Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

VISITA DUNHA FARMACÉUTICA

Hoxe, 9 de xuño de 2023, os nenos e as nenas de 3°EP recibimos a visita de Rosa, a mamá de Iria Maceiras que é farmacéutica.

Contounos unha morea de cousas, algunhas que xa sabiamos e outras que eran totalmente novas para nós.

Falounos do seu traballo na farmacia, de que cada luns preparan os pastilleiros nos que colocan a medicación que as persoas precisan tomar cada día e así non esquezan tomala, isto fanno todos os luns con todas aquelas persoas que o precisan. Explicounos onde debemos botar os medicamentos que están caducados para non contaminar: na entrada das farmacias hai un contedor branco no que depositalos, chámase "punto SIGRE".

Contounos cales eran os hábitos de vida saudable, que debemos comer e todo aquilo do que non debemos abusar, nin nós nin os maiores.

Despois púxonos un vídeo no que vimos cales eran os seis fototipos de pel, o por que debemos botar a protección solar tanto se hai sol coma se está nubrado, cal é o factor que debemos usar e de canto en canto tempo debemos botalo... Díxonos que a pel era o órgano máis grande do corpo e que tiña memoria!!! Iso deixounos un pouco desconcertados e desconcertadas, pois pensabamos que a memoria só estaba no noso cerebro.

Invitounos visitar a farmacia na que traballa e aceptamos de bo grao a invitación, é unha sorte poder ver de primeira man un establecemento sanitario coma este e coñecer como traballan nel!! Quedamos en ir cando comece o curso 2023/2024, ela está a agardar por nós!!!

Grazas Rosa por dedicarnos parte do teu tempo e vir ao cole contarnos tantas cousas... Agardamos poidas volver outro día!!!