Skip to Content

Excursión 4º ESO

Por fin chegou! O destino soñado, a viaxe prometida, as/os compañeiras/os de toda a vida e moitas ganas de exprimir ao máximo a fin dunha etapa. Demasiadas emocións xuntas como para pegar ollo pero as olleiras merecían a pena. E tanto que o mereceron! O pasado 8 de abril aterrizamos en Palma de Mallorca e o bo tempo prometía aventuras irrepetibles: chapuzóns furtivos, mosquitos asasinos, bailes eufóricos, GPS mentireiros, fotos arriscadas e sonecas desubicadas. Ademáis das mil e unha anécdotas que vivimos, tamén visitamos lugares cheos de maxia: as covas do Drach, o castelo de Pera, a catedral de Palma, a praia do Muro, o pobo de Valldemosa, o porto de Sóller, o mirador de Alcudia... Logo de 5 días cheos de aventuras, o venres collemos rumbo á terriña coas maletas a medio cerrar, moitos agasallos por repartir e milleiros de historias que compartir.

Álbum: Curso 23-24 -> Excursión 4º ESO

Canguro matemático

O pasado xoves 21 de marzo celebrouse o Canguro Matemático, concurso matemático organizado pola Federación Española de Profesores de Matemáticas (FESPM) e dirixido a todo o alumnado de secundaria. Con el preténdese que a xornada dedicada ás probas sexa unha xornada entretida e lúdica e desta forma potenciar o gusto polas matemáticas facendo que o alumnado perda o medo a todo o relacionado con esta materia.
 

Varios alumnos e alumnas de todos os cursos de ESO do noso centro participaron nesta proba. Ademais de disfrutar da xornada e resolver unha serie de retos recibiron un pequeno agasallo e están á espera do diploma de participación e dos resultados. SORTE PARA TODOS E TODAS!

Álbum: Curso 23-24 -> Canguro matemático

Xogos de Cooperación e xogos de sempre. (Centro de día V)

Como cada mes, este pasado marzo os usuarios e usuarias do centro de día achegáronse ao noso centro para realizar actividades cos distintos cursos. Nesta ocasión tocoulles ao alumnado de 6º de educación Primaria.
A actividade consistía en realizar un traballo conxunto para acadar a meta do xogo con grupos mixtos de maiores e crianzas. Todos pasaron un bo rato disfrutando cos distintos xogos.

Álbum: Curso 23-24 -> Xogos de Cooperación. Xogos de sempre (Centro de día V)

Encontros de clubs de lectura

Este luns 11 de marzo, boa parte das integrantes dos Clubs de lectura (e escritura) do centro participou nunha saída ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. 
Por unha parte, participamos no Encontro de Clubs de Lectura que organiza o Salón, xunto con centros de Pontevedra e Poio. Puidemos escoitar ao poeta Lois Pérez, presentamos as nosas lecturas e actividades, coñecemos o traballo dos outros Clubs e participamos nun concurso en que gañamos libros para a nosa biblio. 
Ademais, despois de xantar, no Salón tiveron a ben abrir a exposición un pouco antes da hora para que nós poidesemos facer a visita e ver a nosa colaboración: o kamishibai elaborado polo alumnado do Club de EP. 
Aínda tivemos tempo para dar un paseo pola Illa das Esculturas.

Álbum: Curso 23-24 -> Encontro Clubs de Lectura

8 M:Traballo no que me presta (Quero ser...)

Como este ano andamos a voltas co que queremos ser, para o 8M propuxémonos, desde as titorías, reflexionar sobre se hai profesións de homes e profesións de mulleres. E pensamos en mulleres da nosa contorna (familia, amizades, veciñanza) que traballen en espazos tradicionalmente masculinizados. 
Con todas elas creamos esta Exposición: TRABALLO NO QUE ME PRESTA, porque as queremos de referentes para sermos o que queiramos ser, sen prexuízos de xénrero. 
A exposición dá a benvida na entrada da escola e andará estes días tamén polos comercios de Cuntis. 
Agradecemos a todas as mulleres participantes a súa colaboración.

