O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visita a Cidade da Cultura de Galicia co artista Christian Boltanski

Gallego
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visita a Cidade da Cultura de Galicia co artista Christian Boltanski

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visita a Cidade da Cultura de Galicia co artista Christian Boltanski

 

 

 

 

 

 

Tema: 

A Consellería de Cultura e Educación requirirá á empresa do autobús escolar do colexio Outeiro das Penas de Cesantes (Redondela) que cumpra estritamente cos horarios

A comunidade educativa deste centro e do CEIP Quintela así como do concello de Redondela mantiveron esta mañá unha reunión co xefe territorial de Cultura e Educación para analizar a situación

Gallego
 A Consellería de Cultura e Educación requirirá á empresa do autobús escolar do
A Consellería de Cultura e Educación requirirá á empresa do autobús escolar do colexio Outeiro das Penas de Cesantes (Redondela) que cumpra estritamente cos horarios

A Xefatura Territorial de Cultura e Educación en Vigo requirirá á empresa concesionaria do servizo de transporte escolar dos colexios  Quintela e Outeiro das Penas de Cesantes (Redondela) que cumpra estritamente cos horarios de recollida e regreso dos alumnos tras detectarse importantes irregularidades neste servizo.

Así llo trasladou o xefe territorial deste departamento, César Pérez Ares, á comunidade educativa e aos representantes do concello de Redondela cos que mantivo esta mañá unha reunión na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.

No encontro estiveron presentes as directoras de ambos centros, os concelleiros de Tráfico, Educación e Deportes de Redondela así como os xefes de Inspección de Educación e de Transportes da Xefatura Territorial.

Na reunión, ambas directoras presentaron dous informes detallados sobre o acontecido nas últimas semanas co servizo de transporte destes centros, que veu a constatar a realidade do excesivo atraso co que están a chegar os autobuses ás paradas tanto de recollida como de devolución dos nenos. “Estas irregularidades están a provocar un importante atraso na chegada dos alumnos ao centro e as súas vivendas ao regreso, co cal entendemos as queixas dos pais e dos colexios”, explicou Pérez Ares.

Ante esta situación, a Xefatura Territorial anunciou ante os representantes da comunidade educativa e do concello que se enviará, a través do Servizo de Transportes deste departamento, unha serie de instrucións á empresa concesionaria para o mellor funcionamento do servizo. “Deste xeito, esixirémoslle que tome as medidas pertinentes de xeito inmediato”, continuou o xefe territorial, quen destacou que, a maiores, tamén se reunirán coa empresa para advertirlle de que “o incumprimento de estas instrucións podería suporlle medidas administrativas moi serias”.

César Pérez Ares rematou destacando que dende o Servizo de Transportes da Xefatura Territorial de Cultura e Educación en Vigo farase un seguimento exhaustivo do cumprimento das medidas que se lle esixirán á empresa concesionaria

Xesús Vázquez Abad asina o convenio de colaboración coa Fundación Empresa Universidade Galega para os titulados en ensinanzas artísticas e deportivas

A Consellería de Cultura e Educación amplía o convenio asinado en 2012 destinado a ensinanzas de FP a través do cal se estableceu o desenvolvemento dun mecanismo para a realización de prácticas en empresas

Gallego
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega na sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), Francisco J. Pereiro Pérez, asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración para o apoio aos programas de becas de formación práctica de persoas tituladas en ensinanzas artísticas e deportivas.

Dito convenio, asinado hoxe en San Caetano, vai dirixido aos estudantes de ensinanzas elementais de música e de danza; aos das artísticas profesionais de música e danza así como aos dos graos medio e superior de artes prácticas e deseño. Tamén están incluído o alumnado  de ensinanzas artísticas superiores nos que se inclúen os estudos superiores de música e danzas, as ensinanzas de arte dramática, de conservación e restauración de bens culturais, de deseño e os estudos superiores de artes plásticas nos que se inclúen os de cerámica e vidro.

Ademais o acordo tamén é relativo ás ensinanzas deportivas, cuxo fin é preparar aos estudantes para a actividade profesional en relación cunha modalidade ou especialidade deportiva, así como facilitar a súa adaptación á evolución do mundo laboral e deportivo e á cidadanía activa.

