O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 129 centros educativos da provincia de Pontevedra

Xesús Vázquez Abad salientou o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa posta en marcha pola Consellería

Lun, 21/01/2013 - 14:11
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 129 centros ed
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 129 centros educativos da provincia de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 129 centros educativos da provincia de Pontevedra, en dous actos nas delegacións da Xunta en Vigo e Pontevedra.  Nas sinaturas, ás que asistiron máis de 250 membros das comunidades educativas destes colexios e institutos, estiveron ademais presentes a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch; o delegado en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; así como inspectores dos centros participantes.

Vázquez Abad agradeceu aos representantes dos centros “o voso interese por esta segunda convocatoria de contratos-programa e o voso esforzo á hora de analizar as fortalezas e as eivas dos centros educativos nos que exercedes a docencia”. Neste sentido, salientou o éxito da iniciativa, na que este curso se implican 129 centros na provincia, 27 máis dos que participaron no 2011/2012 nos contratos-programa e o Programa de Iniciativas de Mellora (PIM). Ademais valorou o esforzo dos centros que o ano pasado participaron no PIM e este ano desenvolveron iniciativas para integrarse nos contratos-programa.

O conselleiro destacou o valor desta iniciativa, iniciada polo seu departamento o pasado curso, como aposta da Consellería pola autonomía dos centros de ensino, “porque ten constatado que sodes os docentes quen mellor coñecedes ás alumnas e alumnos e os que podedes acadar deles o mellor de si mesmos”. “A Consellería non pode estar máis satisfeita coa resposta dos centros educativos e dos 2.950 profesores implicados en toda Galicia”, dixo.

Así mesmo, Vázquez Abad salientou o esforzo económico realizado pola Consellería “nestes tempos de crise, investindo máis de 3,27 millóns de euros para respaldar estas actuacións, dos que máis de 1,5 millóns se destinan a centros da provincia de Pontevedra”

Liñas de actuación

A primeira hora da mañá o conselleiro reuniuse cos representantes dos 60 centros participantes de Vigo e a súa zona de influencia, que desenvolverán un total de 84 iniciativas ao abeiro dos contratos-programa asinados. Delas, 52 corresponderanse coa primeira das liñas de actuación previstas, a de reforzo, orientación e apoio; 21 coa de mellora da lectura, da escritura e do cálculo; 6 para a mellora da convivencia e 5 para mellorar o nivel de coñecementos para acadar a excelencia. “Incluso 21 destes centros - destacou o conselleiro- van asinar  contratos-programa en 2 ou máis liñas de actuación diferente, e o CPI Cova Terreña, de Baiona, chega a asinar 4 iniciativas distintas”.

Posteriormente, Vázquez Abad desprazouse á delegación da Xunta de Galicia na cidade do Lérez, onde asinou os restantes contratos-programa da provincia con 69 colexios e institutos. Das 98 actuacións que van desenvolver, 65 enmárcanse na liña de reforzo, orientación e apoio; 21 na de mellora da lectura, escritura e cálculo; 6 na destinada a favorecer a convivencia; 1 na dirixida á redución do fracaso escolar; e 5 na liña de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. Ao igual que na zona de Vigo, algúns centros – en concreto 26- asinaron o desenvolvemento de 2 ou máis proxectos.

Éxito da iniciativa

A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa cun total de 289 centros educativos. Deste xeito quedou confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa, á que se presentaron 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

Os centros participantes no curso 2012/2013 desenvolverán un total de 417 actuacións, 256 delas para o reforzo, orientación e apoio; 91 de mellora da lectura, escritura e cálculo; 34 para a mellora da convivencia; 6 dirixidas á redución do abandono escolar; e 30 para favorecer a excelencia educativa. Un total de 99 colexios e institutos asinaron contratos-programa con 2 ou máis liñas de actuación.

O obxectivo é que se beneficien destes contratos-programa preto de 35.800 alumnas e alumnos de toda Galicia, grazas á implicación de 2.950 docentes. Pola súa parte, a Consellería inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros.