personaxes

PALABRAS E EXPRESIÓNS RELACIONADAS CON PERSONAXES DA HISTORIA ANTIGA

“MESALINA”

GALEGO: “mesalina”.

SIGNIFICADO ACTUAL: representa a unha muller poderosa e intrigante con reputación de libidinosa e promiscua; este termo chegou a ser usado como sinónimo de prostituta.

ORIXE: Valeria Messalina foi a terceira muller do emperador romano Claudio, e foi moi coñecida pola súa fermosura e pola súa constante infidelidade ao seu esposo.

 

 

Mesalina. Meretriz Augusta. Eugène Cyrille. 1884.

“DRACONIANO”

GALEGO: “draconiano”.

SIGNIFICADO ACTUAL: é un adxectivo que ten o significado de “rigoroso”, “severo”, “cruel”.

ORIXE: deriva de Dracón, un lexislador ateniense de arredor do 620-630 a. C., que foi coñecido por elaborar un código de conduta moi estrito, que impoñía a pena de morte para delitos menores.

 

“RICO COMO CRESO”

GALEGO: “rico como Creso”, “ser Creso”.

SIGNIFICADO ACTUAL: home moi rico, persoa con moita riqueza.

ORIXE: fai referencia á riqueza de Creso, o rei de Lidia dende o 560 ao 547 a. C., que tomou a súa riqueza dos ricos depósitos de ouro que se atopaban no río Pactolo.

 

 

Solón e Creso. Gerard van Honthorst 1590-1656.

“MAUSOLEO”

GALEGO: “mausoleo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: este termo úsase hoxe en día co significado de sepulcro sobreelevado, suntuoso e maxestoso.

ORIXE: o Mausoleo de Halicarnaso ou Sepulcro de Mausolo era unha tumba construída en Halicarnaso (actual Turquía) para Mausolo, o rei de Caria. O nome dado á estrutura foi unha homenaxe a Mausolo.

 

 

 

O Mausoleo de Halicarnaso. Martin Heemskerck (s. XVI).

 

“VITORIA PÍRRICA”

GALEGO: “vitoria pírrica”.

SIGNIFICADO ACTUAL: acadar unha vitoria con máis dano para o vencedor que para o vencido. Unha vitoria ou logro acadado a un prezo demasiado elevado.

ORIXE: o rei grego Pirro do Épiro obtivo unha grande vitoria. Non obstante, o seu exército sufriu moitas baixas na derrota dos romanos durante as Guerras Pírricas.

 

“FILÍPICA”

GALEGO: “filípica”.

SIGNIFICADO ACTUAL: discurso implacable e intenso. Discurso de acusación, invectiva ou diatriba.

ORIXE: este termo orixínase con Demóstenes, o orador ateniense que pronunciou varios discursos encendidos contra Filipo II de Macedonia por consideralo unha ameaza contra todas as cidades-estado gregas.

 

“COMPLEXO DE ALEXANDRE”

GALEGO: “complexo de Alexandre”.

SIGNIFICADO ACTUAL: trátase do resentimento dun fillo cara ao seu pai, porque o pai non permite que o fillo teña éxito por si mesmo ou supere ao pai.

ORIXE: este complexo vén de Alexandre Magno quen nunha ocasión na que o seu pai, Filipo II de Macedonia, celebraba os seus triunfos bélicos exclamou: “o meu pai non me deixa nada por conquistar”.

 

 

Alexandre e Porus, 1673. Charles Le Brun.

“ESPADA DE DAMOCLES”

GALEGO: “ter unha espada de Damocles sobre a cabeza”.

SIGNIFICADO ACTUAL: expresa a proximidade dun perigo ou unha ameaza.

ORIXE: remóntase a Damocles, cortesano de Dionisio, tirano de Siracusa. Damocles envexaba a súa vida cómoda e luxosa e para castigalo Dionisio fixo que Damocles o sustituise nun festín cheo de ricas viandas. Sen embargo, enriba da súa cabeza pendía unha espada afiada suxeita pola crin dun cabalo e que podía caer en calquera momento. Deste modo Damocles comprendeu o efímero da prosperidade do tirano.

 

 

A espada de Damocles. Richard Westall. 1812.

“A MULLER DO CÉSAR”

GALEGO: “a muller do César”.

SIGNIFICADO ACTUAL: refírese a que as relacións das persoas públicas non deben estar baixo sospeita, esixéselles unha conduta recta e honesta.

ORIXE: esta expresión fai referencia a Pompeia, a segunda muller de César. Segundo as faladurías que circulaban polo 62 a. C., parece que o seu nome estaba asociado con Publio Clodio, un coñecido home disoluto da época. César non cría tales rumores pero deixou claro, cando se divorciou dela, que incluso a muller do César debe estar por enriba das sospeitas. A frase completa á que deu lugar foi “á muller do César non lle basta con ser honesta, debe parecelo”.

 

“O CAN DE ALCIBÍADES”

GALEGO: “o can de Alcibíades”.

SIGNIFICADO ACTUAL: fai referencia aos actos ou palabras que usan as persoas coñecidas para distraer ou desviar a atención pública sobre eles.

ORIXE: cóntase que Alcibíades posuía un can que mercara por poucos cartos e ao que un día decidiu cortarlle o seu fermoso rabo por un simple capricho. Os seus amigos reprocháronlle unha acción tan ridícula, dicíndolle que toda a cidade falaba do pobre can e da súa cola. Alcibíades contestoulles que esa era precisamente a súa intención; que todos falaran da cola do seu can e deixaran de cotillear sobre as súas actividades.

 

 

O can de Alcibíades. Copia romana dun orixinal de bronce de época helenística. British Museum.