latinismos

LATINISMOS PRESENTES NAS LINGUAS ACTUAIS

“AD KALENDAS GRAECAS”

GALEGO: “ad kalendas graecas”.

SIGNIFICADO ACTUAL: utilízase para expresar que algo non vai ter lugar nunca, que non vai suceder xamais. Un equivalente galego sería “cando mexen as galiñas”.

ORIXE: esta expresión aparece na biografía de Augusto escrita por Suetonio. O que quería dicir Augusto era que os malos debedores non pagaban nunca as súas débedas, porque o día das kalendas en Grecia non chegaba nunca. Sabido é que os gregos non dispuñan do mesmo procedemento que os romanos para computar o tempo, é dicir, que non tiñan o termo kalendas para indicar o primeiro día do mes, como os romanos.

 

“INTELLIGENTIBVS PAVCA”

GALEGO: “intelligentibus pauca”.

SIGNIFICADO ACTUAL: á persoa intelixente non hai que explicarlle moito as cousas. Unha expresión similar en galego sería “a bo entendedor poucas palabras bastan”. Úsase cando non se quere ser moi explícito nunha cuestión e se fala con medias palabras.

ORIXE: dativo plural do adxectivo intelligens, -ntis “intelixente” máis o neutro plural substantivado do adxectivo paucus,-a, -um “pouco”.

 

“RARA AVIS“

GALEGO: “rara avis”.

SIGNIFICADO ACTUAL: úsase para designar a alguén que se sae do normal no seu quefacer ou no seu xeito de pensar. Adoita dicirse de persoas ou cousas difíciles de atopar.

ORIXE: abreviación de rara avis in terra “ave extraña na terra”. Trátase do inicio dun verso de Xuvenal, no que se compara unha muller fiel cun cisne negro, ave moi difícil de atopar.

 

“RIP“

GALEGO: “RIP”.

SIGNIFICADO ACTUAL: aparece en inscricións funerarias co significado de “descanse en paz”.

ORIXE: acrónimo da expresión latina Requiescat In Pace.

 

RIP sobre unha tomba alemá.

 “STTL“

GALEGO: “STTL”.

SIGNIFICADO ACTUAL: aparece en inscricións funerarias co significado de “que a terra sexa para ti lixeira”.

ORIXE: abreviatura do latín Sit Tibi Terra Levis.

 

 “SPQR“

GALEGO: “SPQR”.

SIGNIFICADO ACTUAL: emblema do pobo romano que significa “o pobo e o senado romanos”.

ORIXE: son as siglas da frase latina Senatus PopulusQueRomanus. Tratáse da firma que figura nos documentos, nos edificios oficiais, monumentos etc. Aparece como emblema nas moedas, nos estandartes das lexións, obras públicas etc, indicando a unión entre os dous poderes da Roma republicana, o senado e o pobo, dos que emanaban as leis. Aínda hoxe seguen poñéndose na rede de sumidoiros de Roma.

 

Sumidoiro de Roma co emblema SPQR.

“TABULA RASA”

GALEGO: “tabula rasa”.

SIGNIFICADO ACTUAL: facer tabula rasa significa deixar as cousas como estaban antes. En galego equivale á expresión “facer borrón e conta nova”.

ORIXE: os romanos utilizaban para escribir taboíñas recubertas de cera e un punzón. Coa parte de atrás do punzón podían rasar a taboíña de modo que se puidera escribir de novo sen deixar marcas do anterior.

 

Sibila con tabula rasa. Diego Velázquez.

“VERBI GRATIA“

GALEGO: “verbi gratia”.

SIGNIFICADO ACTUAL: locución latina que se usa como expresión culta co significado de “exemplo”, “por exemplo”. Pode abreviarse v.gr. ou v.g.

ORIXE: dende o punto de vista morfolóxico temos unha palabra formada polo xenitivo de verbum “palabra” máis o ablativo gratia “pola graza de”.

 

“HORROR VACVI”

GALEGO: “horror vacui”.

SIGNIFICADO ACTUAL: literalmente significa “medo ao baleiro”. Emprégase no campo da arte para referirse á tendencia a encher todos os espazos de elementos decorativos.

ORIXE: a idea vén de Aristóteles, quen no libro IV da súa Física achega argumentos contra o baleiro. A súa argumentación ía dirixida contra os atomistas, discípulos de Demócrito, que postulaban que a natureza estaba formada por átomos e baleiro. A teoría contra o baleiro dos atomistas foi defendida polos estoicos e chegou ata a Idade Media. A filosofía escolástica medieval cría que a natureza ten horror ao espazo baleiro e sempre intenta enchelo de contido. Por iso os espazos baleiros énchense de gases e líquidos. A opinión de que a natureza aborrece o baleiro foi discutida no século XVII, sendo Pascal un dos maiores críticos desta teoría.

 

A caída de Babilonia. Jean Duvet, circa 1555.