LEMOS A CARVALHO CALERO

 Con motivo da conmemoración da Semana das Letras Galegas, desde o Equipo de Biblioteca queremos lembrar a figura do escritor ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas: Ricardo Carvalho Calero. Nado en Ferrol no 1910 e finado en Santiago de Compostela en 1990, é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego.

Na súa obra cultiva diversos xéneros (teatro, narrativa, ensaio) pero con clara preferencia pola poesía. Na nosa biblioteca temos a sorte de contar coa única obra deste autor (que saibamos) destinada a un público infantil. Trátase de "As pitas baixo a choiva", un relato breve que narra un feito anecdótico da infancia do autor. Un neno descobre desde a fiestra da casa que as pitas se están a mollar e el téntaas facer entrar no galiñeiro; elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos.

Este relato foi publicado na revista Lar en 1952, e a nosa edición, de 2008, é a primeira desta obra de Carvalho Calero en formato libro grazas á iniciativa da editorial ferrolá Embora. As ilustracións tan fermosas son obra do ferrolán Alberto Toval. Son acuarelas, particularmente claras, con moi poucos elementos, cedéndolle un maior espazo á palabra. 

Desde logo vale a pena lelo, por iso vos animamos a facelo e a desfrutar así deste marabilloso e divertido conto de Carvalho Calero que vos deixamos en formato pdf.

FAI CLICK NA IMAXE PARA LER O LIBRO

Powered by Drupal - Design by artinet