alfabeto e abecedario

GALEGO: “alfabeto”, “abecedario”.

SIGNIFICADO ACTUAL: conxunto ordenado de letras que serven para representar os sons dunha lingua.

ORIXE: o termo alfabeto fórmase coa primeira e a segunda letra do alfabeto grego, mentres que abecedario toma as catro primeiras letras do alfabeto latino.

 

 

Abecedario alemán. 1830 Andreas Praefcke.

“O ALFA E O OMEGA”

GALEGO: “o alfa e o omega”.

SIGNIFICADO ACTUAL: se falamos dunha cousa facemos referencia ao principio e ao fin. Se estamos a falar dunha persoa queremos dicir que é o primeiro e o último.

ORIXE: primeira e última letra do alfabeto grego. Dende o século cuarto utilízase como símbolo cristián para expresar a divindade de Xesucristo. No Apocalipse lemos que Cristo, así como o Pai, son “o primeiro e o último” (2,8), “a Alfa e a Omega, o primeiro e o último, o principio e o fin” (22,13; 1,8). Os cristiáns interpretan esta frase como proba de que Deus existe dende o principio dos tempos e seguirá existindo eternamente.

 

 

Cristo sostén un libro cos signos alfa e omega. Detalle do frontal dunha igrexa en Kiel. Cristhoph Mewes.

 “V/U; Y/I nos textos latinos”

GALEGO: “V/U”; “Y/I”.

SIGNIFICADO ACTUAL: V consoante, u vogal. Y consoante, I vogal.

ORIXE: no alfabeto latino só existía un signo V (maiúscula), u (minúscula), tanto para o son vocálico como para o consonántico (VOX-CVM). O mesmo pasaba co signo I, i, que representaba tanto a i consoante como a vogal (IAM-ETIAM). Dende finais da Idade Media, aínda que con certa anarquía, comeza a distinguirse nas linguas romances I de J e U de V. Foi Pierre la Ramée (1515-1572) quen propuxo a sistematización desta distinción gráfica para facilitar a aprendizaxe do latín aos alumnos. A diferenza entre U e V triunfou na maioría dos libros de texto (VOX-CUM). A outra proposta non tivo tanto éxito, aínda que algúns dicionarios si a recollen.

 

“AMPERSAND”

GALEGO: “ampersand”.

SIGNIFICADO ACTUAL: símbolo &. Utilízase sobre todo en contextos económicos.

ORIXE: trátase dun dos signos Tironianos, utilizado para representar taquigraficamente a conxunción copulativa latina et “e”. A palabra ampersand explícase porque este signo solía poñerse ao final do alfabeto inglés e dicíase: “and per se and”.

 

 

Ampersand sinxela e itálica.

 “$”

GALEGO: “$”.

SIGNIFICADO ACTUAL: símbolo do dólar.

ORIXE: o símbolo do sestercio, moeda romana equivalente a dous ases e medio, era HS. O H simbolizaba en números romanos o dous (II), atravesado por unha liña e o S era a abreviatura de semis “medio”. Os norteamericanos colleron o símbolo do sestercio para representar a súa moeda e o que fixeron foi superpoñer as dúas letras.

 

 

Billete de dólar. Wikipedia. Hohum.

 “?”

GALEGO: “?”.

SIGNIFICADO ACTUAL: signo de interrogación.

ORIXE: deriva da letra latina Q, abreviatura da palabra quaestio “pregunta, cuestión”, termo que os romanos poñían ás veces nos seus textos para facilitar a lectura cando se trataba dunha pregunta.