Skip to Content

Eu son atleta contra o virus

Eu son atleta contra o virus

 Diverticán na casa

  

 

Non te perdas a galería de imaxes de

 

trofeos e medallas

 

 Boas a todos os alumnos e alumnas do BARRIÉ:

 

Como sabedes estamos pasando por uns días complicados nas nosas vidas e comosabedes non se nos permite saír das nosas casas, a cousa é tan importante QUE NON PODEMOS NIN IR AO COLE! Algo que estou seguro que despois deste tempo na casa xa botamos en falta.

 

Seguramente moitos dos vosos profesores e profesoras xa vos mandaron tarefas para facer na casa de matemáticas, lingua, inglés, relixión, etc… Pero… que pasa con educación física?

 

Écerto que non podemos saír ao patio, coller a bicicleta, non podemos ir a actividades deportivas, nin volver ás clases de baile ou ao adestramento de balonmán como facíamos antes pero podemos facer moitas máis cousas divertidas das que credes.

 

#EuQuedoNaCasa

 

Non vos preocupedes porque moi pronto volveremos á nosa vida de antes e poderemos volver gozar co deporte e exercicio físico como antes faciamos cos demais nenos e nenas.

 

Dende o CEIP BARRIÉ DE LA MAZA de Santa Comba e incluído no Proxecto Deportivo de Centro, propoñémosvos a todos os nenos e nenas do Barrié, ou de calquera outro colexio, un reto de 10 días, ao que chamaremos: #EuSonAtletaContraOVirus

 

En que consiste? Como podo participar? Que premios hai? Cando empezamos?

 

En que consiste?


 

 

Consiste en que cada día e durante 10 días seguidos realizaremos un reto nas nosas casas. Podemos facelo sós, coa axuda doutro neno ou nena ou dalgunha persoa adulta.

 

   

Ademais dos retos diarios que debedes facer cada día propoñemos, a maiores, que cada quen poida inventar os seus propios xogos e exercicios motrices. Para realizar este exercicio publicamos este vídeo para que nos dea ideas dos exercicios que podemos facer a maiores. Podedes mandarnos imaxes dos exercicios.

 

 

Como podedes participar?


 

 

-   Tedes que cumprir os retos de forma diaria. Cada dous días colgaremos na páxina web do centro, e no blogue do Proxecto Deportivo de Centro, dous retos para os vindeiros dous días. Tedes que enviarnos ao seguinte correo electrónico fotos ou vídeos dos retos. Os vídeos e fotos que enviedes serán colgados na páxina web do centro e no blogue do proxecto. Os pais e nais ou titores legais deben xuntar tamén no correo un documento cos datos do neno ou nena, nome, apelidos, curso, colexio e lugar. Ademais de dar o consentimento expreso para poder publicar as imaxes dos menores (asinar a autorización e enviarnola ou copiar nun folio o texto, asinalo, sacarlle unha foto e enviárnolo).

 

Cando empezamos?


 

   

Os primeiros retos serán publicados o xoves 2 de abril.

 

Que premios hai?


 

 

Elaboraremos un premio para cada un dos participantes.

 

A dirección de correo electrónico onde se ten que enviar todo o material é cesarramos@edu.xunta.es

 

Para enviar vídeos utilizade a aplicación Wetransfer deixamos aquí un pequeno titorial. O correo da Xunta dá problemas con arquivos moi grandes

 

 

Moito ánimo a todos e todas!!

 

Aquí verás o restos diarios


 

Este é o primeiro reto para realizar mañá día xoves 2:

 

RETO 1-  Coller na cociña una cunca, enchela de auga e poñela enriba da mesa. Tes que transportar toda a auga da cunca ata o cuarto do baño sen a axuda de ningún obxecto nin recipiente, só coa auga que podemos tranportar na nosa boca. Deste xeito terás que facer varios percorridos ata o baño para soltar a auga na bañeira ou no inodoro. Cando baleires toda auga da cunca e seques axeitadamente todo o que poideras mollar verás superado o reto. 

 

 

 

MIRADE AQUÍ AS VOSAS PARTICIPACIÓNS NON RETO 1

 

 RETO 2-  Coller un pano de mesa pequeno de papel (servilleta) ou papel de cociña e facer unha bola de papel con ela (pequena, do tamaño dunha pelota de ping pong). Debe quedar unha bola de papel ben apretada. Coa axuda dunha cana de refresco (palliña) , sen tocar a pelota coas mans e soprando debes transportar a bolita 20 metros. O percorrido pode ser no corredor de casa, no pallal, no comedor ou onde ti queiras, facendo idas e voltas. Lembra que o percorrido ten que ser de 20 pasos longos. Se no tes unha  palliña faino sen ela, soprando directamente á bola.

 

 

 

RETO 3-   Transportar en cuadrupedia un libro durante 10 minutos. É dicir, debes poñerte a catro patas (pousando os xeonllos no chan), poñer un libro nas túas costas e desprazarte pola casa durante 10 minutos. Podes pedir axuda para colocar o libro nas costas. Se cae o libro, ou cada certo tempo tes que parar, e facer tres veces o seguinte: tocar o chan coas mans e dar no aire unha palmada. Podes facer os descansos que queiras pero lembra que tes que estar 10 minutosdesprazándote co libro  (sen contar o tempo que estás facendo os saltos). ÁNIMO!

 

 

#EuSonAtletaContraOVirus

 

Para mañá DOMINGO 5 de abril, non imos propoñer ningún reto e daremos tempo aos nenos e nenas para que recuperen algún reto dos tres que propuxemos esta semana ou que inventen os seus propios exercicios. Lembrade que na páxina web do Barrié colgamos un video exercicios para facer na casa e que vos poden dar ideas para crear os vosos propios exercicios. 

 

De todos os que mandedes, o que máis nos guste, propoñerémolo como reto para todos e todas.

 

Tamén vos animamos a que escribades nun papel o hastag #EuSonAtletaContraOVirus, vos saquedes unha foto con el e nola enviedes. Podedes escribilo, pintalo e decoralo como queirades. Moito ánimo! 

 

Aquí un vídeo dos retos que fixestes ata o de agora:

 

RETO 4.-"Colle unha almofada pona no chan e sáltaa 5 veces. Cando remates tes que ir correndo, coller o primeiro testemuño que estará a unha distancia determinada segundo a túa idade e deposítao nunha caixa preto da almofada que saltaches. Repite cinco veces este exercicio ata que completes 25 saltos e collas os 5 testemuños. Os testemuños poden ser bonecos, latas, froitas, zapatos… o que se che ocorra. Se aínda non estás canso ou cansa repite o exercicio saltando cos pés xuntos".

 

 

 

RETO 5: Coa axuda dunha vasoira transportar unha pelota a ras do chan durante 10 minutos polo espazo do que dispoñas na túa casa. Se podes pon algún obstáculo como unha cadeira ou un libro guindado no chan para facelo máis complicado. Podes utilizar calquera pelota que teñas ou unha feita con papel. Lembra que non se pode tocar a pelota cos pés.

 

 

RETO 6: Reproducir unha coreografía de baile diante da TV, do ordenador, da radio ou poñendo un CD. Para ilo tes que disfrazarte de calquera xeito, poñer unha perruca, un sombreiro, o disfrace do pasado entroido, pintar a cara, o que ti decidas pero algo diferente. Prepáraa e baila durante 15 minutos.

 

Para mañá XOVES 9 de abril, non imos propoñer ningún reto, así de novo daremos tempo aos nenos e nenas para que recuperen algún reto dos que propuxemos ata o de agora ou que inventen os seus propios exercicios. Lembrade que na páxina web do Barrié colgamos un vídeo de exercicios para facer na casa e que vos poden dar ideas para crear os vosos propios exercicios. 

