Club de Ciencia

DISECCIÓN DUN MEXILLÓN

Os alumnos/as de 3º de primaria, coa colaboración dos alumnos e alumnas de 3º de ESO, realizaron a actividade de laboratorio correspondente ao terceiro trimestre: “DISECCIÓN DUN MOLUSCO (MEXILLÓN: Mytilus edulis)”

O mexillón é un molusco (invertebrado) bivalvo abundante nas costas rochosas e cultivado para o consumo humano. Aliméntase por filtración de partículas de pequeno tamaño que se encontran na auga mariña. As partes máis importantes son: pé, masa visceral, manto e cuncha.

Para protexer o corpo brando posúe dúas pezas calizas protectoras chamadas valvas. Estas valvas articúlanse entre elas permitindo a apertura para alimentarse e o peche para protexerse de depredadores ou da desecación en marea baixa.

Para fixarse no litoral exposto ás ondas do mar posúe unha glándula produtora de filamentos que se pegan ás rochas e resisten a forza das ondas.

Os alumnos/as empezaron estudiando a cuncha e a función das distintas partes e, despois, a anatomía interna identificando e separando os distintos órganos.

 

FERMENTOS QUE INFLAN GLOBOS !!!

Os alumnos e alumnas de 4º de primaria co apoio de alumnas de 4º ESO investigaron a actividade dos fermentos (microorganismos unicelulares incluídos dentro do Reino dos Fungos) concretamente fermentos do xénero Saccharomyces os cales son empregados no proceso de elaboración do pan.

Os fermentos son microorganismos que se empregan na industria alimentaria para a elaboración do pan, da cervexa, do viño, da sidra… Estes microorganismos, en presenza de calor, utilizan os azucres presentes nos alimentos como nutriente. Durante o proceso, os microorganismos obteñen enerxía e liberan un gas que é o dióxido de carbono (CO2). A este proceso chámaselle fermentación.

Para facer a nosa fermentación utilizamos unha mestura de azucre de mesa e fariña, porque a masa do pan tarda moito máis tempo en levedar.

Aquí podedes ver o resultado!

MÁIS FOTOS

 

A MULLER NAS PROFESIÓNS STEM, MESA REDONDA

18/03/2019

O CPIP de Castroverde agradece a Nieves e Carmen, exalumnas deste centro e enxeñeiras que compartiran a súa experiencia académica e laboral Unha experiencia positiva que da exemplo de que as mulleres poden ter éxito, dirixir equipos e desenvolver proxectos de todo tipo: vías de comunicación, hidráulica, instalacións de hospitais, proxectos innovadores para frenar a radiación, para a transmisión de calor, relacionados co mundo agrícola,...

Esta actividade que foi unha excelente referencia tanto para as alumnas coma para os alumnos e esperamos que os anime a ver o apaixoante mundo das enxeñerías e a utilidade das matemáticas, a física, a tecnoloxía,... e a seguir formándose ao longo de toda a vida.

PRESENZA DE VITAMINA C NOS ALIMENTOS

 

Os alumnos/as de 6º de primaria, coa colaboración dos alumnos/ as de 3º de ESO, realizaron a actividade de laboratorio correspondente ao segundo trimestre: PRESENZA DE VITAMINA C NAS FROITAS.

Para investigar a cantidade relativa de vitamina C nas distintas mostras, empregouse como referente unha solución de Redoxón de concentración coñecida e, como indicador, unha solución de Indofenol que perde a súa cor azul en presenza da Vitamina C.

O alumnado observou que canto maior sexa a cantidade de vitamina C presente na mostra, menor será a cantidade que hai que engadir para decolorar a solución de indofenol. Rematado o estudo, o alumnado ordeou os resultados obtidos por orde de maior a menor contido en vitamina C.

 

Distribuir contenido