O desenvolvemento

Esta addenda completa o convenio asinado no 2012, por primeira vez, e no que xa se daba conta de que a FEUGA implantaría e desenvolvería programas e actuacións específicos encamiñados a desenvolver o mecanismo preciso para a realización de prácticas en empresas de calquera tamaño e sector de actividade. O número de beneficiados por este programa de bolsas ata este momento foi de 603.

Deste xeito a Consellería e a FEUGA dan conta da necesidade de unir esforzos, mellorando o aproveitamento dos recursos dispoñibles e coordinando medidas de apoio ás iniciativas de formación práctica en empresas e inserción profesional de persoas tituladas da FP e, a partir de agora, das devanditas ensinanzas de réxime especial. No documento asinado hoxe queda reflectido o acordo en actuacións dirixidas a facilitar o progreso no itinerario profesional das devanditas persoas tituladas e que faciliten a relación destas e as empresas.

A Consellería de Cultura e Educación volve amosar o seu compromiso coa preparación dos estudantes galegos para a súa inserción no mundo laboral, neste caso dándolles a través da FEUGA unha nova oportunidade de incorporarse ao mundo da empresa.

Tema: 

Colectivo: 

Xesús Vázquez Abad entrega os premios de Nós tamén creamos!, o certame escolar audiovisual de dinamización lingüística

Outorgáronse catro premios e catro mencións especiais do xurado a curtas de animación en galego realizadas coa técnica stop-motion por alumnado e profesorado de infantil e primaria

Xa está en marcha a terceira edición do programa, que se desenvolverá no marco do novo Plan Proxecta 2013/2014 impulsado pola Consellería de Cultura e Educación

Gallego
 Xesús Vázquez Abad entrega os premios de Nós tamén creamos!, o certame escolar
Xesús Vázquez Abad entrega os premios de Nós tamén creamos!, o certame escolar audiovisual de dinamización lingüística

Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entregou esta mañá, no auditorio do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), os premios a curtas de animación en galego realizados coa técnica stop-motion no marco do programa de dinamización lingüística “Nós tamén creamos!”

O conselleiro expresou a súa satisfacción porque as curtas presentadas ao concurso, tanto as gañadoras coma outras moitas de calidade elaboradas polos 60 centros participantes, mostran que se alcanzaron os obxectivos para os que foi deseñado “Nós tamén creamos!”: incentivar o uso do galego nos colexios en novos espazos e soportes, favorecer a innovación no ensino-aprendizaxe de linguas, promover unha relación positiva dos rapaces co noso idioma ou fomentar a lectura e mais a creatividade en galego, entre outros. Deste xeito o conselleiro destacou que “todos os traballos presentados ao concurso, e nomeadamente os premiados, son mostra do voso esforzo, do voso bo facer e da calidade da educación na nosa comunidade”.

Ademais, Vázquez Abad tivo palabras de agradecemento para a Compañía Radio-Televisión de Galicia e para OQOeditora, coorganizadoras do programa.

Alumnos e docentes

Ademais resaltou o traballo do alumnado e docentes participantes no proxecto, nomeadamente os integrantes dos equipos de dinamización da lingua galega, a quen animou a seguir traballando na mesma liña, “porque Nós tamén creamos! será verdadeiramente produtivo se marca o inicio dun camiño. Agradézovos o xeneroso esforzo que esta primeira etapa da andaina vos supuxo, pois ben sei que vos implicastes totalmente nesta empresa. Quero facer unha mención especial para o profesorado que integra os equipos de dinamización da lingua galega, polo seu impulso a este e a outros proxectos educativos innovadores no noso idioma”.

Ao acto de entrega dos premios Nós tamén creamos! asistiron, a canda o conselleiro de Cultura e Educación, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Manuel Vila,  subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; Rosa Vilas, directora-xerente da Televisón de Galicia e Eva Mejuto, representante de OQOeditora.

Asistiu tamén unha ampla representación de profesorado e de alumnado participante na elaboración das curtas premiadas ou que recibiron mención, así como pais e nais destes estudantes. Os encargados de conducir o evento foron os actores Fran Rei e Pedro Brandariz, integrantes do dúo Os Sete Magníficos máis Un, que fixeron as delicias dos rapaces cunha representación chea de humor.

