañador e viceversa. Os relatos do alumnado da EOI publicaranse no blog do EDLG e o relato gañador recibirá un vale de agasallo de 30€ para mercar nunha librería local.

6. Celebración do magosto. Convocarase a cuarta edición do concurso de fraseoloxía e imaxe de outono “Castaña de ouro”, no que as persoas participantes escollen un refrán relacionado co magosto, a castaña ou o outono en xeral e engaden unha imaxe orixinal para ilustrar ese refrán. Tamén deben explicar por escrito, en galego, o significado do refrán e como se relaciona coa fotografía. De ser posible, incluirán así mesmo un refrán equivalente nas linguas que se estudan na EOI. O EDLG seleccionará un traballo gañador, que será premiado cun vale de 30 € para unha libraría local.

O EDLG colaborará tamén na organización da festa do magosto na Escola, como se fixo en anos anteriores. Como actividade complementaria á festa, proponse un obradoiro de bailes galegos no que poderán participar todas as persoas asistentes. Para iso o EDLG xa está en contacto coa Escola Provincial de Danza Castro Floxo.

7. Celebración do Nadal. En lugar de organizar unha venda solidaria de productos serigrafiados, como se veu facendo os últimos dous anos, o EDLG ofrécese a colaborar para organizar de novo o mercado solidario de Nadal, que sempre tivo moito éxito cando se celebrou anteriormente.

8. Celebración do Entroido. Este curso decídese centrar a atención no Entroido de Xinzo. Proponse contactar cun grupo coñecido desa zona que canta cancións para anunciar o Entroido e pedirlles que veñan anunciar a festa á EOI. Tamén se considera a posibilidade de organizar un obradoiro de máscaras ou algunha outra actividade relacionada coa vila de Xinzo, como unha visita ao Museo do Entroido.

9. Celebración do Día de Rosalía. Por primeira vez, o EDLG propón realizar algún acto sinxelo no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Podería ser un mural de homenaxe no que o alumnado escriba versos ou coloque imaxes da escritora.

10. Celebración do Día do Libro. Suxírese unha actividade coñecida como “bookcrossing”, polo seu nome en inglés, que consiste en deixar libros en lugares públicos para que outras persoas os atopen, os lean e os volvan deixar “libres”. Podería organizarse como unha actividade para toda a EOI con libros en diferentes linguas. Pedirase a colaboración da biblioteca e do Equipo de Actividades Culturais.

11. Celebración do Día da Muller. Este curso proponse traballar sobre o documental “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro, con fins didácticas. Intentarase contactar coa directora para organizar un coloquio e promover a reflexión.

12. Celebración do Día das Letras Galegas 2024. Este ano, o Día das Letras estará dedicado á escritora Luisa Villalta. Proponse organizar unha actividade relacionada coa súa obra poética, como a lectura conxunta dos seu poemas ou a tradución dalgún deles ás linguas que se estudan na EOI, como xa se fixera con Xela Arias. Por exemplo, cada departamento podería traducir un poema diferente e despois realizar unha gravación na que se escoiten a versión orixinal e a traducida.

13. Conferencia sobre o uso do galego nas redes sociais. A asociación Orgullo Galego ofrece distintas charlas para centros educativos. Esta en concreto está adaptada a alumnado adulto e xa foi impartida na EOI de Lugo e na de Pontevedra. Podería organizarse para o mes de maio, dado que o 17 de maio tamén se celebra o Día Mundial de Internet.

 

Distribuir contido