sucesos

PALABRAS E EXPRESIÓNS RELATIVAS A SUCESOS E LUGARES HISTÓRICOS

“DISPARO DE PARTO”

GALEGO: “disparo de parto”.

SIGNIFICADO ACTUAL: comentario ou xesto hostil realizado por alguén que se marcha.

ORIXE: alude a unha táctica militar dos arqueiros a cabalo partos que finxían unha retirada mentres disparaban tras os seus ombros. Unha importante batalla na que se empregou esta táctica foi a batalla de Carras (en latín Carrhae) e foi o principal factor da vitoria parta sobre o xeneral romano Craso.

 

Arqueiro a cabalo otomano poñendo en práctica o disparo parto. 

“DELICIAS DE CAPUA”

GALEGO: “as delicias de Capua”.

SIGNIFICADO ACTUAL: hoxe significa pensar demasiado na vida fácil e non o suficiente nas obrigacións.

ORIXE: Aníbal, no seu intento de conquistar Roma, chegou a Capua, onde desexaba pasar o inverno e dar aos seus homes un descanso para recuperarse da súa longa e fatigosa viaxe. A cidade ofreceu aos soldados cartaxineses numerosos praceres que abrandaron as súas forzas.

 

 

O anfiteatro da antiga Capua.

“RETIRADA AVENTINA”

GALEGO: “retirada aventina”.

SIGNIFICADO ACTUAL: fai referencia ás accións de protesta ante un uso abusivo dos poderes gobernamentais.

ORIXE: ten a súa orixe nun dos conflitos entre patricios e plebeos, no 494 a. C., no que os plebeos se retiraron ao monte Aventino e ameazaron con fundar unha nova cidade. Esta ameaza supuxo que os patricios cederan ante as protestas dos plebeos.

 

“DISCUSIÓN BIZANTINA”

GALEGO: “discusión ou argumento bizantino”.

SIGNIFICADO ACTUAL: significa discusión ou argumento inútil e sen sentido por ser altamente complicada a demostración das afirmacións nas que se fundamenta.

ORIXE: as discusións bizantinas eran arduas e vehementes disputas relixiosas que se producían dende a época de Constantino no Imperio Romano Oriental.

 

“NÓ GORDIANO”

GALEGO: “nó gordiano”.

SIGNIFICADO ACTUAL: úsase con frecuencia para facer referencia a un problema complicado e intricado que se resolve dun xeito tallante e sen contemplacións.

ORIXE: ten a súa orixe na lenda do rei Gordio de Frixia, quen ofreceu a Zeus o seu carro, atando a lanza e o xugo cun nó tan intricado que ninguén o podía soltar. Cando Alexandre Magno tomou Frixia, soubo que unha antiga tradición dicía que quen desatara aquel nó converteríase no dono do mundo. Entón Alexandre, sen intentar desfacelo, rompeuno coa súa espada.

 

 

Alexandre corta o nó gordiano. Jean- Simon Berthélemy.

 

“PASAR POLAS FORCAS CAUDINAS”

GALEGO: “pasar polas forcas caudinas”.

SIGNIFICADO ACTUAL: verse obrigado a soportar condicións humillantes.

ORIXE: vén do nome do desfiladeiro (Forcas Caudinas) no que durante a segunda guerra samnita o exército romano foi derrotado e tivo que aceptar condicións humillantes.

 

 

A batalla das Forcas Caudinas. Escena do paso baixo o xugo, pintura mural romana.

 

“PASAR O RUBICÓN”

GALEGO: “pasar o Rubicón”.

SIGNIFICADO ACTUAL: esta expresión significa tomar unha decisión crucial e irrevocable da que non hai punto de retorno.

ORIXE: fai referencia ao exército de Xulio César cruzando este pequeno río, o que foi considerado un acto de guerra contra Pompeio e unha acción de revolta que levou á ditadura de César.

 

“MARATÓN”

GALEGO: “maratón”.

SIGNIFICADO ACTUAL: carreira de longa distancia; pode tamén referirse a unha competición ou actividade que require moita resistencia.

ORIXE: procede da lenda de Filípides, o mensaxeiro grego que correu os 42. 195 m. que separaban o campo de batalla de Maratón de Atenas para anunciar que os persas foran derrotados polos gregos.

 

 

Pintura de Filípides chegando a Atenas. Luc-Olivier Merson.