Álbum: Curso 23-24 -> 8M- O traballo que me presta

Encontro Multixogo

O xoves 7 de marzo o alumnado de 1º ciclo de Educación Primaria participou nun encontro multixogo, dentro do programa XOGADE, xunto a outros centros da contorna: CEIP Figueroa, CEIP Pérez Viondi, CEIP Villar Paramá, CEIP O Foxo, CEIP Cabada Vázquez, CEIPP de Oca, Colexio de Lourdes e CPI Santa Lucía.

O alumnado xogou ao longo de toda a xornada a diferentes propostas que tiñan como obxectivo o xogo como proposta didáctica. Esta actividade foi organizada pola Agrupación Deportiva de A Estrada que está conformada por docentes destes centros.

Tamén deixamos unha ligazón na que a prensa faise eco desta iniciativa.

 

Álbum: Curso 23-24 -> Encontro Multixogo

Excursión a Manzaneda

O pasado mércores 21 de febreiro, o alumnado de 2°ESO e 3°ESO saíu de excursión a Manzaneda. Por diante tiñamos 3 días para gozar dunha paisaxe de montaña única e novidosa para a rapazada. Logo dunha breve parada en Castro Caldelas para visitar o seu maxestuoso castelo e repoñer forzas, chegamos ao noso destino. Xa asentados no albergue, comezamos a probar as múltiples instalacións da Estación de Esquí de Manzaneda: probamos a nosa puntería co arco no polideportivo, escalamos árbores no parque multiaventuras, nadamos entre centos de burbullas no spa, saímos de ruta polos sendeiros da contorna, e bailamos ao ritmo da música na discoteca. A sorpresa chegou da man da neve. Ao segundo día da nosa aventura, as temperaturas comezaron a baixar e experimentamos, por primeira vez en moitos casos, a sensación da camiñar coas folerpas de neve batendo de cheo na nosa cara. O brillo dos ollos delataba a emoción do noso alumnado, que aproveitou a situación para seguir practicando puntería nunha divertida pero competitiva loita de bolas de neve. A aventura chegou ao seu fin o venres 23 de febreiro cando, despois dunha mañá chea de actividades coa neve, voltamos para o noso centro cheos de anécdotas que contar, fotos que compartir e días que riscar do calendario ata a nosa próxima viaxe!

Álbum: Curso 23-24 -> Excursión a Manzaneda

Xornada de portas abertas 2024

O xoves 29 de febreiro, a partir das 10:30 h., abriremos as portas do Centro para que as familias coñezan o sitio no que as súas crianzas comezarán a súa andaina escolar.

Día de Rosalía: Caldo de Gloria e Queremos ser... Rosalía)

Por mor do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro celebramos no cole o día de Rosalía.

Houbo diversas actividades centradas na figura da poetisa.

Unha delas e, relacionada co tema transversal: Que quero ser?, chamámola: Quero ser... Rosalía, na que o alumnado da ESO participou no seguinte vídeo dando as razóns polas que lle gustaría ser a poetisa.

 

Outra delas foi a realización do Caldo de Gloria. Partindo do poema de Rosalía: "Miña casiña, meu lar" o alumnado de 5º de Educación Primaria elaborou este caldo seguindo a receita orixinal que marca o poema. Queremos agradecer a colaboración de Rubén Navia que nos visitou nesta xornada e dounos consellos moi valiosos de como elaborar este caldo.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra fotográfica desta xornada.

Álbum: Curso 23-24 -> Día_de_Rosalía (Caldo de Gloria)

Procedementos de reserva, admisión e matrícula 2024-2025

 

Procedementos de reserva de praza, admisión e matrícula para o curso académico 2024-2025.

Para os procedementos de reserva de praza, solicitude de admisión e matrícula no CPI Aurelio Marcelino Rey García terase en conta a nota informativa que se atopa neste enlace.

Tamén se pode atopar un extracto desta nota informativa neste enlace. 

 1. Normativa reguladora dos procedementos.

  • Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
  • Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

 

Anexos para o procedemento de admisión (do 1 ao 20 de marzo): Anexo II e Anexo II-bis

 

2. Outra lexislación relacionada con estes procedementos:

Lexislación relacionada co comedor escolar

Lexislación relacionada co transporte escolar

 

 

 

 

 

 

Vacantes para o curso 2024-2025

 

 

 

 
Distribuir contido


by Dr. Radut