 

Aquí tedes un resumo dos retos 4, 5 e 6 realizados por vós.

 

 

 

Reto 7: Camiña en liña recta 15 minutos desprazándose só de forma que o talón do pé se poña a continuación da punteira do outro. Se tes menos de 6 anos podes apoiarte nas paredes. Cada vez que te desequilibres,  teñas que dar a volta ou cada certo tempo, tes que tocar o chan coas dúas mans e dar un salto con palmada no aire (tres veces). 

 

Reto 8: Sube e baixa 10 veces un chanzo dunha escaleira, banco ou cadeira pequena. Cando remates fai no chan a “croqueta” (xira sobre ti mesmo/a guindado/a no chan). Repite estes movementos ata que completes 15 minutos de exercicio.

 

 

 

Reto 9: enviado por Xiana Rodríguez Pazos de 2ºB. Realiza 10 voltas nun percorrido motriz que ti mesmo/a creas con zapatos, rolos de papel, latas, roupa ou o que teñas por casa. Fai as idas desprazándote en cuadrupedia (a catro patas) e as voltas facendo zigzag. Como testemuño para contar as voltas podes empregar tamén calquera material que teñas por casa.

 

Reto 10: Imos facer ioga. Deixámosche distintas ligazóns para facer ioga con animais pero se prefires podes buscar outros videos ou titoriais dos moitos que existen na rede. Para superar o reto debes practicar estes exercicios durante 15 minutos. Vamos!

 

Moitas grazas por participar na dinámica para facer exercicio dende a casa #EuSonAtletaContraOVirus.

Como sabedes onte completamos os 10 retos que propuxeramos dende un principio. Imos deixar a xornada de hoxe para que nos enviedes algún reto dos que quedaron descolgados de atrás. Ao longo desta xornada, publicaremos na web e enviarémosvos indicacións dunha última tarefa que deben facer os nenos e nenas para completar esta dinámica.

Informar que xa superamos a barreira dos 300 videos recibidos e dado o éxito acadado e que esta situación de confinamento vaise prolongar no tempo imos valorar continuar con #EuSonAtletaContraOVirus para darlles aos pequenos e pequenas un aliciente máis para realizar actividade de educación física dende a casa.

 

Dádelle unha forte aperta aos nenos e nenas da nosa parte. Téñeno ben mereciudo.

Medalla "Eu son atleta contra o virus"

 

Como actividade final para superar a dinámica #EuSonAtletaContraOVirus propoñémovos a seguinte actividade.

  • Segue as instrucións do seguinte vídeo e fai unha medalla #EuSonAtletaContraOVirus
  • Saca unha foto coa medalla facendo un sinal de victoria (recomendable sacala nun sitio con fondo en branco).
  • Envíanos a túa foto por correo electrónico a cesarramos@edu.xunta.gal.
  • Recibirás no teu correo o agasallo “Atleta contra o Virus”.

 

 

Estamos recibindo xa as fotografías coa medalla pero aínda hai moitos e moitas atletas que non enviaron a súa.

É importante que nos enviedes unha fotografía coa medalla (a poder ser cun fondo branco e que se vexa de cintura para arriba).

Estamos elaborando os regalos para os pequenos e pequenas e para que cada un deles o reciba necesitamos a fotografía. Imos deixar uns días para que nolas enviedes, mentres tanto podedes animar aos pequenos e pequenas a continuar inventando retos ou repetindo os anteriores.

 

 

Un saúdo para todos e todas!!

 

DEIXAMOS AQUÍ UN CUESTIONARIO PARA QUE AVALIEDES A ACTIVIDADE QUE SE REALIZOU. NON LEVA NIN DOUS MINUTOS CUBRILO E FACILITA MOITA INFORMACIÓN PARA PODER SEGUIR REALIZANDO ACTIVIDADES SEMELLANTES. GRAZAS!

