Skip to Content

7 XUÑO: XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Estimadas familias, 
Aí vén o día en que compartimos convosco todo o que traballamos este ano.
Estamos a ultimar o programa de actividades, que vos faremos chegar a principios de semana.
Reservade a mañá!
Vinde todas!
Gozade con todo o que temos para contar e mostrar!

Axudas para adquisición de libros de texto e material escolar 2024-2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades vén de publicar a Orde do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o curso 2024-2025.

Nos seguintes enlaces poden atopar información relacionada con esta convocatoria.

Orde do 7 de maio de 2024

Resumo do contido da Orde do 7 de maio de 2024

Anexo I (solicitude)

Anexo II

Encontro XOGADE de Datchball 6º de EP e 1º ESO

O día 30 de Maio tivo lugar no Pavillón do Coto do Ferreiro da Estrada o último encontro deste curso organizado pola Asociación de Deporte Escolar de A Estrada. Esta xornada deportiva, que reuniu a máis 400 rapaces e rapazas de 6º de EP e 1º da ESO, xirou arredor do deporte alternativo do Datchball.

Asistiu a esta xornada alumnado do CPI Aurelio Marcelino de Cuntis, CPI Santa Lucía de Moraña  e os centros estradenses CEIP Pérez Viondi, CEIP Figueroa, IES nº 1, IES Manuel García Barros, CEIPP de Oca, CEIP Cabada Vázquez e Colexio de Lourdes.

Esta actividade englóbase dentro do programa XOGADE de deporte escolar.

Álbum: Curso 23-24 -> Encontro XOGADE Datchball 6ºEP-1ºESO

Bailando cos nosos maiores (Centro de día VI: actividade final)

O día 29 de Maio o alumnado de 5º de Educación Primaria fixo a última das actividades conxuntas co centro de día deste curso 23-24.

Sairon camiñando do cole e dirixíronse ao centro de día. Ao chegar alí bailaron as 3 danzas que prepararon para o Serán das Letras. Despois xogaron a diferentes xogos cos maiores como son o pano, o rondo e a corda.

Logo degustaron unha merenda do propio centro de día e despedíronse dos/das maiores ata o vindeiro curso.

Finalizaron a mañá volvendo, de novo camiñando, ao cole.

Álbum: Curso 23-24 -> Bailando no Centro de Día

Excursión de fin de curso 1º ciclo de EP

O martes 28 de maio o alumnado de 1º de Ciclo de Primaria realizou a súa saída de fin de curso. Viaxaron a O Grove para realizar diferentes actividades lúdico-deportivas nun entorno de costa. No camping Paisaxe II e na praia de Area Grande pasaron o día bañandose e divertíndose ao máximo. Acompañounos o sol e quedáronlle moitas ganas de repetir. Clicade na imaxe para ver as fotos do ben que o pasaron.

Álbum: Curso 23-24 -> Excursión 1º ciclo

Saída Didáctica: A Coruña mitolóxica.

Os grupos de 1º ESO e de Cultura Clásica de 4º ESO viaxamos o 28 de maio á Coruña.

Previamente investigamos na clase a relación de Hércules coa cidade e a presenza do mítico rei Xerión na mesma.

O día aproveitámolo para, na Fundación Barrié, facer unha visita guiada á exposición Deuses e Heroes no Barroco Veneciano.

Despois de traballar todo o ano mitoloxía grega nas clases, puidemos ver pinturas auténticas e xogar a recoñecer os deuses,

as deusas e os mitos que aprendemos.

Coñecemos a praza de María Pita e paseamos a zona portuaria e dos Cantóns, atendendo a encontrar Xerións. De tarde,

fomos visitar a Torre de Hércules, subimos todos os seus chanzos até a terraza e puidemos contemplar a cidade e o mar

desde o alto.

Foi un día luminoso e divertido como podedes observar premendo aquí.

 

Ligazón: https://fundacionbarrie.org/exposicion-dioses-heroes

 

Álbum: Curso 23-24 -> Saída 1º ESO e Cultura Clásica

Encontro de clubs de lectura EP

O pasado venres 24 de maio, o alumnado do Club de lectura de EP participou nun encontro co Club de lectura do CEIP de Figueiroa (A Estrada). Esta xornada levouse a cabo na área recreativa da Praíña en Pontevea. Tras unha andaina que serviu para conocernos un pouco mellor, cada colexio explicou a súa experiencia, falou das lecturas traballadas durante este curso e intecambiáronse recomendacións.

