Skip to Content

MELLORAS NO MESTRE VIDE

Deputación de Ourense e Xunta investirán máis de 600.000 € en obras de mellora en 36 centros educativos da provincia

 

  • Manuel Baltar e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hoxe no colexio público de Rairiz de Veiga o convenio que coordinará as actuacións ao longo deste ano.
  •  
  • Os espazos deportivos nos que se realicen obras contempladas neste acordo poderán ser abertos ao seu uso fóra do horario lectivo, sempre que isto non interfira na actividade dos centros.
  •  
  • Baltar defende unha visión integral de provincia "que incida nos 92 concellos do noso territorio, na procura dos mellores servizos e infraestruturas, sinaladamente neste caso, en favor dos máis pequenos, e das instalacións educativas que utilizan".

Ourense, 8 de abril de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración segundo o cal ámbalas dúas administracións investirán este ano 644.000 euros para a realización de obras de reparación, mantemento, reforma, ampliación e mellora en 36 centros públicos de educación infantil, primaria e educación especial da provincia de Ourense. O acordo tamén contempla que os espazos deportivos nos que se realicen obras incluídas no convenio poderán ser abertos ao seu uso fóra do horario lectivo, sempre que isto non interfira na actividade dos centros.

O acto tivo lugar no colexio público de Rairiz de Veiga, onde os dous representantes institucionais estiveron acompañados pola alcaldesa do municipio, Asunción Morgade; pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo director e profesores do centro educativo.

Previamente á sinatura do convenio, Manuel Baltar e Román Rodríguez visitaron o invernadoiro do centro educativo, unha iniciativa mediante a cal os alumnos aprenden e realizan prácticas de horticultura para coñecer os procesos da vida vexetal das especies máis comúns da bisbarra.

Os centros beneficiados polas obras serán o CEIP Filomena Dato (Barbadás), CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco), CEIP Pena Corneira (Carballeda de Avia), CEIP de Castrelo do Val (Castrelo do Val), CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), CPI Laureano Prieto (A Gudiña), CEIP Serra do Xurés (Lobios), CEIP de Manzaneda (Manzaneda), CEIP Augusto Assía (A Mezquita), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP de Mariñamansa (Ourense), CEIP Albino Núñez (Ourense), CEIP A Inmaculada (Ourense), CEIP Manuel Luis Acuña (Ourense), CEIP de Seixalbo (Ourense), CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga), CEIP Manuel Folla Respino (A Rúa), CEIP Virxe do Camiño (Rubiá), CEIP Ben Cho Shey (Pereiro de Aguiar), CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), CEIP Rodolfo Núñez (Vilardevós), CEIP Vázquez Portomeñe (Xunqueira de Espadañedo), CEIP Padre Feijoo (Allariz), CEIP de Beariz (Beariz), CEIP Curros Enríquez (Celanova), CEIP Otero Novas (Cortegada), CEIP de Cualedro (Cualedro), CEIP Santa María A Real (Entrimo), CEIP Manuel Sueiro (Ourense), CEIP Mestre Vide (Ourense), CEIP de Medeiros (Monterrei), CEIP Valle Inclán (Muiños), CEIP Eulogio Gómez Franqueira (San Amaro), CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga), CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio (Vilar de Barrio),CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía).

Manuel Baltar afirmou que a cooperación entre Deputación e Consellería de Educación "permite levar a cabo esta actuación, na que a institución provincial achega máis de 300.000 euros, pois defendemos unha visión integral de provincia que incida nos 92 concellos do noso territorio, na procura dos mellores servizos e infraestruturas para as veciñas e veciños, e sinaladamente neste caso, en favor dos máis pequenos, mellorando as instalacións dos centros educativos".

"Ensino, sanidade, cultura, deporte ou benestar son ámbitos nos que a Deputación ven colaborando, accións que van a máis debido aos resultados económicos e á boa xestión orzamentaria desenvolvida estes anos polo goberno provincial, o que nos fai ser unha administración que aporta, colabora e coopera", remarcou Baltar, anunciando que a Deputación de Ourense e a Consellería de Educación están xa a traballar nun novo plan de co-financiamento "para seguir avanzando nesta liña, facendo máis eficiente o gasto público, investindo en benestar e, no caso dos nenos e nenas, investindo en futuro".

Pola súa banda, Román Rodríguez dixo que este convenio "é un exemplo de colaboración inter-administrativa en prol do benestar cidadán, velando polo axeitado mantemento dos centros educativos, unha competencia municipal que é a base para previr a necesidade de intervencións de maior envergadura".

O conselleiro agradeceu a súa cooperación á Deputación de Ourense e recoñeceu o compromiso deste departamento coas instalacións dos centros educativos, que se establece a través do Plan Provincial Educou 2016, vía pola que se desenvolverán as actuacións contempladas no acordo hoxe asinado.

 



page | by Dr. Radut