Aula das nubes

6º de Infantil (5 anos)

Fomos á horta!

Hoxe pola mañá veu o profe Diego a buscarnos para levarnos á horta.

Collemos as patacas que tiñamos na clase e outras para plantar, uns sachos, pas, unha regadeira e aló nos fomos!

Cando sacamos do tiesto as patacas que tiñamos na clase vimos que nas súas raíces xa había algunha pataquiña nacendo. Que contentos nos puxemos!!

Logo collemos o sacho e fixemos un rego para plantalas, puxémolas nel e botámoslle terra enriba. Para rematar regámolas para que medren moito.

 

 

Agora temos que ir coidalas e ver como medran, polo que para a semana volveremos!

 

Outra cousiña que queremos contar é que esta semana comezamos un proxecto sobre as emocións, "O reino das emocións" da Fundación Meniños, onde os seus protagonistas son Draco e Andreia. Gústanos moito e estamos preparando aos protagonistas para que os coñezades, para a vindeira semana poderedes telos na casa. 

Xa levamos todo o curso traballando as emocións, pero agora fixemos unhas cariñas para a sala de fora e vamos a elas de vez en cando. Cada un/unha colócase na que indica a emoción de como se sinte nese momento e contamos o motivo. Temos algún que outro enfadado/a, moi pouquiños/as tristes e a alegría é a que manda na clase!

 

 

E para rematar, mans á masa! Hoxe levaron na mochila este papeliño, xa que o luns comezamos 

" Pequechef", o proxecto que nos vai facer chupar os dedos!

 

Boa fin de semana!

Esta semana...

Esta semana estivemos moi creativos na clase. Fixemos uns soles con arcos da vella para decorar a aula. Collemos uns pratos de cartón e pintámolos con témpera de cor amarela, para despois pegarlles papel de seda das cores do arco da vella.

 

Tamén coloreamos uns paxariños ben bonitos. Para iso empregamos canicas, témperas e unha caixa de cartón. Mirade como fixemos...

Esta semana tamén participamos nunha actividade da biblioteca e lemos o conto de "Bo camiño Valentiño", logo fixemos un debuxo del e podedes velo no porche do cole.

 

Outra nova que temos na clase son as novas papeleiras para reciclar que temos na clase. Gústanos moito tirar o papel no "Monstro comepapel" e os plásticos no "Minion"!

 

Aburiño!

Cousiñas da primavera

Estamos a traballar sobre a estación máis colorida do ano e queremos ensinárvos algo do que estamos facendo.

Cando fai bo día imos dar paseos polo patio do cole e vemos as que árbores hai nel. Vimos que hai palmeiras, cerdeiras xaponesas, un magnolio, ... e tamén vimos diferentes flores coas súas bonitas cores. Gústanos tanto ir de paseo que aproveitamos o mínimo raio de sol para pasear e ver se algo cambiou. Descubrimos que cada día nacen moitas máis flores. Tamén aproveitamos para xogar un pouquiño nos xogos que hai na pista de abaixo.

 

Como nos gusta tanto ver como medran as patacas (que xa vos ensinaremos como están de grandes), decidimos plantar tamén unhas flores para ver como nacen e medran na clase.

 

Sabemos que cando chove e fai sol  sae o arco da vella, e como nos gusta tanto decidimos facer un con témpera. Logo escoitamos o conto de "Caracol e Formiga" e debuxamos as nosas formigas e caracois para pegar enriba do arco da vella. Mirade que chulo quedou!

 

Se queredes escoitar o conto de novo, aquí vai un video no que o contan unhas nenas e nenos.

E para rematar queremos que vexades outra cousa coa que traballamos na asamblea, é o taboleiro do número protagonista. Nel traballamos o trazo do número protagonista, como se escribe en galego e castelán, poñémoslle os peliños ao neno, o número de peixes na peceira, ... e ata contamos para atrás!

 

Atentos que mañá temos unha sorpresiña na clase!

Ata mañá

Hoxe no cole...

Temos novidades que vos queremos contar...

Hoxe cambiamos de compañeiros e compañeiras de mesa. Durante este trimestre ocuparemos un lugar diferente na aula e compartiremos máis tempo con outros nenos e nenas da clase.

E aproveitamos para contarvos algo do que fixemos hoxe no patio. Fomos buscar xiz e xa que na aula estivemos traballando con sombras de diferentes personaxes de contos, decidimos ver como era a nosa sombra e tamén debuxar a nosa silueta no chan (para iso precisamos da axuda dun compañeiro/a).

Pola mañá tamén estivemos cantando cancións da primavera, entón debuxamos unhas fermosas flores e arcos da vella.

 

 

Hoxe a hora do conto foi diferente, xa que ao chegar o bo tempo aproveitamos para escoitalo no patio. O conto de hoxe foi "Paco papán".

Se queredes escoitar a canción do conto... aí vos vai!

E para rematar temos que ensinárvos algo...

Antes de marchar para casiña pasar as vacacións plantamos unhas patacas. O mércores cando volvemos menuda sorpresa non levamos, mirade!

Boa fin de semana! 

 

Ata a lúa e máis alá!

Non podemos deixar de compartir con vós o que fixemos os últimos días do proxecto de Valentina Tereskhova.

Algúns compañeiros e compañeiras trouxen traballiños feitos por eles e as súas familias. Tivemos murais do sistema solar, naves espaciais, unha presentación sobre a vida de Valentina, unha lanterna-proxector coa que viamos diferentes cousas do espazo e ata un globo terráqueo coa nave de Valentina ao seu carón. Foi un luxo gozar destas fantásticas creacións na aula.

   

Tamén tivemos a visita de Pablo que veu a explicarnos o seu traballo sobre o sistema solar.

 

Coñecemos contos que falaban sobre a lúa que nos gustaron moito e mirade que argallamos con eles.

 

 

O conto de "Lúa" aprendemos a contalo cantado e co conto de "A qué sabe a lúa?" fixemos con fieltro e imaxes dos animais un mural, no cal íamos colocando os animais segundo ían aparecendo no conto e se colocaban para chegar á lúa.

Despois decidimos facer un medidor de animais para comprobar canto medimos cada un de nós. Para iso empregamos as nosas propias mans pintadas con témpera para crear os animais. Logo medímonos e tomamos nota da nosa estatura.

Tamén creamos unha lúa para levar para casa, á cal lle faltaba un anaquiño e por detrás puxémoslle a imaxe da comida á cal nos sabe a cada un de nós a lúa.

 

E para rematar este proxecto tan lunático fixemos area lunar, para iso empregamos aceite e fariña e amasamos moito. Pasámolo pipa!!

   

 

   

 

 

Ata aquí o noso proxecto, e a piques de comezar o seguinte!

CHEGOU O MOMENTO DA DESPEDIDA...

VALENTINA TERESHKOVA

O NOSO PROXECTO...

 

TRABALLAMOS O NUMERO 2

ROSALIA DE CASTRO

O VINDEIRO MERCORES 24 CELEBRAMOS O DIA DE ROSALIA DE CASTRO. DEIXAMOSVOS UNS TRABALLOS PARA RECORDAR A SÚA FIGURA; ELA TAMÉN FOI UNHA MULLER PIONEIRA NO SEU MOMENTO.

COLOREA E ESCRIBE O NOME DA PROTAGONISTA.

 

A GALAXIA

PROPONOVOS FACER UNHA A VOSA GALAXIA DENTRO DE UNHA BOTELLA, UNHA FICHA DE GAMOTRICIDADE E COLOREAR O TRAXE DO ASTRONAUTA.

Distribuir contido