Cultura e Educación apoia a décima edición do simposio anual da AGE, centrado no futuro da biblioteca no contorno dixital

Máis de 90 profesionais bibliotecarios, profesores e editores participan nesta xornada promovida pola Asociación Galega de Editores, que foi inaugurada polo secretario xeral de Cultura
Xov, 14/11/2013 - 16:50
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a refle
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a reflexión sobre os contornos dixitais en relación co servizo bibliotecario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Asociación Galega de Editores (AGE) na décima edición do simposio O Libro e a Lectura, que este ano se centra no futuro da biblioteca no contorno dixital. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a reflexión sobre os contornos dixitais en relación co servizo bibliotecario, na que destacou a importancia de promover espazos de encontro nos que os diferentes axentes do sector de libro poidan debater, analizar e definir liñas de futuro compartidas.

Durante a inauguración, que tamén estivo presidida polo presidente da AGE, Manuel Bragado, o secretario xeral referiuse ao contorno dixital como “unha realidade que permite multiplicar as posibilidades da lectura e favorecer o acceso á información e á cultura, pero presenta tamén novas dificultades técnicas, legais e de mercado que non sempre son doadas de conxugar”. “Por iso –engadiu–  atopámonos nun momento editorial que esixe moito de todos os implicados no sector do libro”.

Lectura dixital nas bibliotecas

Nestes momentos, segundo explicou, “existen liñas de políticas públicas encamiñadas a proporcionar ferramentas de lectura dixital nas bibliotecas que, de certo, son aínda de menor envergadura da que desexariamos”. Nese sentido, afirmou que “a incorporación do libro electrónico ao servizo de préstamo ten que ser unha realidade inaprazable e niso estamos a traballar, conxuntamente co Ministerio de Cultura, para que este servizo estea garantido de maneira xeral o máis pronto posible na xestión do préstamo das bibliotecas públicas”.

No caso da Biblioteca de Galicia, “temos unha aposta clara pola dixitalización, cun esforzo moi importante por ir a ritmo nos estándares e estratexias europeas”, asegurou. Esa vertente dixital que é Galiciana cualificouna como “un proxecto esencial, non só para ir creando un corpus de fondos dixitais galegos para poñer a disposición do mundo enteiro, senón como garantía de preservación do patrimonio, que é unha das responsabilidades da Administración pública”.

Anxo Lorenzo tamén recordou que a Xunta de Galicia está a liderar o proxecto ARPAD, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza na que tamén participan o CIM Alto Miño de Portugal, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tui, que contempla a creación do Arquivo Dixital de Galicia, que permitirá ofrecer máis de 200 procedementos administrativos electrónicos. Nel integrarase o Arquivo Histórico Documental, que albergará os fondos dixitalizados do patrimonio documental.

Máis de 90 profesionais bibliotecarios, profesores e editores participan nesta xornada que se desenvolve hoxe no auditorio do Consello da Cultura Galega e que inclúe no seu programa dous relatorios, un panel de experiencias de éxito e unha mesa redonda.