Catro curtas gañadoras

Na modalidade de educación infantil o traballo seleccionado polo xurado de Nós tamén creamos! foi “A Escaleira”, do CEIP Víctor López Seoane da Coruña. No primeiro ciclo de primaria, o centro galardoado foi o CEIP A Lama, cunha curta de igual título. No segundo ciclo, o premio outorgóuselles ex aequo ao CEIP de Merza (Vila de Cruces) polo traballo Troco e ao CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño) por “Ernesto bo día”. Todas estas curtas de animación poden verse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, http://www.xunta.es/linguagalega/nos_tamen_creamos, e mais na sección infantil do web da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen_creamos.

Os colexios galardoados recibiron un lote de libros de OQOeditora, unha pantalla de plasma cedida pola CRTVG e un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, o profesorado implicado na elaboración das curtas recibiu unha certificación de Premio de Innovación Educativa.

Mencións especiais pola alta calidade

A elevada calidade dos traballos presentados levou o xurado dos premios Nós tamén creamos! a outorgar mencións especiais por segundo ano consecutivo. Foron merecentes delas as curtas “A noite das mudanzas”, do CEIP Bergantiños de Carballo, pola expresividade e a espontaneidade lingüísticas, así como pola composición estética; “Pilú, Pilú” do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira de Ferrol, pola adaptación musical e a orixinalidade plástica; “A escaleira”, do CPI Cabo da Area, de Laxe, pola adaptación da obra orixinal, e “Ernesto Bo Día” do CEE Vilagarcía de Arousa, pola calidade plástica e estética. Estas curtas están tamén accesibles nos webs indicados arriba.

Programa de dinamización lingüística

O concurso Nós tamén creamos! enmárcase nun programa de dinamización lingüística que leva o mesmo nome, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con ela colaboran a CRTVG e OQOeditora para formar e asesorar a profesorado de 60 centros educativos co fin de que estes realicen con alumnado de 3 a 9 anos curtas de animación en galego baseadas en contos fornecidos pola citada editorial.

A Consellería dirixida por Vázquez Abad recoñeceulles 12 horas de formación do profesorado aos docentes participantes na elaboración de calquera das curtas de animación realizadas no marco deste programa que cubrisen uns mínimos de calidade.

Nós tamén creamos! dálle continuidade ao programa iniciado no curso 2010-2011 no marco do que todas as aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas de cadansúa unidade didáctica. No curso 2011-2012, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu un paso máis na iniciativa co fin de converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador.

Xa está en marcha a terceira edición do programa de elaboración de curtas, este ano inserido no Plan Proxecta, o que permite incrementar as horas de formación do profesorado e o tempo con que contan os centros para a elaboración das curtas.

Puntuación provisional da convocatoria de selección de centros educativos no proxecto de formación Combas Galicia para o curso 2013/2014

Gallego

Xúntase a comunicación do 15 de novembro de 2013 pola que se fai pública a puntuación provisional da convocatoria de selección de centros educativos sostidos con fondos públicos no Proxecto de formación COMBASGalicia, Curso 2013-2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

  • Establécese un prazo de cinco días naturais, contados a partir do día seguinte ao da data de publicación, para que os interesados poidan efectuar as posibles alegacións ou renuncias.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

O programa europeo de axudas ao audiovisual centra a segunda sesión formativa de Galicia ProFilme que organiza a Consellería de Cultura e Educación

A Agadic e a Oficina Media Desk España colaboran na organización desta xornada, que se está a celebrar na Biblioteca da Cidade da Cultura e para a que se inscribiron medio cento de profesionais

O director da Oficina Media avanzou os detalles da incorporación desta liña de subvencións no programa Europa Creativa que se desenvolverá de 2014 a 2020

Os representantes das produtoras Tic Tac e Avalon compartiron cos participantes as súas experiencias á fronte de proxectos audiovisuais realizados con apoio europeo

Gallego
 O programa europeo de axudas ao audiovisual centra a segunda sesión formativa d
O programa europeo de axudas ao audiovisual centra a segunda sesión formativa de Galicia ProFilme que organiza a Consellería de Cultura e Educación

Galicia ProFilme, nova plataforma de formación continua para profesionais do audiovisual que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), desenvolve hoxe unha sesión formativa arredor do programa europeo MEDIA de axudas a produtoras independentes.

