Un ano máis no colexio dos Tilos, atendemos ao chamamento das Nacións Unidas para conmemorar o 25-N como Día Internacional contra a violencia de xénero. O alumnado ao longo do mes de novembro, preparou a canción de Guadi Galego chamada "Matriarcas". O obxectivo da actividade é, que a través da música e da letra desta canción, as nenas e os nenos dende idades temperás, tomen en consideración a importancia de loitar pola igualdade e a liberdade de todas as mulleres do mundo.
O martes 22, visitounnos a caravana lila do Concello de Teo. O alumnado do centro, participou en distintas actividades destinadas a concienciar sobre a igualdade. Agasallaron aos nenos e as nenas participantes cunha pulseira lila.
No outono en Galicia é tempo de castañas, de magostos e como non de refráns. Co fin de deixar recollidos algúns deles, o alumnado participou na recolleita e posterior representación gráfica. Velaquí tedes un vídeo co traballo realizado.
Un curso máis, convocamos o concurso "A castaña monstruosa". Cada aula participa elaborando unha castaña decorada, por unha parte coa temática do proxecto e asemade engadindo a caracterización de monstruosa.
Este curso co proxecto "Espallando Saberes" , queremos afondar nas tradicións e os costumes do noso pobo. A tradición oral foi fonte de grande información para o coñecemento, así que, xa que estamos no outono e temos un amplo abano de refráns, decidimos elaborar un Refraneiro Tileiro. Gravamos un podcast en Tilandra nas ondas. Preparádevos para escoitalo saboreando, unhas ricas castañas.