UN MUNDO NUN MUSEO: CUARTO RETO DO MUSEO DE BELLAS ARTES en 2ºB

Partindo de elementos de gran cotidianeidade, Colmeiro constrúe un bodegón insólito. Algunhas das froitas, mazás e peras, están nun bol de cristal e outras esparcidas nun espazo sen delimitar. Semellan así estar suspendidas nun espazo de tonalidades intensas azuis e verdes, con influenzas fauvistas.

Os bodegóns teñen un lugar destacado na pintura de Colmeiro, xa que é un xénero co que vai explorar cambios estilísticos. Neste lenzo mostra as mudanzas producidas na súa pintura: deixa atrás a estética do granito de formas e volumes rotundos en tons terrosos para abrirse á pintura vangardista europea que incorpora tras a súa estancia en París. Neste bodegón vemos o seu novo estilo de cores vivas, pincelada solta e espazo sen delimitar, creando unha atmósfera tendente á abstracción.

O bodegón, tamén coñecido como natureza morta, é unha obra de arte que representa animais, flores ou obxectos nun espazo. Nos bodegóns non aparecen representadas persoas e o lugar onde se ubican os obxectos adoita ser impreciso. Son cadros cheos de quietude e silencio.

O bodegón foi un tema moi representado ao longo da Historia da Arte que serviu a numerosos artistas para experimentar co seu estilo.

Foi tamén un dos temas máis representados por Manuel Colmeiro, quen dicía:

“En invierno mis cuadros se convierten en bodegones sin que yo me de cuenta. Y es que al lado del fuego todo se hace más íntimo, más hogareño. Los objetos están más a la vista, más a mano; parece que se componen a sí mismos para uno”

Na colección do museo de Belas Artes da Coruña contamos con varios bodegóns de distintas épocas, estilos e autorías. Poden parecer cadros menores por non contar grandes relatos ou non amosar personaxes históricos, pero o certo é que o bodegón serviu para que os artistas experimentasen enormemente distintas técnicas e linguaxes artísticos.

Ao mesmo tempo, cando observamos un bodegón que representa comida podemos descubrir moitas cousas: se ese bodegón foi pintado nunha estación ou noutra (tendo en conta as froitas e os legumes de tempada), se se pintou nun país do norte de Europa ou nun país tropical (baseándonos na orixe dos alimentos) ou o valor adquisitivo dunha familia ou unha persoa que encarga o cadro; non é o mesmo un bodegón sinxelo como o de Colmeiro onde vemos mazás e peras, que un bodegón no que vemos representados alimentos “de luxo”.

ACTIVIDADE 1: COMPARANDO BODEGÓNS DA COLECCIÓN DO MUSEO

Observaremos os tres exemplos de bodegóns que vemos a continuación e respondemos ás seguintes preguntas.

  • Que teñen en común estes tres bodegóns?
  • Cal pensades que é o máis antigo e cal pensades que é o máis moderno? Por que?
  • Pode un bodegón ser “humilde” ou “luxoso”? Ordenade de máis humilde a máis luxoso os tres exemplos.
  • Estes bodegóns presentan os obxectos de xeito ordenado ou desordenado?
  • Que elementos recoñecedes representados en cada un deles?
  • En que lugares do mundo pensades que se puideron pintar estes bodegóns?
  • Observando os alimentos de temporada: En que momento do ano pensades que foron pintados estes tres cadros?

 

ACTIVIDADE 2: UN RECEITARIO DO MUNDO

A gastronomía é a disciplina que estuda a relación entre o ser humano e a súa alimentación. Estuda varios aspectos culturais, tomando como eixe central a comida. Deste xeito, a gastronomía estuda os costumes, os lugares, as relixións, a historia, a climatoloxía e calquera tipo de elementos que serva para explicar a relación das persoas e o xeito no que nos alimentamos.

Cómese igual en Galicia que en Andalucía, en Galicia que en Finlandia, en Galicia que en Brasil? Por que? Que aspectos culturais, climáticos ou sociais pensades que inflúen no xeito no que entendemos a alimentación.

Nesta actividade investigaremos a gastronomía de distintos lugares do mundo. Para iso, despois dunha breve pesquisa, teremos que escoller un prato tradicional dalgún país estranxeiro co que teñades relación ou houberas traballado noutro proxecto de MOCHILEIROS/AS POLO MUNDO. Unha vez que teñades seleccionado o menú, escribiremos nunha folla a receita do prato. A continuación representaremos un bodegón onde se vexan todos os alimentos necesarios para poder preparala.

Exemplo dun posible bodegón que ilustre un caldo galego:

Este bodegón non ten que ser do prato preparado, senón unha representación dos ingredientes que fan falta para poder cociñalo  coa técnica que queiramos(pintura, fotografía, collage...) e o estilo que máis vos conveña. Do mesmo xeito, pensaremos na composición do noso bodegón (hai bodegóns ordenados e desordenados, con moitos elementos ou poucos, con unicamente produtos alimenticios ou outros obxectos relacionados coa cociña...). Unha vez que teñamos todos os nosos traballos individuais realizados, poderemos xuntalos para facer un Receitario da gastronomía do mundo

Powered by Drupal - Design by artinet