Medio cento de profesionais do sector inscribíronse neste encontro que, baixo o título ‘Sesión informativa MEDIA’, deu comezo ás 10.00 horas na Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, coas intervencións dos directores da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, e da Oficina Media Desk España, Jesús Hernández. Ambas as dúas entidades colaboran no desenvolvemento desta acción formativa que, en liña co resto das sesións inseridas en Galicia ProFilme, ten cun carácter eminentemente práctico.

Casos prácticos

Neste sentido, cóntase coa participación dos representantes de dúas produtoras independentes con experiencia no desenvolvemento de proxectos seleccionados por MEDIA. Fernanda del Nido de Tic Tac Producciones explicou o proceso emprendido con ‘La luna de septiembre’, filme apoiado dentro da categoría de axudas ao desenvolvemento de proxectos individuais, modalidade na que tamén se insiren as fitas ‘Nora’, ‘313 invitados’ e ‘Califa’, das que falou a produtora executiva de Avalon, María Zamora.

Nesta exposición tamén interveu Mónica Carretero, coordinadora do Fondo de Garantía á Produción MEDIA da Sociedad de Garantía Recíproca Audiovisual SGR, operadora española que traballa coa Comisión Europea na xestión do fondo de garantía de empréstitos posto en marcha desde a Unión Europea co obxectivo de facilitar aos produtores de cine o acceso ao financiamento bancario.

A última intervención da xornada correspondeulle ao director da Oficina Media Desk España, fundación cultural dirixida á divulgación e asesoramento arredor deste programa de apoio ao audiovisual. Jesús Hernández avanzou as liñas mestras da integración de MEDIA no programa Europa Creativa da Comisión Europea no que, entre os anos 2014 e 2020, se inserirá tanto o MEDIA como o MEDIA Mundus e os programas Cultura.

Preprodución e mercado internacional

Galicia Profilme continuará en decembro cunha terceira convocatoria titulada ‘Preprodución e mercado internacional’, a través da que se ofrecerán diferentes estratexias para a promoción e distribución de produtos audiovisuais no exterior. Esta última sesión do ano celebrarase o xoves 12 coa participación de José María Riba, membro do comité de selección da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes; Manuel Monzón, da distribuidora Acontracorriente Films; e David Castellanos, da axencia de vendas internacional Cinema Republic.

A asistencia a estas xornadas é gratuíta –previa confirmación a través do correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.es– para todos os profesionais que desenvolven a súa actividade no ámbito do audiovisual galego.

Tema: 

O conselleiro de Cultura e Educación destaca o esforzo a prol dunha universidade de calidade como garantía de futuro

Xesús Vázquez Abad participou na apertura do foro “O futuro da universidade en España a debate” que se desenvolveu na Fundación Luis Seoane, na Coruña

Gallego
Xesús Vázquez Abad participou na apertura do foro “O futuro da universidade en E
Xesús Vázquez Abad participou na apertura do foro “O futuro da universidade en España a debate”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a importancia do traballo desenvolvido a través do departamento que dirixe a prol dunha universidade de calidade como garantía de futuro. Foi durante a apertura do foro “O futuro da universidade en Espala a debate” que se desenvolve durante toda a xornada na fundación Luis Seoane, na Coruña e organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. No acto tamén estiveron presentes a delegada da Xunta na Coruña, e o xefe territorial de educación, Belén do Campo e Indalecio Cabana, respectivamente.

Durante a súa intervención Vázquez Abad dixo que “entendemos que a universidade, como centro de acción da elite do pensamento, é o catalizador necesario para abrir vías de superación ante os retos que se presentan no momento actual”. Ao mesmo tempo recordou que “necesitamos unha boa ciencia, boa técnica, bos modelos de pensamento, para mellorar o orden polo que nos rexemos. Necesitamos coñecemento e capacidade de unir perspectivas, para que o esforzo encaixe cada vez mellor na fórmula do traballo, co seu rendemento eficaz e o seu asentamento nunha economía de recursos”.

O conselleiro recordou o traballo desenvolvido desde o departamento educativo da Xunta e sinalou que “apostamos pola I+D, pola igualdade de oportunidades e pola mellora da universidade pública. As tres universidades galegas representan o 39% do gasto total en investigación e concentran o 61% de todos os investigadores de Galicia” e destacou que “decidimos manter, nesta época de crise, o mesmo orzamento para axudas e becas universitarias. Ademais volvemos a conxelar os prezos das matrículas, o que sitúa a Galicia como a comunidade Comunidades cos prezos máis baixos para graos e máster”, así Xesús Vázquez engadiu que “estamos orgullosos do noso plan de financiamento universitario, con vixencia ata o 2015, xa que blindado os recursos destinados as nosas universidades como un eixe estratéxico das políticas  do noso goberno”.

