Vázquez Abad destaca que as iniciativas de Cultura e Educación na formación en idiomas xa chegaron a preto de 10.000 profesores

O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe aos 19 profesores que están a mellorar as súas competencias en inglés nunha estadía en Allariz no marco do programa PIALE para a formación de docentes

Ao final do curso 2012/2013 a Consellería terá investido uns 6,5 millóns de euros na formación do profesorado en materia de plurilingüismo

Durante a visita anunciou a próxima apertura de novas seccións da Escola Oficial de Idiomas en Ribadavia e Celanova

Sáb, 21/07/2012 - 12:45
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reuniuse cos profesores que participan no curso de inglés

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe que as iniciativas levadas a cabo polo seu departamento na formación de idiomas para docentes xa chegaron a preto de 10.000 docentes. O conselleiro fixo referencia ao compromiso da Xunta de Galicia coa formación do profesorado, ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras durante a visita que realizou a Allariz, onde 19 profesores están a mellorar as súas competencias en inglés nunha estadía lingüística enmarcada nos plans de formación. De feito ao final do curso 2012/2013 a Consellería de Cultura e Educación terá investido uns 6,5 millóns de euros en formación do profesorado en materia de plurilingüismo.

Ao mesmo tempo, e durante a visita, Vázquez Abad aproveitou para agradecer o esforzo dos docentes galegos a prol do impulso do plurilingüismo no noso sistema educativo. “O feito de que decidan dedicar tempo a actualizar e mellorar os seus coñecementos en linguas estranxeiras dá conta do seu compromiso co alumnado, ao que poderán ofrecer unha mellor formación”, destacou.

O curso, que se desenvolve en Allariz ata o vindeiro día 27 de xullo, constitúe unha das actuacións impulsadas pola Consellería no marco do Plan Integral de Ayuda a las Lenguas Extranjeras (PIALE), que comprende diversas actividades formativas en idiomas para o profesorado, tanto en España como no estranxeiro.

Formación do profesorado

Ao longo da presente lexislatura a Consellería ofertou 1.035 prazas para as estadías do PIALE, o que supuxo un investimento superior a 2,5 millóns de euros; ademais, contando coas prazas que se ofertarán o ano que vén, a Consellería terá disposto 3.280 prazas en Cursos de Actualización Lingüística e Comunicación (CALC) para fomentar e facilitar a acreditación do profesorado no dominio das distintas destrezas comunicativas en distintas linguas, de acordo cos niveis de competencia establecidos no Marco Común Europeo de Referencia para a aprendizaxe de linguas (MECRL). Cómpre recordar que os CALC van dirixidos a aqueles docentes que imparten (ou o queren impartir) clases en centros plurilingües ou con seccións bilingües. Deste xeito, no que vai de lexislatura a Consellería de Cultura e Educación investiu 4,7 millóns de euros en formación do profesorado en linguas estranxeiras.

Estadías para docentes e profesores

Durante a semana de formación os docentes terán a oportunidade de manter conversas individuais e en grupo con persoas nativas de lingua inglesa. Así mesmo, realizaranse actividades de situación, como presentacións ou chamadas telefónicas, e diversos xogos de rol, obras de teatro, etc. Trátase dunha oportunidade para que as profesoras e profesores participantes poidan desenvolver fundamentalmente a competencia oral nun contorno no que permanecen constantemente en contacto co inglés.

Cómpre lembrar que a Consellería convocou ademais 2.568 prazas para estadías lingüística do alumnado, tanto en ‘vilas inglesas’ en Galicia, como no estranxeiro, en Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña.

Novidades en seccións das Escolas de Idiomas

Ademais durante a visita realizada hoxe pola mañá a Allariz o conselleiro anunciou que está prevista a apertura de novas seccións en Ribadavia e Celanova da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, o que suporá 180 novas prazas en 6 grupos de inglés, e que se unirán ás que xa funcionan no Barco, O Carballiño e Verín.

Tal e como explicou o conselleiro, o vindeiro curso máis de 5.400 estudantes da provincia de Ourense mellorarán o vindeiro curso as súas competencias lingüísticas ao abeiro do Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras. Arredor dun milleiro deles farano nos 16 centros plurilingües da provincia (3 de nova incorporación este ano); e os restantes nas 261 seccións bilingües coas que contan 54 centros ourensáns (66 de nova creación para o vindeiro curso).

No conxunto do territorio galego, haberá máis de 55.000 estudantes galegos que se beneficien do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras -segundo os datos actuais-, a través das seccións bilingües os centros plurilingües. En total, a rede de centros plurilingües de Galicia chegará a 148 colexios e institutos da comunidade, e a de seccións bilingües comprenderá un total de 2.362 seccións en 649 centros educativos, dos que 499 son seccións de nova incorporación no vindeiro curso, e 207 son novos centros implicados nesta iniciativa. Deste xeito supéranse amplamente as expectativas iniciais, grazas a este apoio dos centros e dos docentes, ata 1.142 implicados este curso tanto en centros como en seccións.