No documento adxúnto pódese consultar o calendario para a celebración de eleccións ao Consello Escolar do CEIP Armenteira 2021-2022.
- Número de nais/pais que se elixen nestas eleccións: 1
- Número de mestras/mestres que se elixen nestas eleccións: 1
- Normativa que regula o proceso:
RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.
Durante este curso participaremos no Proxecto Ríos traballando conxuntamente co CPI Mosteiro-Meis e o CRA de Meis. O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental coordinado por ADEGA que pretende involucrar, neste caso ao noso alumnado, na conservación dos ecosistemas fluviais desenvolvendo ao mesmo tempo valores en relación co coidado do medio ambiente.
As actividades que faremos en relación con este proxecto estenderanse ao longo de todo o curso e serán moi variadas. Iremos contando detalles en publicacións posteriores a medida que avance o proxecto.
Onte desfrutamos da primeira actividade e unha das máis significativas que se desprenden do Proxecto Ríos. Levamos a cabo unha inspección do río acompañados por Paco Bañobre de ADEGA.
Sobre as 10:00 da mañá iniciámonos na Ruta da Pedra e da Auga buscando un sitio o suficientemente amplo como para facer as actividades co alumnado á vez que de sinxelo acceso ás augas do río. Unha vez asentados, Paco comezou a falarnos do que íamos facer, da importancia da auga, dos seres vivos que habitan á beira dos ríos, etc. Xusto nese momento unha fermosa garza pousouse nunha póla! Que marabilla de paisaxe temos!
A iso das 11:30, mentres nós repoñiamos forzas coa merenda, Paco puxo as botas e meteuse no río para coller as mostras de auga e seres vivos coas que logo traballaríamos.
O paso seguinte foi organizarnos en grupos e repartir o material: unha bandexa coa mostra, pinzas, lupas, placas de Petri, pipetas e fichas para identificar os diferentes seres vivos. Neste momento cada grupo buscaba dentro da súa mostra seres vivos e colocábaos nas placas para observalos. Foi un intre no que tanto maiores como pequenos desfrutaron moito descubrindo toda a vida que podía agochar unha mostra do río (auga, follas, ramas, area, etc.).
En función da presenza de uns ou outros seres vivos e seguindo un código de cores puido coñecerse o bo estado deste tramo do Río Armenteira. Cos datos obtidos elabórase anualmente o informe do estado de saúde dos ríos galegos.
Coa mañá ben avanzada dispuxémonos a facer o camiño de volta ao colexio dando por finalizada esta fermosa actividade.
Seguimos traballando e seguiremos informando. Mentres tanto, se é do voso interese, podedes consultar a web do Proxecto Ríos no seguinte enlace: https://proxectorios.org/
Para as familias de 5º e 6º de primaria, se premedes na imaxe poderedes acceder á información relativa a E-DIXGAL deste curso 2021/22.