No acto de apertura xunto ao conselleiro estiveron Ramón Herrera de las Heras e Domingo Bello Janeiro directores do encontro e da UIMP en Galicia, respectivamente, así como o concelleiro de servizos sociais da Coruña, Miguel Lorenzo Torres.

A xornada

Posteriormente tratouse o director xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Jorge Sáinz González tratou “A reforma do sistema universitario español”. Un tema que foi debatido na rolda de prensa na que participaron Juan Casares Long e José Antonio Cobacho, reitores das universidades de Santiago e Murcia respectivamente.

Ao longo da mañá tamén foi tratada a situación dos estudantes ante a reforma a cargo do vicepresidente do consello de estudantes do Estado, Gabriel Martín Rodríguez. Xa pola tarde foi tratado o papel que ten a política que se desenvolve en torno ao I+D+i  e a relación entre a constitución e educación. Temas que foron tratados polo director xeral de investigación e xestión do plan de I+D+i do Ministerio de Económica, Juan María Vázquez Rojas. O encontro pechouse coa intervención “Orzamentos dunha política universitaria” a cargo do presidente do consello de Estado de España, José Manuel Romay Beccaría.

Tema: 

Ensinanza: 

O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente gratuíto, superando as previsións da Consellería de Cultura e Educación

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia garante a gratuidade para as familias que máis o necesitan, grazas á colaboración dos usuarios que dispoñen de máis recursos económicos

Desde o curso 06/07 o orzamento da Xunta en comedores incrementouse en máis de 15 millóns de euros, e no 2014 incrementarase un 3,3% máis

Gallego
 O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos c
O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente gratuíto, superando as previsións da Consellería de Cultura e Educación

O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que este curso máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente de balde, mesmo superando as previsións iniciais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así o expresou hoxe o seu secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, que na súa intervención na Comisión 4ª do Parlamento debullou os datos dispoñibles cando xa se introduciron na aplicación disposta para tal efecto o 98,94% dos datos.

Segundo expuxo o secretario xeral técnico, cos datos introducidos na aplicación, o 78,11% dos usuarios teñen o comedor escolar de balde, sen pagar nada. Asemade, un 5,48% pagan 1 euro ao mes, é dicir, que o 83,59% dos comensais utilízano totalmente de balde ou pagando tan só un euro. Respecto dos que achegan 2,5 euros por día de uso do comedor, representan o 3,36%; mentres que os que aboan 4,5 euros, de acordo coa súa capacidade económica, son o 11,97%. Oitavén quixo ademais salientar que estes prezos públicos inclúen, ademais do custo do menú, os do persoal implicado na prestación do servizo.

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia garante a gratuidade para as familias que máis o necesitan, grazas á colaboración dos usuarios que dispoñen de máis recursos económicos, un sistema que o secretario xeral tal, e como explicou o secretario xeral técnico, axustado á legalidade, máis xusto e equitativo e que permite asumir progresivamente e de xeito voluntario aos comedores xestionados polas ANPAS. Oitavén lembrou ademais que o novo modelo de xestión corrixe as deficiencias do decreto de comedores do Bipartito, que establecía un modelo “absolutamente inxusto porque non se baseaba na capacidade económica das familias”.

Altas porcentaxes de gratuidade

Tal e como explicou o representante de Cultura e Educación, as porcentaxes de gratuidade total elévanse nalgunhas comarcas – especialmente nas rurais- ao 90,43% (Baixa Limia), 89,66% (A Paradanta), 87,26% (Ancares), ao 86,60% na comarca de Pontevedra, que inclúe concellos como Cotobade, A Lama ou Pontecaldelas. Tamén sinalou os casos de outras zonas rurais como a comarca do Deza, cunha porcentaxe do 85,94% de usuarios do servizo de balde, da Limia (86,24%) ou de Terra de Caldelas (81,39%).

