Cultura e Educación abre o prazo de inscrición de estudantes no primeiro proxecto experimental de FP dual en Galicia

Convócanse 15 prazas novas para o ciclo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos
As alumnas e alumnos compaxinarán a súa formación no CIFP Politécnico de Santiago coa formación na empresa e cun contrato de traballo remunerado
Mér, 16/01/2013 - 18:45
Cultura e Educación abre o prazo de inscrición de estudantes no primeiro proxect
Cultura e Educación abre o prazo de inscrición de estudantes no primeiro proxecto experimental de FP dual en Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de 15 prazas para o primeiro proxecto de Formación Dual que se vai poñer en marcha en Galicia, en colaboración coa empresa Coremain. Así, ábrese o prazo de inscrición en 15 prazas novas para o ciclo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos; cun plan de estudos de 2 anos e medio, no que as alumnas e alumnos compaxinarán a súa formación no CIFP Politécnico de Santiago coa formación na empresa e cun contrato de traballo remunerado.

A convocatoria – que se pode consultar no enlace http://www.edu.xunta.es/fp/fpdual-coremain vai dirixida a persoas que cumpran os requisitos de acceso aos ciclos formativos, que teñan entre dezaseis e trinta anos e que non teñan realizado con anterioridade un contrato de formación e a aprendizaxe. Con carácter xeral, os candidatos non poden estar –nin ter estado–matriculados en ningunha ensinanzas no presente curso académico, aínda que, de xeito excepcional, a Consellería poderá autorizar a matrícula no proxecto ás persoas aspirantes matriculadas en ciclos formativos polo réxime de persoas adultas.

Os interesados en participar nesta iniciativa poderán presentar as súas solicitudes entre o día 21 e o 25 de xaneiro, as 13 horas, na secretaría do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. O centro fará público a relación definitiva de persoas candidatas que cumpra nos requisitos de acceso aos ciclos formativos. De entre elas, a empresa Coremain será a encargada de realizar a selección dos 15 estudantes que participen no proxecto que comezará a mediados do vindeiro mes de xaneiro.

Formación e traballo

O carácter diferencial da FP Dual consiste na combinación da formación curricular co traballo remunerado nunha empresa – neste caso Coremain-, na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 2 anos e medio de duración do proxecto, o 21,7% desenvolverase no centro educativo correspondente, mentres que o restante se levará a cabo nas instalacións de Coremain.

O proxecto terá unha duración total de 4.828 horas, das que 1.899  serán de formación e 2.929 horas serán de traballo efectivo. Ao longo dos dous anos e medio que dura o proxecto, o peso da parte correspondente ao traballo irá aumentando: do 45% do primeiro ano ao 72% do último curso.

No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá un contrato de traballo para a formación e a aprendizaxe, de acordo co recollido no título II do RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual. Trátase dun contrato remunerado, polo que o traballador se acollerá ademais ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesmas en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase consonte ao estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.