 

https://forms.gle/cWhYvDQBa8rH584G9

 

 

Tal como informamos con anterioridade todos os nenos e nenas que enviaron a fotografía coa medalla recibirán o seu merecido premio. A partir de mañá comezarédelo a recibir. Aínda podedes enviarnos a foto os que o teñades pendente. Se hai algún erro, e non os recibides ou tamén algunha errata nos nomes, por favor comunicádemo.

Xa temos os resultados da enquisa que vos enviamos, podedes descargalo dende aquí:

 

RESULTADOS ENQUISA

 

Como todos e todas demandades máis que vos parece se continuamos cos retos?

 

Aquí vos deixamos un resumo dos últimos retos, lamentablemente neste caso non puidemos incluílos todos porque recibimos moitísimos. Esperamos que vos guste.

 

 

A partir de mañá comezaremos a colgar na web os novos retos. Imos cambiar a dirección de correo onde tedes que enviarnos os retos. A partir de xa a dirección será:

 

Eusonatletacontraovirus@gmail.com

 

Para a consecución dos novos retos vale só con que nos enviedes unha foto ou un fragmento dun vídeo de non máis dun minuto de duración.

 

Moito ánimo a todos e todas.

 

#IstoSuperámoloEntreTod@s

 

Reto 11: Ás apalpadas. Distribúe cinco rolos de papel hixiénico polo corredor da casa. Pide a axuda dunha persoa adulta e tapa os ollos cun pano.  Desprazándote en cuadrupedia (a catro patas) tenta localizar os rolos e colocalos todos un enriba do outro sen mirar. Se tes dificultade podes pedir a alguén que che axude dando indicacións. Cando remates poderás sacar o pano e terás superado o reto.

 

 

RETO 12: Colle unha vasoira pona no chan e sáltaa 5 veces. Cando remates tes que ir correndo marcha atrás, coller o primeiro testemuño que estará a unha distancia determinada segundo a túa idade e deposítao nunha caixa preto da vasoira que saltaches. Repite cinco veces este exercicio ata que completes 25 saltos e collas os 5 testemuños. Os testemuños poden ser bonecos, latas, botellas, zapatos… o que se che ocorra. Se aínda non estás canso ou cansa repite o exercicio saltando cos pés xuntos.

 

 

Reto 13: Lanzamento de zapato. Colle cinco zapatos vellos e séntate no chan. Deberás lanzar os zapatos e metelos nunha caixa ou balde que se atopa a unha distancia determinada segundo a túa idade. Cada vez que encestes un, deberás tocar o chan e saltar dando una palmada no aire cinco veces. Cando encestes os cinco verás superado o reto.

 

 

Reto 14: Salto de altura e baixo altura. Coloca un pau de vasoira sobre dúas botellas de auga mineral. Deberás saltalas e pasar por debaixo sen que caia o pau 10 veces. Se che parece moi fácil podes repetilo saltando cos pés xuntos e pasar por debaixo desprazándote boca arriba.

 

 

Reto 15: Convértete nun troll e practica ioga. Deberás practicar un mínimo  de 15 minutos. Podes buscar na internet "ioga trolls", premer na ligazón de abaixo para seguir o vídeo ou se o prefires pon calquera outro vídeo de ioga para nenos e nenas.

 

 

Reto 16: Colle 5 zapatos ou zapatillas vellas, Tumbado boca arriba colle os zapatos cos pés e trata de metelos nun balde un a un situado detrás da túa cabeza. Se non eres quen de facelo podes xirar o teu corpo para poder meter os zapatos. Repite a operación ata que encestes en total 10 veces.

 

 

A partir de hoxe os nenos e nenas xa poden sair facer exercicio fora da casa así que propoñemos un reto final. Se antes fixeramos unha medalla agora queremos que fagades un trofeo e nos mandedes unha foto con el. Deixámosvos un video para podee facelo con material de refugallo:

Eu son atleta contra o virus

 

#IstoSuperarémoloXunt@s

 

Proxecto Deportivo de Centro

 



page | by Dr. Radut