Neste momento na aplicación informática de comedores aparecen 12 centros no que o 100% dos usuarios son gratuítos, mentres que en 71 centros educativos a porcentaxe de gratuidade movese entre o 90 e o 98,59%, en outros 143 entre o 80 e o 89,20%; e en 116 centros máis as porcentaxes de non pagamento oscilan entre o 70 e o 79,91%. Tan só en 64 os centros se baixa do 70 % de gratuidade segundo os datos dispoñibles. “En resumo, no 55,7 por cento dos centros que teñen comedor escolar os alumnos que son usuarios gratuítos son mais do 80%”, salientou o secretario xeral.

Maior esforzo económico da Xunta

Ademais do novo sistema, o secretario xeral técnico salientou o importantísimo esforzo económico que o departamento educativo da Xunta está a realizar para incrementar o número de prazas nos comedores escolares xestionados pola Administración pública. Neste sentido lembrou que desde o curso 2006/2007 ata o actual o incremento do esforzo orzamentario da Xunta de Galicia relativo ao comedor escolar se incrementou en 15.698.407 euros. “Como saben, pola recente comparecencia dos orzamentos de 2014, o importe que se destinará o próximo ano ascende a 28.766.509 euros, por tanto, cun incremento adicional do 3,3 por cento”, engadiu.

Colectivo: 

Cultura e Educación apoia a décima edición do simposio anual da AGE, centrado no futuro da biblioteca no contorno dixital

Máis de 90 profesionais bibliotecarios, profesores e editores participan nesta xornada promovida pola Asociación Galega de Editores, que foi inaugurada polo secretario xeral de Cultura

Gallego
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a refle
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a reflexión sobre os contornos dixitais en relación co servizo bibliotecario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Asociación Galega de Editores (AGE) na décima edición do simposio O Libro e a Lectura, que este ano se centra no futuro da biblioteca no contorno dixital. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a reflexión sobre os contornos dixitais en relación co servizo bibliotecario, na que destacou a importancia de promover espazos de encontro nos que os diferentes axentes do sector de libro poidan debater, analizar e definir liñas de futuro compartidas.

Durante a inauguración, que tamén estivo presidida polo presidente da AGE, Manuel Bragado, o secretario xeral referiuse ao contorno dixital como “unha realidade que permite multiplicar as posibilidades da lectura e favorecer o acceso á información e á cultura, pero presenta tamén novas dificultades técnicas, legais e de mercado que non sempre son doadas de conxugar”. “Por iso –engadiu–  atopámonos nun momento editorial que esixe moito de todos os implicados no sector do libro”.

Lectura dixital nas bibliotecas

Nestes momentos, segundo explicou, “existen liñas de políticas públicas encamiñadas a proporcionar ferramentas de lectura dixital nas bibliotecas que, de certo, son aínda de menor envergadura da que desexariamos”. Nese sentido, afirmou que “a incorporación do libro electrónico ao servizo de préstamo ten que ser unha realidade inaprazable e niso estamos a traballar, conxuntamente co Ministerio de Cultura, para que este servizo estea garantido de maneira xeral o máis pronto posible na xestión do préstamo das bibliotecas públicas”.

No caso da Biblioteca de Galicia, “temos unha aposta clara pola dixitalización, cun esforzo moi importante por ir a ritmo nos estándares e estratexias europeas”, asegurou. Esa vertente dixital que é Galiciana cualificouna como “un proxecto esencial, non só para ir creando un corpus de fondos dixitais galegos para poñer a disposición do mundo enteiro, senón como garantía de preservación do patrimonio, que é unha das responsabilidades da Administración pública”.

Anxo Lorenzo tamén recordou que a Xunta de Galicia está a liderar o proxecto ARPAD, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza na que tamén participan o CIM Alto Miño de Portugal, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tui, que contempla a creación do Arquivo Dixital de Galicia, que permitirá ofrecer máis de 200 procedementos administrativos electrónicos. Nel integrarase o Arquivo Histórico Documental, que albergará os fondos dixitalizados do patrimonio documental.

Máis de 90 profesionais bibliotecarios, profesores e editores participan nesta xornada que se desenvolve hoxe no auditorio do Consello da Cultura Galega e que inclúe no seu programa dous relatorios, un panel de experiencias de éxito e unha mesa redonda. 

