Cultura e Educación, a Fundación SM e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo colaboran no VI Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado inmigrante

O encontro celébrase hoxe na Escola Galega de Administración Pública, e ten como obxectivo o intercambio de ideas e coñecementos para o impulso da investigación e a innovación neste eido

Ven, 14/12/2012 - 17:30
O VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia
O VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’, que se celebra hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación SM e a Rede Inmigración, Educación e Sociedade (RIES) – formada pola USC e a UVigo- , colaboran na celebración do VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’, que se celebra hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. Á fronte da organización está o grupo competitivo do sistema de I+D ‘ESCULCA’, da USC.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, representou á Consellería na inauguración deste encontro, na que tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan casares Long; o decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Rodolfo Luis Ferradas Blanco;  o director da Fundación SM e o presidente do Comité Organizador do evento, Miguel Anxo Bastos Boubeta. Durante o transcurso do acto entregouse o Premio a Materiais Didácticos da Rede RIES a Concepción Varela Portela polo seu traballo A educación intercultural na aula de Lingua Castelá e Literatura.

O seminario ten como obxectivo o intercambio de ideas, experiencias e coñecementos entre os profesionais que se dedican á atención educativo do alumnado inmigrante, para o impulso da investigación e a innovación neste eido. Así, o encontro está pensado para a ampliar e fortalecer as canles de colaboración entre eles, poñer en valor e proxectos a este respecto e axudar a difundir estas boas prácticas, co fin de acadar unha mellora organizativa e curricular nos centros de ensino. Desta forma búscase tamén favorecer novos enfoques de formación do profesorado neste ámbito, abrindo vías para a constitución de comunidades de aprendizaxe e para a conformación de grupos de investigación-acción.

Por outra banda, o seminario procura fomentar o establecemento de canles de conexión estables entre as escolas, as familias e os concellos arredor de programas socio-educativos para a integración e inclusión da inmigración.

A actividade será recoñecida con 10 horas de formación do profesorado, así como cun crédito de libre configuración para os estudantes de titulacións da Facultade de Ciencias da Educación da USC

Debate e presentación de experiencias

O encontro comezará cunha ponencia de Agustín Godás Otero (USC) sobre o rendemento educativo do alumnado inmigrante en España. A primeira xornada pecharase coa mesa redonda, coordinada por Diana Priegue (USC), “As posibilidades dun proxecto social e intercultural desde os centros educativos e a sociedade civil”, na que participará o director do IES Carlos Casares (Viana do Bolo), Carlos Ferreiro; a presidenta de CONFAPA- Galicia, Helena Gómez; e do pedagogo do Concello de Vigo, Rafael Ojea.

O programa do domingo arrincará coa ponencia de Mª Jesús Agra Pardiñas (USC) “A educación artística no desenvolvemento intercultural da infancia”, tras a que se celebrarán catro obradoiros simultáneos. Neles, a experta en educación infantil Gena Borrajo afondará na xestión da diversidade cultural, Mar Lorenzo (USC) abordará a aprendizaxe cooperativa e a calidade na atención educativa ao alumnado inmigrante, e Mª Teresa Díaz (USC) presentará os materiais e recursos para o ensino de segundas linguas a este colectivo de estudantes. Pola súa banda, Raúl Portero (IES Porto do Son) tratará o cine como recurso educativo de carácter intercultural, e Beatriz Cebreiro será a responsable do obradoiro “Competencia dixital e proxectos educativos interculturais”.

A xornada da tarde será a quenda para a presentación de experiencias e boas prácticas, coordinada por Gerardo Nistal, do Centro de Formación e Recursos (CEFORE) da Coruña. Jose Luis Ruibal, do CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), presentará a iniciativa do centro para a educación intercultural a través de curtas audiovisuais; mentres que Julia Camiña e Flora García amosarán os materiais interactivos que o CEIP A Carballeira (Lourizán) utiliza para a iniciación ao galego dos alumnado estranxeiro. Así mesmo, Juan Monte, do CEIP Paradai (Lugo), abordará a estimulación da linguaxe oral nestes estudantes.

O seminario pecharase coa conferencia do xefe do departamento de Desenvolvemento Docente e Políticas Educativas da UNESCO, Francesc Pedró, “Políticas Educativas en Europa e Xestión da Inmigración en España”.

Menús News node R