Presentación

O proxecto "BRINQUEDOS"

Moitas veces escoitamos dicir que as nenas e os nenos de hoxe non saben xogar. Pero realmente quen lles aprende a xogar, quen adica algún momento do día tratando de que iso aconteza, que se fai nos tempos de lecer dos nosos centros educativos?.

 
Xogar non é perder o tempo nin facer cousas inútiles; xogar é unha necesidade e unha aprendizaxe imprescindible para a vida.


Os xogos de sempre transmiten a cultura dun país, axudan á socialización das persoas, fomentan relacións de igualdade, desenvolven a imaxinación, invitan a participar e tamén son un xeito de coñecer o contorno.


Despois de varias fases nas que os xogos tradicionais pouco a pouco se integraron na formación do noso alumnado, chegou o momento de comprometérmonos máis a fondo (con contidos, metodoloxía, temporalización …) e demos en crear o Proxecto “Brinquedos”.

Foi aló polo ano 2003 cando nos decidimos a artellar unha proposta educativa global (“Brinquedos”), de aplicación a todo o alumnado, que xirara  arredor do mundo dos xogos. Queríamos que as ideas e as boas intencións saísen adiante, perseguindo unha real educación en valores.


O Proxecto “Brinquedos” viuse e estase a ver desenvolvido coas seguintes actividades ou propostas:

 

  • 2003/04: deseño do contido do Proxecto “Brinquedos”.
  • 2004/05: xornadas de formación para o profesorado, con xogos tradicionais galegos e portugueses.
  • 2005/06: creación e posta en funcionamento do Centro de interpretación de xogos tradicionais.
  • 2006/07: participación nun Plan Valora, cos xogos de sempre como medio e recurso para educar en valores.
  • 2007/08/09: participación nun proxecto MEC de cooperación territorial (con colexios de Lleida e de Eivissa), chamado “Xogando coma sempre”.
  • 2008: exposición “Xoguetes da nosa vida”, na Fundación Rodríguez Iglesias (A Coruña)
  • 2008/09: deseño do contido da colección de xogos e xoguetes “Brinco”.
  • 2009: concesión á nosa escola do Premio Educacompostela, polo Proxecto “Brinquedos”.
  • 2010/11/12: recompilación de pezas tradicionais e industriais para a colección “Brinco”.
  • 2012: presentación da colección de xoguetes africanos.
  • 2012: concesión do Premio Educación por parte do Diario de Ferrol.
  • 2012/13: participación no Proxecto Etiopía, cunha ikastola de Barakaldo, un IES de  Flix (Tarragona) e un colexio de Lousâ (Portugal).
  • 2013/14: ampliación da coleción Brinco cunha escolma de xoguetes elaborados con materiais do medio natural, deseñados e feitos por Manolo García (Lourenzá).
  • 2014/2015: identificación de cada aula co nome dun xogo tradicional.
  • 2015: investigación e reprodución de xogos de taboleiro. Realizouse un obradoiro con estes xogos, que foi dirixido por Ana e Suso, propietarios da tenda artesanal telemática de xogos de taboleiro  www.buxaina.com
  • 2015/16: rotulado e pintado das portas das aulas cos nomes dos xogos tradicionais decididos o curso anterior. Do traballo encargouse Carlos Sardiña, deseñador gráfico, residente en Fene.
  • 2016: convivencia coa comunidade caboverdiana de Burela, intercambiando xogos, xoguetes, bailes ... galegos e caboverdianos.
  • 2016/17: presentación á comunidade educativa e ao concello dos videos elaborados para presentar o proxecto Brinquedos. Actualización do inventario de recursos materiais.

 

Globalmente, as dúas compoñentes básicas do Proxecto “Brinquedos” son o Centro de interpretación de xogos tradicionais e a colección de xogos e de xoguetes “Brinco”.

Distribuir contido