Tema: 

Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centradas na innovación e nos modelos de negocio das industrias culturais

As seccións FÓRUM e EXPO do Mercado das Industrias Culturais Atlánticas presentan 24 coloquios e mesas redondas, así como 14 presentacións de proxectos e outras 14 charlas e obradoiros para público xeral

Elévase a 350 a cifra de profesionais acreditados a este encontro internacional, que se celebrará en Santiago do 23 ao 26 de novembro combinando entrevistas bilaterais e reunións sectoriais coa exhibición artística e a exposición das producións culturais galegas e arxentinas

Entre os talleres previstos, destacan o titulado ‘Dramaturxia de Emerxencia’, do director arxentino Mauricio Kartún, e o dedicado a ritmo e percusión a cargo de Santiago Vázquez

Gallego
 Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centra
Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centradas na innovación e nos modelos de negocio das industrias culturais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá durante a celebración de MICAtlántica —o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que terá lugar en Compostela do 23 ao 26 de novembro— un intenso programa divulgativo cun total de 53 actividades, presentacións, debates, coloquios e obradoiros centrados na innovación e nos modelos de negocio cultural.  

Rematado o prazo de inscrición para profesionais, este evento internacional que organizan a Xunta de Galicia e a Secretaría de Cultura de la Nación Argentina reunirá máis de 350 profesionais para as roldas de intercambio de MICAtlántica LAB entre as empresas arxentinas, portuguesas, galegas e do resto de España que acudirán ao encontro.

Tamén inclúe diferentes propostas dirixidas ao público xeral, que poderá visitar a sección MICAtlántica EXPO, na que se amosará a produción da industria cultural galega e se ofrecerán diversos obradoiros e charlas, así como acudir aos coloquios programados en MICAtlántica FÓRUM.

Oitenta relatores

O espazo MICAtlántica FÓRUM abranguerá 24 sesións nas que participarán uns oitenta relatores. Entre eles, atópanse algúns dos principais produtores e distribuidores de cinema, música e televisión tanto españois como portugueses e arxentinos, así como representantes da industria editorial, do deseño e dos videoxogos de ambas beiras do Atlántico. As institucións estarán presentes a través de órganos de xestión cultural pública e privada de diferentes comunidades españolas, xunto cos seus homólogos latinoamericanos.

MICAtlántica EXPO incluirá, ademais da mostra da produción cultural, un total de 11 obradoiros e charlas impartidos por representantes de todos os sectores que participan en MICAtlántica.

Entre eles, destaca o taller titulado ‘Dramaturxia de Emerxencia’, no que o director arxentino Mauricio Kartún, considerado un mestre do teatro a nivel mundial, achegará as ferramentas básicas para abordar a construción de personaxes, o deseño da estrutura escénica ou a condución da acción. Este obradoiro está dirixido fundamentalmente a actores e directores teatrais, aínda que na súa traxectoria Kartún ten acadado numerosos seguidores noutros eidos transversais como o cinema ou a literatura.

No tocante ao eido musical, destaca pola súa singularidade a proposta de Santiago Vázquez, denominada ‘Taller de ritmo e percusión con señas’. Este compositor, multi-instrumentista, produtor e educador arxentino presentará as liñas mestras do seu pioneiro e código de linguaxe de sinais, que xa están utilizando miles de músicos profesionais e amateurs en diversos países. Mediante esta linguaxe, a percusión convértese nun xogo de equipo integrador e nunha extraordinaria ferramenta non só nos escenarios senón tamén nas aulas, en terapias grupais ou en procesos de integración social.

Xa no apartado dedicado exclusivamente a profesionais acreditados están previstas tamén 14 presentacións de proxectos empresariais ou impulsados por asociacións e institucións galegas e arxentinas.

Toda esta actividade, que terá lugar no Museo Centro Gaiás e no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia, complétase co extenso programa de concertos, representacións teatrais e proxección cinematográficas  que se estenderá ata o 29 de novembro por outros escenarios do centro histórico de Santiago de Compostela. Así, MICAtlántica SHOW contará, entre outros artistas, coas actuacións de Xoel López, Luar na Lubre, Cristian Zárate, Barroso & Peixoto, Marcelo e Hugo Dellamea, Rosa Cedrón, Uxía, Chango Spasiuk, Roi Casal, Sèrgio Tannus ou a compañía do Teatro Nacional Cervantes de Bos Aires.

Tema: