UN MUNDO NUN MUSEO: QUINTO RETO RETO DO MUSEO DE BELLAS ARTES en 2ºB

Partindo da obra CARNAVAL de Virxilio propóñennos o quinto reto dende o Museo de Bellas Artes de A Coruña, dentro do proxecto UN MUNDO NUN MUSEO:

Virxilio Eduardo Ferández Cañedo foi un artista ourensán nado en 1925. A súa formación atística comezou na súa cidade natal. En 1957 viaxou a París para continuar alí os seus estudos na École National Supérieure des Beaux Arts. Alemaña será outro lugar importante na súa vida e na súa traxectoria; alí vivirá algún tempo e realizará numerosas exposicións en distintas cidades do país. A pesares destas estadías no extranxeiro, temos que considerar a Virxilio un autor eminentemente galego.

Xa de volta en Ourense formará parte dun grupo de artistas coñecido como “O’Volter” ou, como lles chamaba Vicente Risco; “os artistiñas”. Xunto con outros artistas ourensáns como Quessada, Acisclo e De Dios, realizará numerosas exposicións.

A pintura de Virxilio ten unha inspiración clara na Galicia máis popular. O artista combina unha arte de liña tradicional galega coas distintas tendencias artísticas que estaban a agromar naquel momento en Europa. Na súa pintura vemos unha simplificación formal, moi expresionista, cun uso arbitrario das cores, habitualmente planas e chillonas. A táboa será o seu soporte predilecto; o uso deste material (fronte ao lenzo de uso máis habitual na pintura do s. XX) ven motivado polo seu estilo matérico, xa que en moitas ocasións mestura a pintura con outros materiais como a area ou pó de mármore, xerando relevos e texturas interesantes. Os trazos da liña son grosos e moi marcados. Algunhas das súas obras poden lembraros aos bordados populares ou a outras formas de artesanía.

Aínda que a súa produción artística foi ampla e variada ao longo da súa carreira desenvolveu especialmente bodegóns, paisaxes e a representación de tipos populares.

En CARNAVAL observamos sete figuras humanas dispostas de xeito aliñado, ocupando a totalidade da composición. Trátase de figuras hieráticas, representadas de fronte ao espectador. Os seus traxes chegan ata o chan e están decorados con motivos xeométricos e orgánicos a modo de frisos. Estes arabescos e adornos da ropaxe dotan a obra dun efecto moi decorativo e nos lembra a arte popular.

As figuras están representadas de xeito plano, o único elemento que dota de profundidade ao cadro é un dos personaxes, un cativo ou cativa, que aparece diante da ringleira de figuras adultas.

A liña que conforma o contorno das figuras está moi marcada e presenta un volumen creado con empastes. Virxilio emprega unha técnica moi plástica ao mesturar a pintura con áreas, colas e pigmentos; dándolle ao oficio de pintor un buscado efecto artesanal.

O título do cadro fálanos dunha escena de Entroido. Virxilio representou en numerosas ocasións cadros festivos coma este, con personaxes enmascarados e onde se albiscan elementos dos distintos traxes do entroido tradicional galego como chocas, fitas ou caretas. Estes elementos dotan aos personaxes dun aspecto primitivo ou animalizado. 

Neste reto estudaremos o Entroido. Crese que a procedencia do termo Entroido ven do latín “introitus”: a entrada do tempo de Coresma. Fronte ao tempo de abstinencia propio da Coresma, o carnaval marca a súa oposición: trátase dun tempo de celebración, de paparota e de comportarse á contra da norma establecida

O entroido é un fenómeno que se da en moitísimos lugares do mundo, cada un ao seu xeito, pero que no caso galego ten uns trazos característicos que fan que forme parte do noso patrimonio inmaterial e da nosa identidade cultural. Aínda que a forma de celebrar o entroido actualmente ten cambiado enormemente con respecto aos tempos dos nosos bisavós, existe desde fai uns anos un interese cada vez maior en recuperar a súa esencia popular.

En Galicia o entroido popular amosa moitas diferencias dependendo do lugar no que se celebren; sendo especialmente relevantes e coñecidos algúns personaxes e traxes concretos de distintas vilas galegas: Peliqueiros de Laza, Cigarróns de Verín, Pantallas de Xinzo, Boteiros de Viana do Bolo, Xenerais do Ulla, Madamas e Galáns de Cobres, Volantes de Chantada... Algo que teñen en común todos os carnavais do mundo é a idea de celebración e de romper coas normas do día a día; durante un tempo xogamos a ser algo que non somos.

A ilustradora Iria Prol, realizou fai algúns anos unhas fermosas ilustracións onde se amosan as particularidades dalgúns dos traxes máis senlleiros do entroido galego.

 

ACTIVIDADE 1 : UN CALENDARIO DE FESTIVIDADES DO MUNDO

O Entroido é unha festividade especialmente relevante para os galegos e galegas, así como para outros lugares do mundo como poden ser Río de Janeiro, Nueva Orleáns ou Venecia. Cada cultura e cada pobo ten unhas festividades especiais que rompen co ritmo do día a día e que marcan fitos no calendario.

Tradicionalmente, a maior parte destas celebracións estaban relacionadas co ciclo agrario. En Galicia as celebracións típicas van moito máis alá do Entroido; os Maios, o San Xoán, as romarías e festas do verán, o Magosto, o Samaín...

Nesta actividade pídennos que fagamos unha pequena investigación sobre festividades de distintos lugares do mundo e que a representedes nunha obra de arte como fixo Virxilio no cadro Carnaval. Podedes compartilas na clase e crear un calendario no que marquedes ditas celebracións.

Pronto amosarémosvos os nosos traballos!!

Powered by Drupal - Design by artinet