Álbum: Curso 23-24 -> Saída Club de lectura EP

Visita do escritor Francisco Castro a 1° ESO

O pasado xoves 16 de maio, veunos visitar o escritor vigués Francisco Castro, autor do libro Xoán, Xoana, que lemos na 3ª avaliación en Lingua galega, e ao que lle puidemos facer preguntas sobre o libro. En palabras do autor, este libro trata sobre a intolerancia, neste caso, dunha persoa que nace neno pero que se sente nena. A intolerancia vén especialmente dos personaxes que el denomina “Os de atrás” porque lle fan a vida imposible a Xoán. 

Durante os 50 minutos que estivemos con el na biblioteca do centro, falounos das razóns que o levan a escribir. Tamén soubemos que ademais de escribir, o que máis ilusión lle fai nestes momentos é a música. Ten un grupo musical e o título do seu primeiro disco é “Agora é tempo”.

Ao final da charla, tivo tempo para dedicarnos a cada persoa o libro de lectura e puidemos facer unha foto de grupo con el. A moitos e moitas de nós quedounos ganas de ler outros libros de Francisco Castro. Hai un en concreto que non ten mala pinta, o titulado Chamádeme Simbad que foi traducido a moitos idiomas e trata do alzheimer, un problema co que tivo que enfrontarse na súa familia.

17M. II Serán das Letras

O 21 de Maio celebramos no centro o II Serán das Letras. A partir das 18:00 celebramos esta festa onde tocamos, bailamos, xogamos e papamos toda a comunidade educativa.

Agradecemos a desinteresada colaboración do:

  • Grupo Folclórico "Hai que Roelo" de Cuntis que amenizou a xornada coas súas pezas musicais
  • Cándido Mascato que cedeu un dos  seus packs de xogos tradicionais para que os/as pequenas/os e os non tan pequenos/as puideran desfrutar dun serán de xogos.
  • Ás familias que aportaron víveres e galdrumadas para fartar.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra da xornada en vídeo e en imaxes

Álbum: Curso 23-24 -> Serán das letras

Excursión a París (3º e 4º da ESO)

"Bonjours à tous!

A ville de l'amour foi, para o noso alumnado de francés de 3º e 4º de ESO, o escenario de percorridos e anédoctas inesquecibles.

A nosa viaxe comezou o luns 6 de maio pola tarde, cando puxemos rumbo cara a capital francesa con ganas de coñecer esta marabillosa cidade chea de historia e cultura ademais de, por suposto, practicar o idioma.

O martes 7 pola mañá o bo tempo acompañounos para subir ata o segundo andar da Torre Eiffel e recrearnos cunhas estupendas vistas da cidade. Despois paseamos ata o Trocadéro e o Champs de Mars. Pola tarde, camiñamos ata o Concello de París (Hôtel de ville), a catedral Notre Dame e o Quartier Latin. Vimos l'Université da Sorbonne, visitamos o Panthéon coa tumba de Napoléon e disfrutamos do sol no Jardin du Luxembourg.

O mércores 8 seguimos o noso itinerario por París e visitamos a primeira hora do día o museo do Louvre e as súas obras maestras. Ao saír puidemos contemplar a súa pirámide de cristal e l' Arc du Carroussel. A continuación, cruzamos o Jardin des Tuileries, a Place da Concorde onde está o Obelisco e fomos paseando ata les Champs Elysées para chegar ao Arc de Triomphe, un paseo de máis de 3,5 quilómetros de ensoño.

O xoves 9 fomos dirección Versailles onde visitamos o palacio e os seus inigualables xardíns, así como a aldea de Marie Antoinette. Pola noite dimos un paseo en Bateau- Mouche podendo disfrutar dunha panorámica de París cos seus monumentos máis emblemáticos e ver a Tour Eiffel iluminada, toda unha fermosura. Tamén houbo tempo para a festa coa Torre de testigo.


O venres 10 para rematar a nosa visita da cidade achegámonos ao barrio de Montmartre coa Basilique du Sacré Coeur.
Un barrio con aires bohemios que lle dan todo o seu encanto. Pola tarde, tras estes días de grandes paseos, descubrimentos e risas, dimos por finalizada a nosa viaxe cultural a París, pero con moitas ganas de volver, e as maletas e as nosas mentes cheas de "souvenirs".

À bientôt Paris!

Álbum: Curso 23-24 -> Excursión a París (Francés 3º e 4º ESO)
Distribuir contido


by Dr. Radut